Entradas

Premios da Crítica Galicia 2014

Xosé María Lema, Xosé Ramón Freixeiro, Poetas D(in)versos, Berrogüetto, Antón Pulido, Lois Pereiro e Grupo Cuevas foron os premiados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “A beleza feriume para sempre”, recollido dun verso de Xosé María Díaz Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país no Hotel Los Escudos de Vigo. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséxima sétima edición na que por vez primeira se convocaba a modalidade de Cultura Gastronómica.

“Costa do Solpor” de Xosé María Lema, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria acordou declarar finalistas as obras Costa do solpor de Xosé María Lema (Xerais), O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (Galaxia) e Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Costa do Solpor de Xosé María Lema editada por Xerais. O xurado salientou que “a obra gañadora asume diversos modelos narrtaivos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar”.

“Estilística da lingua galega” de Xosé Ramón Freixeiro Mato , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación acordou declarar como finalistas as obras Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos populares de Antón Cortizas (Xerais),  Arte e ciencia en Galicia de Francisco Díaz Fierros (Servizo de Publicacións da USC)  e Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato editada por Xerais. O xurado salientou “a novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lignua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”. Así mesmo subliñou “o seu potencial na investigación lingüística e a súa apliación en relación ás novas tecnoloxías”.

“Ciclo Poetas D(in)versos”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Ciclo de Poetas D(in)versos, revista Luzes e Viñetas desde o Atlántico. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a  Ciclo de Poetas D(in)versos. O xurado salientou que o Ciclo de Poetas D(in)versos, que se leva a cabo no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, dende onde se ofrecen recitais da mellor poesía de Galicia e do Mundo, “é fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”.

O xurado subliñou, ademais, “a capacidade do ciclo para implicar ás librarías que sirven poesía á cidade, expandíndao por toda Galicia a través de recitais de poetas convidados ao ciclo, coordinado por Yolanda Castaño”. Por último, o xurado quixo recoñecer, ademais, o Festival Ponte-Poética, dirixido tamén por Yolanda Castaño, co apoio, sobre todo, do concello de Pontevedra e do Ateneo da Cidade, no que participan poetas de todo estado e se realizan actividades para insistir na alimentación do gusto literario”.

 “Berrogüetto”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Historia da Música en Galicia de Lorena López Covas, Berrogüetto e Germán Díaz. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio por maioría a Berrogüetto.  O xurado salientou “a excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.

“Antón Pulido”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berta Cáccamo, Antón Pulido e Francisco Pazos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Antón Pulido.

O xurado salientou que “Antón Pulido Nóvoa é un pintor e un excelente gravador que comenza axiña nos montes de Casaio, desenvolve un trazo profundo e denso que concreta nunha narrativa rexionalista que gabou Otero Pedrayo cando aínda non fixera Belas Artes en Barcelona. Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merecedor deste premio”.

“Costa da morte” de Lois Patiño, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Costa da morte de Lois Patiño, As do peixe de Abrapalabra creacións escénicas e Eurozone de Chévere. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio á película Costa da morte de Lois Patiño. O xurado salientou “a capacidade do filme para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cine galego e na revisión do diálogo entre cine e  paisaxe, así como na internacionalización do sector e na renovación dos modelos tradicionais de produción, distribución e exhibición”.

“Grupo Cuevas”, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Empresa Cuevas S.A., Fundación Dieta Atlántica e Centro Superior de Hostelería de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Grupo Cuevas. O xurado salientou que Grupo Cuevas é “unha empresa familiar de longa e consolidada traxectoria (máis de 100 anos) que ofrece dentro e fóra de Galicia un fito destacado, ser pioneira en converter un produto autóctono, a castaña, nun elemento de calidade con incidencia universal, como é a castaña confitada, sen deixar de mirar cara adiante na procura de seguir a mellorar resultados. En defintiiva, a través da posta en valor dun produto popular desprestixiado, no eido da excelencia”.

A esta edición asistiron, entre outros, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Fonte: Galicia Confidencial. Foto

Os Premios da Crítica recoñecen o labor de Culturgal

Os Premios da Crítica veñen de recoñecerlle a Culturgal o seu empeño por darlle visibilidade á industria cultural galega. O galardón recibido vén sumarse a outros, como o outorgado polos editores no ano 2011. Hai  perto de oito anos nacía Culturgal, unha iniciativa da Asociación Galega de Editores que pasaría a constituirse en entidade formal no ano 2010. A incorporación de diversas organizacións do mundo da industria cultural, creando unha asociación intergremial  que materializaba a vontade dos fundadores de que Culturgal fose un instrumento da corresponsabilidade e destinado á visibilización da produción galega do conxnto da  industria cultural. A visibilidade dos profesionais e do seu traballo dentro dun paraugas conxunto que fose a expresión da identidade cultural do país. Roberto Pérez Pardo tivo a responsabilidade de ser o primeiro director da feira, apoiado pola directiva da AGE, que tiña postas moitas esperanzas no seu futuro. A posta en escea da primeira edición de Culturgal deixou ben patente cal era a idea e cales eran os camiños `polos que quería apostar.

