Artigos

Baía presenta ‘A NOSA TERRA É NOSA. A xeira das Irmandades’ na Feira do Libro da Coruña

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación do libro A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua. Terá lugar na Carpa de Presentacións da Feira do Libro da Coruña (Xardíns de Méndez Núñez) o xoves día 4 de agosto ás 20:30 horas.

Contaremos coa presenza de Emilio X. Ínsua, Goretti Sanmartín e Belén López (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Presentación e mesa redonda do Museo de Arte Contemporáneo da Costa da Morte hoxe en Portas Ártabras

Fundación creada en 2006 por Cristina Torre-Cervigón, viúva do pintor Julio Pujales Rivas (A Coruña, 1939 -1998). En abril de 2012 inaugurouse o museo de arte contemporánea, que ofrecerá ao público máis de 700 obras entre pinturas e esculturas dun total de 200 autores galegos e doutras nacionalidades.

Hoxe, mércores 27 de xullo ás 20:00 h. preséntase en Portas Ártabras o Museo de Arte Comporáneo Costa da Morte, un proxecto altruista da viúva do pintor coruñés Julio Pujales, que deixou a pel nel. O museo conta cunha colección importante de artistas de primeira magnitude.

A librería Trama de Lugo, primeiro selo de calidade do Ministerio de Cultura que se concede en Galicia

A librería Trama de Lugo obtivo o primeiro selo de calidade do Ministerio de Cultura que se concede en Galicia. Os avaliadores tiveron en conta a atención que se da os clientes, a diversidade e amplitude da oferta, o trato con outros axentes do sector ou a organización de actividades culturais. Os propietarios cren que, logo de case vinte anos de traballo, o selo ven recoñecer o seu labor pero tamén supón a esixencia de non baixar a garda e seguir mantendo o bo servizo.

“Non é que che esixan que traballes de certa maneira senón que analizan o que ti fas para comprobar se entra nos parámetros de calidade que eles estableceron. E dase por suposto que as librarías que teñamos este selo serán máis tidas en conta.”, di Coira.

Outros aspectos que se tiveron en conta foron os criterios de ordenación dos libros, o aproveitamento das instalacións ou o uso axeitado da Internet e das redes sociais. Ademais, incluíronse apartados nos que a libraría podería introducir melloras e innovacións no seu servizo. Os selos de calidade para establecementos libreiros forman parte da campaña do Plan Integral de Fomento da Lectura que organiza o Ministerio de Cultura en colaboración coa editoriais, as distribuidoras e as propias librarías.

Parabéns!

Máis información sobre a libraría Trama. Fonte: CRTVG. Foto.

Xa temos o premio FREI MARTÍN SARMIENTO en Baía!

Na entrega do Premio Frei Martín Sarmiento, que recoñece obras da literatura infantil e xuvenil seleccionadas polo alumnado e polas súas familias, García Gómez quixo destacar o papel normalizador da literatura, que “tantas veces se converteu en porta de entrada dos rapaces e rapazas ao coñecemento e ao amor pola lingua propia de Galicia”.

Premio Frei Martín Sarmiento
Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o Premio Frei Martín Sarmiento recaeu este ano na escritora Paula Carballeira, pola súa obra “A burra Ramona” (ilustrado por Xosé Tomás); na categoría de 3º e 4º de primaria, o gañador foi Xabier Frías, por “As aventuras de Enrico Müller”; na de 5º e 6º de primaria, Xabier Estévez, por “Todos os soños”; Santiago Jaureguízar fíxose co galardón na categoría de 1º e 2º de ESO por “O veleno da risa” e Agustín Fernández Paz, con “A neve interminable”, obtivo o de 3º e 4º de ESO. Na categoría de bacharelato e adultos, gañou o premio Francisco Castro, con “Tes ata as dez”.

Desde Baía queremos agradecer a Paula Carballeira e a Xosé Tomás a súa confianza en nós para publicar este magnífico libro!

 

Máis información

A BURRA RAMONA, PREMIO FREI MARTÍN SARMIENTO

Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, acudiu á entrega dos Premios Frei Martín Sarmiento e Rec.Curta que convocan a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Federación Española de Relixiosos do Ensino de Galicia – Centros Católicos (Ferega-Ceca).

