Artigos

Convocado o Premio Internacional de Ilustración

A finalidade deste certame é escoller a ilustración do cartel da XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que se celebrará no Pazo da Cultura da cidade entre o 6 e o 29 de abril de 2018 e que terá a temática central de: MULLERES DE CONTO.

A ILUSTRACIÓN GAÑADORA será premiada con 3.000 €.

Coa imaxe gañadora e as 12 finalistas farase unha exposición durante o Salón e a área de Cultura da Deputación de Pontevedra editará un catálogo en forma de calendario do libro e da lectura 2018.

Prazo de entrega: 5 de novembro de 2017.

Máis información

A Deputación de Ourense convoca o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de ilustración

O vindeiro 31 de marzo remata o prazo para presentar traballos para o XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” na modalidade de ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense. O obxectivo do certame é recoñecer a calidade artística de traballos creados para nenos e mozos, fomentar a lectura entre este público e destacar a figura das escritoras Pura e Dora Vázquez.

Os participantes deberán presentar os traballos tomando como base o texto gañador na modalidade de narración, que foi a obra “Do meu nome e outras trapalladas” do escritor Antonio Yáñez Casal. Os interesados en participar na modalidade de ilustración poderán solicitar o texto persoalmente, por correo electrónico ao enderezo: publicacions@depourense.es, ou a través do teléfono 988317790.

Os traballos de ilustración deberán remitirse ao Negociado de Publicacións tendo en conta as seguintes bases:

1.- Poderán concorrer ao premio ilustradores de calquera nacionalidade que presenten as súas ilustracións e orixinais, non menos de dez, tomando como base o texto premiado na modalidade de narración deste XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” de narración xuvenil.

2.- As ilustracións deberán adaptarse ao tamaño do libro, que será o seguinte:

a. Ilustración de portada: 145 x 210 mm, tamaño visible da portada co libro pechado, sen sangue. 513,6 x 216 mm, tamaño total incluído solapas, contraportada e sangue.

b. Ilustracións interiores: 296 x 216 mm, sobre páxina con sangue.

3.- A presentación dos orixinais poderá realizarse no Rexistro Xeral da Deputación Provincial de Ourense ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conforme coas seguintes normas:

Os concursantes remitirán seis exemplares da obra nun sobre pechado, indicando no exterior do paquete “PREMIO PURA E DORA VÁZQUEZ DE ILUSTRACIÓN”, á seguinte dirección:

 As obras remitidas irán asinadas exclusivamente con pseudónimo. Dentro do sobre introducirase outro sobre pechado en cuxo exterior figurará o pseudónimo do autor e título da obra, e no seu interior os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e pseudónimo do autor, enderezo postal, teléfono, enderezo electrónico, unha fotocopia do DNI e breve recensión bío-bibliográfica.

4.- O prazo de admisión de orixinais remata o 31 de marzo, admitíndose, non obstante, aqueles que foran entregados nas oficinas de Correos ese mesmo día.

5.- Para esta modalidade de ilustración establécese un premio de 1.500 €.

6.- O xurado estará composto polos seguintes membros: o presidente da Deputación de Ourense (ou persoa, para o efecto, en que el delegue) e catro vogais escollidos dos distintos ámbitos da Cultura de Galicia. Actuará de secretaria a xefa da Sección de Arquivo e Publicacións da Deputación Provincial de Ourense ou funcionario en quen delegue (con voz e sen voto). Os vogais serán designados pola Comisión Informativa de Cultura, Deportes e Mocidade da Deputación Provincial, a proposta dos grupos políticos da Corporación.

7.- A composición do xurado darase a coñecer en data que se comunicará oportunamente, e este emitirá o seu ditame antes do 30 de abril de 2017.

8.- O acto de entrega do XIV Premio “Pura e Dora Vázquez” nesta modalidade de ilustración será o día, no lugar e á hora que se comunicarán oportunamente.

9.- O premio poderá ser declarado deserto, no caso de que o xurado así o considere, e a decisión deste será inapelable.

10.- A Deputación de Ourense resérvase os dereitos da primeira edición da obra premiada nos idiomas galego e castelán, coa posibilidade de cederlles tales dereitos a terceiros. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os ditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte exemplares da obra premiada.

11.- Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao veredicto. Unha vez rematado ese prazo, os que non se retiren, serán destruídos.

A participación nesta convocatoria require a aceptación das normas contidas nestas bases.

EDICIÓN E DISTRIBUCIÓN DA OBRA:

A Deputación de Ourense publicará a obra premiada, tanto o texto como as ilustracións, e distribuirá gratuitamente os exemplares necesarios para os centros de lectura da provincia de Ourense (bibliotecas, centros de ensinanza, asociacións e entidades culturais), e disporá de exemplares para a súa distribución venal, nas condicións establecidas na ordenanza reguladora de publicacións publicada no BOP do día 19 de novembro de 2013.