Logo de diversos avatares, sempre coas dificultades económicas polo medio, a feira foi conseguindo facerse un oco na axenda de moitos galegos e galegas, mentres os profesionais seguían apostando por potenciar e darlle continuidade no tempo, nun intre de enormes dificultades, co tecido empresarial do conxunto do sector inmerso nunha crise histórica, e co escaso interese das administracións, agás o Concello de Pontevedra, que apostou pola feira dende a primeira edición, e a Consellería de Cultura, cun apoio en franco retroceso.

Da man de Sergio Lago, tamén director de Cultural, e baixo a presidencia de Xulio Amigo, o evento profundiza na construcción colectiva do evento, materializando esa filosofía en todas as estancias: o salón, o desván, o  patio, o cuarto dos nenos, a recámara, os corredores. Na música, na literatura, creación audiovisual, artes escénicas, diseño e nas novas tecnoloxías.

A próxima edición de Culturgal terá lugar en Pontevedra o 29, 30 e 1 de decembro, no mesmo Pazo de Congresos que tivo lugar a primeira edición, esta vez baixo un equipo dirixido por Xosé Aldea Meizoso, profesional vinculado ao mundo da dinamización cultural, da edición e da produción musical. O seu equipo traballa para escenificar un culturgal pegado á xente, onde se poida disfrutar  de todo aquelo que conforma o sentir cultural galego.

                                                         Auga limpa en fresca fonte

Baixo o lema “Auga limpa en fresca fonte”, recollido dun verso de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; Manuel Santalices, vicepresidente do Parlamento de Galicia; Anxo Lorenzo Suárez, secretario xeral de cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; José Ramón Gómez Besteiro, presidente da deputación provincial de Lugo; Ana Isabel Vázquez, delegada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a singularidade desta triséxima sexta edición,  que coincide co sequiscentenario da publicación en Vigo de Cantares gallegos e coa homenaxe a Roberto Vidal Bolaño.

“Transmuta” de Xabier Cordal, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria, formado por Agustín Fernández Paz, Antonio García Teijeiro, Marta Neira, María Xesús Nogueira Pereira, Chus Pato Díaz, Cesáreo Sánchez Iglesias  e María do Cebreiro Rábade Villar, que actuou como secretaria, acordou declarar finalistas as obras A noite branca de Francisco Fernández Naval (Xerais), Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño (Galaxia) e Transmuta de Xabier Cordal (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Transmuta de Xabier Cordal editada por Edicións Xerais de Galicia.

O xurado quere salientar a capacidade do libro para conciliar a lealdade á linguaxe poética coa expresión de contidos de fondo alento humano. Transmuta anoa a intimidade e o sentido comunitario. A súa dignidade e a súa altura emanan da potencia de lle dar voz á vida núa, á vida que resiste sendo pura existencia.

“Murguía” de Xosé Ramón Barreiro , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación, formado por Patricia Fra López, Eulalia Agrelo Costas, Xosé Luís Axeitos, Francisco Campos Freire, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, María Pilar García Negro e María López Sández que actuou como secretaría, acordou declarar como finalistas as obras Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Galaxia),  Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro de Ramón Nicolás (Xerais)  e Artigos sobre Rosalía de Castro de Francisco Rodríguez. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Murguía de Xosé Ramón Barreiro Fernández editada por editorial Galaxia.

O xurado salientou a súa relevancia, o rigor metodolóxico, a combinación do traballo de investigación co atractivo da dimensión narrativa dunha biografía necesaria que apela tanto ao estudoso como ao lector/a non especializado. Constitúe, pois, unha achega decisiva á cultura galega, á reflexión e aos estudos rosaliáns e á reconstrución dun período e unha figura esenciais para comprender a historia e a cultura galegas.

 “Taller Atlántico Contemporáneo”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música, formado Margarita Viso, Felipe Agel, Lorena López Cobas, Marta Fernández Pan, Raquel Gamallo, Belén Regueira  e Xavier Senín Fernández, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Cantigas de Mulleres, Mercedes Peón e Taller Atlántico Contemporáneo. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio a Taller Atlántico Contemporáneo. O xurado quere salientar que o Taller Atlántico Contemporáneo  durante o 2012 ofreceu o ciclo “Os seráns do TAC” na Cidade da Cultura, unha aposta interdisciplinar na que se aglutinaron teatro/humor, música e gastronomía.  O interesante desta agrupación é que está a innovar constantemente na procura da normalización da escoita da música contemporánea, que durante moito tempo permaneceu nun eido marxinal e elitista. Cos seus espectáculos conseguen aproximar a todo tipo de público propostas de autores galegos do último século xunto ás doutros compositores consagrados do mundo contemporáneo.