Na entrega do Premio Frei Martín Sarmiento, que recoñece obras da literatura infantil e xuvenil seleccionadas polo alumnado e polas súas familias, García Gómez quixo destacar o papel normalizador da literatura, que “tantas veces se converteu en porta de entrada dos rapaces e rapazas ao coñecemento e ao amor pola lingua propia de Galicia”.

En canto a Rec.Curta, que galardoa curtametraxes de ficción elaboradas por alumnado de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional, o secretario xeral sinalou que o cine é “outra maneira de contar as historias e de transmitir as ideas, paralela á literatura”, que lle permite ao alumnado expresar a súa creatividade e “descubrir o valor do galego para comunicar o seu propio universo en calquera espazo ou soporte”.

Premio Frei Martín Sarmiento
Na categoría de 1º e 2º de educación primaria, o Premio Frei Martín Sarmiento recaeu este ano na escritora Paula Carballeira, pola súa obra “A burra Ramona” (ilustrado por Xosé Tomás); na categoría de 3º e 4º de primaria, o gañador foi Xabier Frías, por “As aventuras de Enrico Müller”; na de 5º e 6º de primaria, Xabier Estévez, por “Todos os soños”; Santiago Jaureguízar fíxose co galardón na categoría de 1º e 2º de ESO por “O veleno da risa” e Agustín Fernández Paz, con “A neve interminable”, obtivo o de 3º e 4º de ESO. Na categoría de bacharelato e adultos, gañou o premio Francisco Castro, con “Tes ata as dez”.

Rec.Curta
Na categoría de 1º, 2º e 3º de ESO obtivo o premio á mellor película a curta “Os invisibles”, do alumnado de segundo de ESO dos Padres Franciscanos de Lugo. O premio a mellor actor compartírono os alumnos Jorge Rodríguez, Manuel Jover e Jorge Fernández, e as mellores actrices resultaron ser Ángela Abelleira, Pilar Corredoira e Paula Jover, todos do mesmo centro lugués. O galardón aos mellores efectos especiais recaeu no traballo “O reloxo dos segundos”, elaborado polo alumnado de 1º de ESO do colexio Calasanz-Padres Escolapios da Coruña, e o da mellor música adaptada, en “Unha rosa para mariña”, do alumnado de 3º de ESO da Inmaculada de Lugo. Esta mesma curta obtivo tamén o premio ao mellor guión. O xurado outorgou, así mesmo, unha mención especial á participación para “A Curta”, do alumnado de 3º de ESO do colexio Calasanz-Padres Escolapios da Coruña.

Na categoría de 4º de ESO e bacharelato, a mellor película, en opinión do xurado, foi “365”, do alumnado de 4º de ESO do Colexio María Assumpta de Noia, que tamén obtivo unha mención especial á calidade de lingua. Outorgáronse así mesmo galardóns a mellor actor (Dani Ces e Marcos Lado, protagonistas de “365”), a mellor actriz (Sabela Fernández, do Colexio María Inmaculada de Vigo), mellores efectos especiais e mellor música adaptada (“O recordo esquecido”, do alumnado de 4º de ESO da Compañía de María de Santiago), mellor guión (“A intuición”, do alumnado de 1º de bacharelato do San Juan Bosco da Coruña, e “Sempre con nós, do alumnado de 4º de ESO do Colexio María Inmaculada de Vigo), mellor vestiario e mellor aderezo (tamén do alumnado de 1º do San Juan Bosco da Coruña, por “Xoanman” e “Secuestro no Congreso, respectivamente).

Fonte: Xunta

Coñecemos un pouco máis das Irmandades da Fala (III)

Extracción do libro A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931)

A idea das Irmandades, unha vez fundado o primeiro núcleo na Coruña, vaise espallar con certa rapidez por varias cidades e vilas da Galiza mediante diferentes elementos propagandísticos: os mitins, a correspondencia epistoral (infelizmente inaccesíbel hoxe moita dela), os artigos na prensa periódica, o contacto persoal etc. Antón Villar Ponte xoga a este respecto un papel básico, cando menos nestes primeiros compases, e á súa actividade débese, por exemplo, o achegamento ás Irmandades dunha figura tan relevante nelas como Lois Porteiro Garea, líder do grupo santiagués. Ao local da Irmandade chegaban segundo Ramón Villar Ponte, “un día e outro, de diversas localidades da terra, peticións de estatutos, demandas de ourentación, adheríndose verbas de alento” (Ramón Villar Ponte, 1977:21).

