Entradas

http://www.eldiario.es/cultura/Neira-Vilas-jornalero-gallegas-Che_0_272623220.html

Un día triste, falece o escritor Xosé Neira Vilas

Xosé Neira Vilas (1928-2015), autor da obra Memorias dun neno labrego, unha das historias máis coñecidas da literatura galega, faleceu esta mañá na súa casa en Gres (Vila de Cruces), con 87 anos.

Fillo de labregos, estudou comercio por correspondencia e traballou de contable. En xaneiro de 1949 emigrou a Arxentina e entra en contacto con galeguistas como Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela ou Ramón de Valenzuela e en 1953 funda as Mocedades Galeguistas, casa coa escritora Anisia Miranda en 1957 e funda a editorial Follas Novas. En 1961 marcha a Cuba coa súa dona.

Logo de trinta e un anos na illa caribeña, xa xubilados, regresan a Galicia en 1994 para viviren en Gres onde dirixen a Fundación Xosé Neira Vilas e continúan co labor cultural e periodístico.

Xosé Neira Vilas é membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas Universidades da Coruña e da Habana, Premio da Crítica Española (narrativa) e premio da Crítica Galega (ensaio). Recibiu a medalla Castelao, o Pedrón de Honra, o premio Celanova Casa dos Poetas, o Premio Laxeiro, o Premio Trasalba (2004) e a Medalla de Ouro de Galicia (2015), e foi nomeado socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega no 1999.

Imaxe

Neira Vilas reivindica o galego nos Premios da Cultura

Un 10 de decembro, cen anos atrás, saía á luz “unha das partidas de nacemento da literatura galega”: o Pergamino Vindel, que contiña sete cantigas de amigo de Martín Códax. Varios séculos separan a voz daquel trovador doutra, a de Xosé Neira Vilas, que tamén o mércores soou alto, e entre estruendosos aplausos -conseguiu que todo o público se puxese en pé- na gala de entrega dos Premios da Cultura Galega para reivindicar como é “un orgullo para todos pensar que este pequeno país ten un idioma propio” no que se escribe unha literatura que “está á altura de calquera literatura europea”.

“Galicia merece que sigamos traballando por ela”, reivindicou o galardonado en Letras, quen recordou que o galego ensínase “en 24 universidades de todo o mundo”. “De maneira que podemos sentirnos orgullosos de ser galegos”, proclamou. Como o está el, que se define como “un xornaleiro das letras” e alguén que “en todo momento defendeu a dignidade de Galicia entre propios e alleos”.

A proba do interese polo galego ofrécea o profesor británico David Mackenzie, quen recolleu a distinción de Lingua polo seu labor de difusión do galego no mundo anglófono. De feito, ademais de realizar toda a súa intervención en galego, explicou como o Centro Irlandés de Estudos Galegos, que el creou, promoveu as investigacións sobre a lingua de Rosalía. “A Dirección Xeral de Política Lingüística pode estar satisfeita”, bromeou.

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao galego para invitar a entrar “nunha nova fase que permita ver aos falantes actuais e potenciais un galego desprovisto de controversias”, que actúe como “punto de encontro” e que “ninguén” utilice “como bandeira privada”. O mandatario entende que a lingua “é a gran ferramenta da nosa cultura”, da que son “referencia nun tempo que precisa modelos aos que seguir e admirar” todos os galardonados.

Entre eles, o vigués Cándido Pazó, en Artes Escénicas, quen dedicou o seu premio a todos os “que calquera día entraron nun teatro” para asistir a un espectáculo. “Porque esa é a gran tarefa pendente”, subliñou. “Temos un país con inmensas infraestruturas culturais” e “humanas”, asegurou, e Administración e artistas deben “traballar en conquistar hábitos que garantan que o público dea sentido a todo isto”. “Polo público. Con toda a polisemia que encerra esta declaración”, reivindicou.

Se o público preocupa a Pazó, son os apoios institucionais os que inquietan á presidenta de Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes), Dores Ben, quen aludiu á situación “dramática” que viven moitas empresas do audiovisual. Recordou que fai vinte anos a Xunta considerou este sector como estratéxico e apelou a que se recupere” ese “espírito” porque, alega, “Galicia non pode permitirse perder o mellor sector que nunca puido soñar”.

O sector de artes plásticas non é alleo á crise. A propietaria da Galería Trinta, Asunta Rodríguez, premiada nesa categoría, dedicou o recoñecemento aos seus clientes, que permiten facer “realidade” o que definiu como unha “imposibilidade marabillosa”, e aos artistas, “que co seu inmenso e xeneroso talento dan forma a un proxecto”: “Artistas equilibristas sempre encima dun arame sen rede”.

De austeridade falou Francisco Fariña, presidente do Grupo Marcelo Macías -premiado na categoría de Patrimonio Cultural-, quen encomiou o empeño de grupos como o seu por “traballar en que o patrimonio de Galicia sexa a representación da identidade galega” e facelo desde unha “austeridade asumida”. “A nós fálannos de austeridade, e esquecen que nos traballadores está o futuro”, sinalou.

Que a cultura “xera riqueza” téñeno claro en Ortigueira, sé do festival que reúne miles de visitantes. Así o sinalou o seu alcalde, Rafael Girón, que recolleu o galardón no apartado de música. Por iso comprometeuse a seguir “investindo en cultura” como “motor de desenvolvemento” e aposta por “a nosa música” e o “patrimonio cultural de Galicia”.

Pola súa banda, Luís González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia, recoñecido polo seu labor de Proxección Exterior, recordou como convenceron ao Pen Club Internacional para crear a sección galega: “Galicia é un país de palabras e ten unha das literaturas máis vellas de Europa.”

Fonte: Faro de Vigo