Artigos

A LIMIA: onde unha man da Xunta non sabe o que fai a outra

Desde o desougamento da lagoa de Antela hai medio século, cun proxecto realizado en apenas 2 meses e modificado sobre a marcha durante os máis de 6 anos de obras, a ordenación do territorio e a planificación das actividades humanas produtivas (agricultura, gandería, industria, minería) brillan pola súa ausencia na Limia, deixando o presente e futuro da bisbarra en mans da improvisación e, mesmo, do surrealismo.

A última mostra, polo de agora, de actuacións caóticas e descoordinadas das administracións públicas na Limia ven outra vez da Xunta de Galicia: mentres cunha man (Consellería de Medio Rural e do Mar) declara á Limia como Zona de Especial Interese Agrario e proxecta catro novos plans de regadío, coa outra man (Consellería de Economía e Industria) somete a información pública un proxecto mineiro para extraer feldespatos a ceo aberto coincidindo exactamente cunha das catro zonas que se pretende transformar en regadío (a de Corno do Monte cunha superficie de 1060 ha e un investimento de entre 8 e 12 millóns de euros).

A descoordinación é tal que durante varias semanas coincidiron no tempo os trámites de información pública de ámbolos dous proxectos, aos que SGHN presentou ás oportunas alegacións.

Máis información en www.sghn.org

Galicia é a última de España na Rede Natura

Co verde que é Galicia e tan só o 11,88 por cento da súa superficie forma parte da Rede Natura 2000. Pouco máis do seu terreo, o 12,88%, é espazo protexido. Eses son os datos do último anuario do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente a decembro de 2011, e sitúan a Galicia como a comunidade autónoma que, en relación ao seu tamaño, ten menos superficie que forme parte da rede. Só a cidade autónoma de Melilla lle gana nestes termos.

Natura 2000 é o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea e protexe as especies e os hábitats máis ameazados, evitando a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto do home.

Fonte: El Correo Gallego