Artigos

Celebramos hoxe o Día internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.

A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística celebran a festa da Lingua Materna de 2019 no concello de Ourense cun breve acto institucional seguido dunha actividade de dinamización lingüística para nenos e nenas de 0 a 3 anos e as súas familias que terá lugar na Escola Infantil de Ourense Centro Interxeracional, dependente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. A actividade corre a cargo de Andrea Bayer e Davide González, de Baobab Teatro, que empregan o engado das músicas do seu espectáculo Puño Puñete para interactuar cos nenos e nenas.

As linguas como factor de desenvolvemento, paz e reconciliación

Cada ano, a UNESCO escolle un tema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. O 2019 é o Ano Internacional das Linguas Indíxenas, polo que este Día Internacional da Lingua Materna está dedicado a elas en tanto factor de desenvolvemento, paz e reconciliación. Os pobos indíxenas representan aproximadamente 370 millóns de persoas e falan a maioría das 7000 linguas vivas.

A mensaxe da directora xeral da Unesco, Audrey Azoulay, con motivo do Día Internacional da Lingua Materna 2019, insiste en que todas as linguas maternas “son esenciais para contruír a paz” e o seu desenvolvemento na infancia é fundamental para garantir as competencias que alicerzan o crecemento persoal, sen esquecer que “a lingua materna é unha expresión singular da nosa diversidade creadora, unha identidade e unha fonte de coñecemento e innovación”. Por iso advirte de que “para a UNESCO, cada lingua materna merece ser máis coñecida, recoñecida e valorada en todas as esferas da vida pública”.

Lingua materna

A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet… fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.

Fonte: O portal da Lingua galega