As primeiras actividades públicas da nova entidade (excursións, recitais, cursos de lingua, promoción dos coros populares, representacións teatrais, ciclos de conferencias, homenaxes a figuras desaparecidas…) parecen asimilala a unha asociación de índole estritamente lingüística e cultural (Quintana Garrido, 2002b:182; Beramendi, 2007:434-435) e iso provoca, como teñen sinalado Beramendi e Núñez Seixas, unha certa acollida positiva moi xeralizada, que inclúe sectores (persoeiros, cabezallos de prensa… ) certamente aditos ao statu quo político do momento. Iso fai que as Irmandades teñan, á partida, unha presenza “proporcionalmente moi superior á súa entidade real” (Beramendi & Núñez Seixas, 1995:96). A falida confluencia co republicanismo coruñés nunha nova Solidaridad Gallega, por volta de finais de verán de 1916, e, sobre todo, a aparición do voceiro A Nosa Terra, en novembro dese mesmo ano, comezarán a mudar esa inicial fasquía “inofensiva” e “folclórica” das Irmandades, que emprenden desde entón, sen abandonar por iso o activismo cultural e idiomático, un rumbo claramente “político”, que axiña debullaremos…

Foto: Antón Villar Ponte, na homenaxe a Vicetto e Añón. © CCG

Entrega do IV Premio de Microrrelatos MULLERES PROGRESISTAS

O vindeiro luns 25 de abril de 2016, ás 17:00 horas, na Biblioteca da Escola Municipal de Artes e Oficios (Avendia García Barbón, 5-Vigo) farase entrega do IV Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas, premio que está subvencionado pola Concellería de Igualdade do Concello de Vigo.

O xurado do IV Premio de Microrrelatos Mulleres Progresistas decidiu outorgar o 1º premio a “aula 34, quinto de Primaria” de Laura de Cáceres Iglesias; o 2º premio a “a caixiña de caramelos” de Leticia Álvarez Lorenzo e o 3º premio a “”, de Sabela Núñez Singala.

Parabéns a tod@s!

Foto:  OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN. Premios de Relatos de Mulleres Progresistas.

 

 

Baía presenta A HORTA SEN QUÍMICOS na Galería Sargadelos de Ferrol

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación do libro A HORTA SEN QUÍMICOS, de Xan Pouliquen, que terá lugar na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32) o xoves día 31 de marzo ás 20:00 horas.

Contaremos coa presenza de Xan Pouliquen, Olaia Fernández (Bióloga ambiental. Xerente de Ecotenda 78) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria

O Vicerreitorado da Universidade de Santiago en Lugo acolle este sábado 19 a primeira edición da Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria. A Asociación de Escritores en Lingua Galega organiza este encontro para entregar os galardóns cos que recoñece “informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional”. Nesta cuarta edición dos premios, os galardoados foron Dolores Macías Pose e mais Mini e Mero. A gala, que se celebra co lema Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral contará coas actuacións do grupo de gaiteiros Lúa chea de San Xoán, o acordeonista Eloi Mato, Matilde Vilariño e Francisco Almuíña.

Fonte: Culturagalega

O químico Ignacio Ribas, protagonista do Día da Ciencia en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias informou onte de que o homenaxeado no día da Ciencia en Galicia este ano será o químico Ignacio Ribas Marqués, co obxectivo de reivindicar a importancia da “investigación” a través dunha das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro, coincide co vixésimo aniversario do falecemento do investigador, e foi decidido de forma unánime polos académicos.

A Academia destaca o papel “moi reivindicativo” de Ribas, e para iso fai referencia a unha das intervencións do químico, nun discurso no ano 1930 no que xa advertía de que “os países que non teñen ciencia son pobres e viven unha vida moral e material mediocre”. Ribas naceu en Palma de Mallorca pero viviu desde 1942 en Santiago, onde faleceu en 1996. O obxecto principal das súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas que obter sustancias aínda non coñecidas.

MÁIS INFORMACIÓN