Artigos

O exceso de novas tecnoloxías impide a transmisión de xogos populares, segundo un estudo

O exceso de novas tecnoloxías, tantos aparellos e aplicacións dispoñíbeis, van moi en detrimento da supervivencia da tradición lúdica. Ou sexa, que non axudan nada, máis o contrario, á hora de garantir a herdanza interxeracional -dos maiores aos novos cativos- de todo o que ten que ver cos xogos tradicionais galegos. Así nolo recorda a investigadora galega Marta Álvarez Fernández, no seu proxecto final do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), o estudo Os xogos e actividades tradicionais de ocio na natureza como reflexo da sociedade. Porén, cómpre lembrar que na súa investigación sinálanse máis culpábeis: a caída de natalidade ou o progresivo despoboamento das nosas áreas rurais. Resultado: córtanse os fíos de aprendizaxe que até hai ben pouco unían comunicativamente a avós e pais cos seus netos e fillos.

Segundo sinala esta investigadora de Xove no seu traballo (centrado na supervivencia dos xogos populares na Mariña luguesa e que lle mereceu ser distinguida co Premio Extraordinario da segunda promoción do devandito máster impartido na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo), moitos dos xogos populares cos que se divertían os devanceiros da súa contorna de orixe xa están esquecidos ou, cando menos, non son coñecidos polos máis cativos/as nin incluso polos seus proxenitores. Asemade, o esvaecemento desta tradición tamén propiciou a perda do léxico empregado para referirse a este tipo de xogos na comarca de referencia.

Ao seu xuízo, o emprego a esgalla, sen supervisión e sen límite, de novos aparellos tecnolóxicos e aplicacións diversas está a estender unha salientábel pegada de homoxeneización entre os escolares de máis idade, cuxas formas de lecer están xa estandarizadas en todas partes.

Fonte: Codigocero

MeLiSA leva á rapazada galega as vantaxes do software libre a través dunha peza teatral interactiva

A Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (MeLiSA) está levando a cabo unha actividade xeral de divulgación das vantaxes e usos dos programas abertos en varios colexios galegos de Educación Primaria. O dito programa de accións está enmarcado dentro do convenio asinado coa Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, e do cal MeLiSA se leva executado un total de cinco actuacións nas catro provincias galegas. Máis polo miúdo, trátase dunha representación teatral, interactiva, desenvolvida e disposta para que a mensaxe chegue o mellor posíbel á nosa cativada: a mensaxe de que o software libre é unha porta de acceso de primeira orde á comunicación, á información e mesmo ao futuro eido empresarial.

A peza artística en cuestión está formada por un prólogo e tres actos. Segundo nos contan dende MeLiSA, aquela “execútase de xeito dinámico, caracterizado a xeito de palabras, ilustracións e sons, co público infantil completando a posta en escena coa súa interacción a través das cancións”. O resultado de todo isto é un espectáculo de diferentes medios e linguaxes que ten unha duración aproximada de 50 minutos.

O obxectivo, como dixemos, é o de achegar o concepto do software libre a través dunha actividade próxima ás nenas e nenos desas idades. A obra xira arredor dunha persecución entre unha gatiña e o Conde Rato, o cal recibe unha mensaxe da súa namorada, a ratiña Melisa, que non dá lido por estar gardada en formato privativo. Nese intre é cando aparece Mr. Free para resolver o problema grazas ao uso de programas libres. O pingüín Mr. Free é unha referencia evidente á mascota do Linux, Tux. A obra é creación de Juan Carlos Vázquez, as ilustracións son obra de Iria Parras, e na execución participan José Manuel Canosa (contrabaixo), Intres Fotografía, na fotografía e vídeo, e Juan López Quintás e Jorge Lama como colaboradores. A coordinación corre a cargo do presidente de MeLiSA, Rafael Rodríguez Gaioso.

Fonte: Codigocero

Galicia contará cunha rede virtual de traballo coa que optimizar a atención ao alumnado con alta capacidade intelectual

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, mailo reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, veñen de asinar un protocolo de colaboración mediante o que optimizar a atención ao alumnado do país con alta capacidade intelectual, que pasa inicialmente por crear unha rede virtual de traballo para o intercambio de experiencias deste colectivo.

A iniciativa ten por obxectivo elaborar un protocolo para a identificación das alumnas e alumnos que conten con altas capacidades intelectuais e presenten, polo tanto, necesidades específicas de apoio educativo.

Para atallar este proceso de identificación e apoio ao alumnado, ámbalas dúas entidades comprometéronse a crear unha rede virtual de traballo, na que colaborará un grupo mixto de expertos formado, entre outros, por investigadores da USC.

Fonte: Codigocero

Foto: JJMerelo