Entradas

Adeus a Avelino Pousa Antelo, o soñador da Galiza redimida

De Pousa Antelo quedará sempre a lembranza do seu labor incansábel por recuperar a memoria de todos aqueles galeguistas que loitaron pola liberdade e tamén a súa rexa dignidade en manter en todo momento o seu ideario.

Presidente da Fundación Castelao, da Fundación Pedrón de Ouro e membro da Fundación Alexandre Bóveda, Avelino Pousa Antelo foi durante os seus últimos anos a presenza viva da memoria por recuperar. Transmitía emoción e convicción nuns idearios que compartiu con Castelao, a quen lembraba de neno dando un mítin no Teatro Principal de Compostela.

O episodio, repetido unha morea de veces, transmitía como poucos a personalidade que o autor de Sempre en Galiza deixou para sempre en Pousa Antelo. Aquel mítin marcou a súa memoria para toda a vida e, tempo andado, convertiríao no maior valedor da figura de Castelao, a quen dedicou o alento dos seus últimos anos desde a Fundación Castelao que preside.

Avelino Pousa Antelo mostrouse sempre fiel ao ideario de Castelao, reivindicou o papel do galeguista na nosa historia e no recoñecemento popular e institucional mais non mostrou ningunha dúbida cando dediciu rexeitar a Medalla Castelao outorgada pola Xunta de Fraga. Dicía que non podía aceptar unha medalla que deshonraba o seu nome.

Cando estaba a piques de cumprir un século de vida, Avelino Pousa Antelo pecha unha biografía ateigada de compromiso coa nosa lingua, coa nosa cultura e co noso país.

O seu corpo estará exposto desde mañá día 21 ás 12 e media no Concello de Teo até as 19 horas en que será incinerado. A familia prega que non se envíen flores e, no canto diso, se se quixer, que se faga unha doazón a APAMITE (Asociación de Pais de Minusválidos de Teo).

Fonte: SermosGaliza