Entradas

O Muncyt abre as súas portas este venres con entrada gratuíta no mes de xuño

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt), abrirá as súas portas este venres, día 1, de forma oficial, tras a súa inauguración polos Príncipes de Asturias o pasado día 4 de maio, e dunha xornada de portas abertas durante o Día da Ciencia na Rúa, na que recibiu a 3.250 visitantes. A entrada durante todo o mes de xuño será gratuíta, segundo informa nun comunicado.

Por outra banda, as visitas que se realizaron de martes a venres durante o mes de maio permitiron que coñezan o museo un total de 1.495 persoas. Entre elas, 880 escolares de 28 centros docentes da provincia de A Coruña, acompañados polos seus profesores; 322 doutros centros educativos; e 293 visitantes en grupos de adultos.

O Prisma de Cristal –cedido pola Deputación Provincial de A Coruña– está a resultar un dos atractivos do Muncyt, “e os visitantes gaban sobre todo a grandeza dos seus espazos interiores”, sinalan os seus responsables.

Ademais dos grupos de estudantes de ensino primario, secundaria e bacharelato, durante este mes recibíronse visitas de grupos de residencias de anciáns, profesores de tecnoloxía, asociacións de amas de casa, a escola de pilotos, a asociación de xornalistas científicos, directores de centros docentes, e grupos universitarios.

SALAS MÁIS VALORADAS

Os espazos máis valorados polo público son o ‘Jumbo Lope de Vega’, os robots e a exposición ‘QWERTY, a evolución dunha especie tecnolóxica’ que recolle a evolución do teclado QWERTY dende as súas orixes nas máquinas de escribir ata as tablets.

O día da apertura da sede coruñesa do Muncyt coincide, cos 27 anos da inauguración da Casa das Ciencias, primeiro museo científico interactivo de titularidad pública en España.

Durante todo o mes de xuño a entrada ao Museo Nacional será gratuíta, e con horario de martes a venres, de 10.00 a 17.00 horas, e sábados, domingos e festivos, de 11.00 a 15.00 horas. A partir do día primeiro de xullo comezará o horario de verán e entrará en vigor a orde de prezos.

Fonte: GaliciaHoxe