“Culturgal”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais, formado por Margarita Vázquez Corbal, Isabel Mociño González, Xaime Domínguez Toxo, Branca Novoneyra, Sergio Lago, Encarna Lago e Marcos Lorenzo, que actuou como secretario, acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Editorial Kalandraka e Culturgal. Feiras das Industrias Culturais de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións e logo de ausentarse Sergio Lago, acordou outorgar por maioría o premio a  Culturgal. Feira das Industrias Culturais de Galicia.

O xurado fundamenta a súa decisión no papel que o Culturgal está a ter na profesionalización das industrias culturais galegas, no fomento da cooperación intersectorial, no empoderamento cultural da sociedade civil, e por conformarse como o principal espazo de encontro e reflexión da cultura galega, así como polo esforzo que implica o seu mantemento malia a crise económica actual e a conseguinte redución de apoio institucional.

“Xulio Gil”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais, formado por Carmen Nogueira, Antón Castro, Pilar Corredoira López, José Manuel García Iglesias, César Portela, Enrique Velasco e Antón Pulido Novoa, que actuou como secretario, tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a  Xulio Gil, tendo en conta a calidade e orixinalidade da súa obra fotográfica, no marco dun longo proxecto de corenta anos que sigue vivo.

“Voadora”, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais, formado por Nuria Sotelo, Roberto Pascual Rodríguez, María Yáñez, Camilo Franco, Ramón Rozas, Sabela Hermida e Antón Sobral, que actuou como secretaria, acordou acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Voadora, Arraianos de Eloy Enciso e Quico Cadaval. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por unanimidade o premio a Voadora polos seus espectáculos “Waltz” e “Tokio 3”. O xurado quere salientar a súa linguaxe escénica asentada na musicalidade, pola búsqueda de novos públicos, polas novas formas de produción e pola capacidade de unir diferentes sistemas culturais tendendo pontes. Mais tamén pola capacidade de asumir riscos e ademais por ser simpáticos.

Fonte: AGE

Agustín Fernández Paz leva o Premio da Crítica á creación literaria

O Hotel Os Escudos de Vigo acollía o pasado sábado a XXXV Edición dos Premios da Crítica de Galicia. A obra Fantasmas de luz de Agustín Fernández Paz, fíxose co galardón á creación literaria nesta edición, mentres Patricia Fra foi galardoada na categoría de investigación pola súa edición da obra Regreso a Compostela de Edith Wharton. A Asociación Galega de Compositores viu recoñecido o seu traballo no apartado de música, mentres Carmen Nogueira foi premiada no apartado de Artes Plásticas e Visuais e Xosé Manuel Olveira Pico no de Artes Escénicas e Audiovisuais.

O traballo da Asociación Cultural O Sorriso de Daniel viuse recoñecido como a mellor iniciativa cultural do ano polo xurado, atendendo ao seu labor na recuperación e difusión da arte románica no noso país.

Máis de trescentas persoas reuníronse na gala de entrega dos galardóns, que se celebrou na noite do sábado baixo o lema “Galicia como tarefa”.

Fonte: Culturagalega

A Fundación Premios da Crítica celebra os 35 anos de cultura galega

Un xantar de irmandade na Bodega Martín Codax de Cambados reunirá o sábado 16 de xuño a  boa parte dos premiados pola Fundación no transcurso de 35 anos. Un encontro agarimoso de boa parte das figuras que axudaron a construír durante máis de tres décadas a cultura galega nos eidos da creacion literaria, a música, as artes plásticas ou
as artes escénicas e visuais.

Desde 1978

A entidade lembra que dende o ano 1978 e de forma ininterrompida, os Premios da Crítica Galicia viñeron  recoñecendo cada ano a excelencia e a relevancia dos labores individuais e colectivos máis destacados nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación en Galicia. Xerados dende a iniciativa da sociedade civil, anticipándose ao inicio da Autonomía, os Premios da Crítica Galicia -unha plataforma plural, independente e interxeracional- asumiron como o seu obxectivo sobranceiro o de tomar o pulso do latexo da nosa creación cultural. Un traballo en man común e en clave de país cuxa continuidade contribúe a acrisolar a tradición galega.

A Fundación Premios da Crítica Galicia recoñece a traxectoria da Bodega Martín Códax, a anfitrioa deste importante e único encontro da cultura galega contemporánea, como modelo de empresa social con raíces ben chantadas na terra e na lingua de noso, ao tempo que capaz de desenvolver un importante proxecto de internacionalización dun produto de calidade vencellado á cultura galega.

35 anos da cultura galega nun libro

Os Premios da Critica Galicia 2012 ditaminaranse o 20 de outubro na cidade de Vigo. A esta altura estanse formando os xurados de cada unha das categorías (Creación literaria, Investigación, Musica, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais e Artes Escénicas e Audiovisuais). Así mesmo, prepárase a edición dun libro, 35 anos de Cultura galega, e a celebración de sete mesas redondas en cada unha das cidades galegas nas que se pretende facer balance do estado de cada un dos ámbitos da creación cultural en Galicia nas tres útimas décadas.

Fonte: AGE

Foto: Cartaz utilizado nos Premios da Crítica 2011.