Artigos

O xurado do Fantasporto premia o filme de animación O apóstolo

Esta fin de semana concluía en Oporto a 33 edición do Festival Internacional de Cinema do porto. Unha cita que tivo este ano unha reducida presenza galega. O filme de animación O apóstolo presente na sección oficial competitva regresa co premio do xurado. O gran vencedor desta ocasión foi Mamá , a ópera prima de Andrés Muschietti, apadriñada por Guillermo del Toro, que recibiu o de mellor realización e mellor actriz. No Palmarés o cinema europeo fantástico demostrou a súa vitalidade accadando a totalidade dos outros galardóns en disputa.

Fonte: Culturagalega

A película ‘O Apóstolo’ estréase esta semana en 80 salas de cine

A primeira película de animación stop-motion estereoscópica realizada en Europa, ‘O Apóstolo’, aterrará este mércores nunhas 80 salas de cine españolas. Tras case catro anos de traballo, ao seu director, Fernando Cortizo, chegoulle o momento de deixar a este filme “voar só”. Así o apuntou el mesmo este martes na presentación desta obra, que narra unha “escura historia de misterio” ambientada no Camiño de Santiago, na que se mesturan “suspense, humor e fantasía a partes iguais”, segundo se especifica na nota de prensa repartida durante o acto.

O aspecto novo desta película “cento por cento artesanal” reside na técnica utilizada para a súa elaboración. Neste sentido, Cortizo explicou que primeiro se rodaron as escenas “coma se fose cine real”, pero sen “maquillaxe nin decorados”, un proceso que, desenvolvido no ano 2008, durou unhas dúas semanas. É por iso que, tal e como reivindicou o actor Carlos Branco, o rol dos seus intérpretes non se limitou á “dobraxe”, senón que tamén “construíron os personaxes” e nalgúns casos ata fixeron “achegas de texto”.

No entanto, a xuízo de Branco, o “absoluto protagonismo é do traballo técnico” posterior á gravación, no que se crearon os “movementos artesanais” a través de stop-motion. En concreto, nesta parte da elaboración incorporáronse os “decorados” e “bonecos”, para o que se tardaron uns dous anos, indicou o director da obra. O elenco de ‘O Apóstolo’ estivo formado polos artistas Geraldine Chaplin, Jorge Sanz, Manuel Manquiña, Luís Tosar, Paul Naschy, Celso Bugallo e Xosé Manuel Oliveira Pico, Isabel Branco e Pedro Alonso. Así mesmo, na postproducción participaron máis de 200 profesionais, como animadores, modelmakers e técnicos de 3D.

Posto que este filme se perfila como “un traballo moi grande de artesanía”, os creadores da súa banda sonora quixeron “corresponder esa mesma filosofía” na parte musical da mesma, segundo explicou un dos seus responsables Xabier Font. Baixo a batuta do compositor norteamericano Philip Glass, o equipo musical de ‘O Apóstolo’ contou coa participación de artistas como a Real Filharmonía de Galicia e o membro do grupo Berrogüeto Anxo Pintos. De feito, tal e como avanzou Font, barállase a posibilidade de que o ano próximo se desenvolva a “versión internacional” dun dos temas, cuxa interpretación podería ser asumida, nas súas palabras, polo cantante de ‘The Who’. A preguntas dos xornalistas sobre a publicación das tomas reais utilizadas como base para o stop-motion, Cortizo mostrou o seu desexo de incluír “as secuencias dos actores” no DVD do filme, posto que foi unha rodaxe “moi libre e sen presións”.

A este respecto, afirmou que, de feito, quixo que a gravación fose para os actores “unha experiencia teatral na que todos dialogasen sobre os roles”.

Fonte: El País