Entradas

A AELG, o PEN Clube e A Mesa critican a participación de Marta Rivera na homenaxe a Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en lingua galega (AELG), a través do seu presidente Césareo Sánchez Iglesias opina que é “ofensivo que se chame a unha persoa que non é nin ten nada que ver con todo o que simboliza Rosalía de Castro”. No parecer da AELG tamén “é ofensivo” que se represente “a unha lingua maltratada como tamén son maltratadas moitas mulleres”.

Desde a mesma entidade lembran que “sempre estivemos a disposición da Secretaría Xeral de Igualdade”, mesmo con actividades nas casas de acollida. “Estamos diante dun acto profundamente agresivo para a cultura galega”, indica Cesáreo Sánchez, “unha cultura construída de maneira determinante por mulleres galegas que defenderon o que representou Rosalía de Castro”.

O PEN de Galiza, integrado en 1989 no PEN Internacional de escritores que representa a 146 Centros en 106 países, remitiu un comunicado no que afirma que “honrar a Rosalía de Castro, muller símbolo de Galiza, na conmemoración oficial do Día Internacional da Muller, implica a obrigada participación de escritoras en lingua galega”. Para a organización que preside Luís González Tosar “esta exclusión agravia ao conxunto do sistema literario de noso e desacredita aos organizadores”.

Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, manifestou en relación a que se escollera unha escritora en castelán que “desde que Rosalía publica Cantares Gallegos hai 150 anos, con máis ou menos dificultades, hai escritoras en galego coas que se pode contar”.

Fonte: SermosGaliza