Artigos

Cincuenta carteis para 50 anos

Nesta iniciativa súmanse os esforzos de diferentes estamentos da cultura galega co obxectivo de rememorar, desde unha óptica actual, as cincuenta edicións do Día das Letras.

A comisión que promoveu a inciativa diante da porta da Real Academia Galega. De esquerda a dereita: Marcos Dopico, presidente da Asociación Galega de Deseñadores; Xosé Salgado e Pepe Barro, de Grupo Revisión Deseño; Jacobo Bermejo, presidente da Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia; Xosé Luís Axeitos, secretario da Academia; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega e Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores.

O caderno, de 56 páxinas, foi publicado o 17 de maio polo xornal Faro de Vigo de xeito gratuíto. Conta, ademais, cunha edición adicional de mil exemplares, a cargo da Asociación Galega de Editores, que será repartida por colexios e bibliotecas de todo o país. No caderno faise un percorrido por cada unha das figuras homenaxeadas ao longo destes cincuenta anos de Día das Letras a través dunha serie de 50 carteis realizados por cadanseu deseñador. En cada cartel aparece tamén un breve texto autoría dun escritor galego actual, quer da xeración máis veterana, como Manuel Álvarez Torneiro e María do Carme Kruckenberg, quer da máis nova, como María Reimóndez ou Daniel Costas. O caderno inclúe o manifesto titulado “As letras que nos fixeron”, no que se pode ler: “As palabras e as imaxes son os lugares da cultura, esa é a masa que nos une”.

No proxecto participaron once entidades e asociacións reunidas arredor da causa comunal da defensa e dignificación da nosa lingua e cultura propias que nomeamos a continuación: Real Academia Galega, Asociación Galega de Deseñadores, Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Torras Papel/Norte Papel, Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, ANABAD – Galicia, Faro de Vigo e a Xunta de Galicia.

Nos seguintes links poderedes descargar os arquivos PDF da primeira e último homenaxeado: Rosalía de Castro e Valentín Paz-Andrade.

Cartaz en homenaxe a Rosalía (1963). Texto: Teresa Moure. Deseño: Danivx/Daniel Costas

Cartaz en homenaxe a Valentín Paz-Andrade (2012). Texto: Tucho Calvo. Deseño: Xosé Lois Vázquez

Fonte: Real Academia Galega

Santiago denega palco e luz para a manifestación do Día das Letras

O discurso co que culmina a tradicional manifestación que A Mesa pola Normalización Lingüística organiza o Día das Letras Galegas non se lerá desde un palco nin se escoitará por megafonía. O Concello de Santiago denegou o permiso necesario á organización, que mantén a convocatoria “a súa autorización depende da Delegación do Goberno” e leva a decisión ante o xulgado. “Esperamos que diten medidas cautelares, esperamos unha decisión áxil e positiva”, explicou o presidente da Mesa, Carlos Callón, que insiste en que sairán á rúa porque, “aínda sen palco e sen megafonía, hai máis motivos que nunca” para defender o galego.

O concello denegou onte, a 48 horas da manifestación, a colocación dun escenario na Praza da Quintana, dun cartel informativo na alameda da cidade e a conexión a un punto de luz. O Goberno local alega que a manifestación coincide coas festas da cidade “o xoves festéxase tamén a Ascensión na capital galega” e que na praza onde pide A Mesa instalar un palco xa se autorizou un escenario para que esa noite se celebre o concerto gratuíto organizado cada ano pola Cadea Ser e que normalmente se situaba no Campus Sur universitario. Fontes do concello puntualizan que o permiso para a actuación é “moi anterior” ao da Mesa e que non é posible autorizar outro palco. No caso da toma de luz, que o goberno local denega sen máis explicacións no seu escrito, o concello entende que “non ten sentido” ter ese acceso á electricidade sen un escenario. “O concello permite o acceso á praza, pero non podemos autorizar o palco. Temos que convivir todos. Que coincida este ano coa Ascensión é excepcional”, apuntan desde o Concello. O portavoz da Mesa, con todo, afirma “parece unha burla” non dar a licenza en base ás festas porque “non é a primeira nin será a última vez que o 17 de maio coincide con estes festexos”.

Callón considera “sorprendente” a decisión sobre unha petición que “sempre é de trámite”. “Desde que A Mesa existe, fai 26 anos, nunca nos atopamos cunha resolución tan disparatada para unha mobilización en defensa do noso idioma. Quérennos deixar sen voz: temos máis razóns que nunca para alzala”, apuntou. Para o presidente da Mesa, o Goberno local de Santiago “ten un problema moi serio coa tolerancia lingüística e cultural” e citou como exemplo o evento deportivo en promoción do idioma, Correlingua, ao que Santiago deixou sen axuda económica este ano.

A plataforma Queremos Galego, impulsada pola Mesa e conformada por unhas 700 asociacións, mantén a convocatoria de manifestación que co lema “Paremos os ataques contra o galego” sairá da Alameda compostelá ao mediodía e terminará na Praza da Quintana. “A culpa é de Rosalía de Castro por asinar a dedicatoria do primeiro libro contemporáneo en galego un 17 de maio”, ironizou Callón.

Fonte: El País

A Consellería de Cultura e educación participa na clausura da III Mostra Musical do Eixo Atlántico, que reuniu máis de douscentos artistas noveis

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe na clausura da III Mostra Musical do Eixo Atlántico, un encontro que reuniu entre onte e hoxe máis de douscentos artistas noveis en Vilagarcía de Arousa. O acto de clausura celebrouse no auditorio municipal do concello ponteveddrés e contou coa participación do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen destacou “o interese da iniciativa pola súa contribución ao intercambio cultural entre intérpretes musicais de Galicia e de Portugal”.

O obxectivo desta “cita de referencia para os novos valores” é recoñecer, promover, e premiar a obra daqueles músicos intérpretes que, polo seu valor e interese, contribúen á difusión do gusto pola música de Galicia e do norte de Portugal. Para iso participan no encontro novos intérpretes que son, ademais, mozas e mozos dos municipios membros do Eixo Atlántico, que cursan estudos en Escolas de Música ou en Conservatorios Profesionais (no caso de Galicia) e Escolas Profesionais e Conservatorios (no caso de Portugal), dos concellos do Eixo Atlántico.

O concello e a Xunta de Galicia –a través da Cooperación Transfronteiriza Galicia Norte de Portugal– favorecen a innovación, a calidade, a interacción e a renovación no panorama musical do Eixo Atlántico a través dos artistas máis novos.

Fonte: Consellería de Cultura, educación e ordenación universitaria