Artigos

ICANN e puntoGAL asinan o contrato de creación do .gal

A ICANN, a corporación que goberna as direccións da Internet, acaba de asinar o contrato de creación do dominio .gal. O documento rubricado entre a ICANN e a Asociación Puntogal significa a culminación de sete anos de traballo nos que toda a sociedade galega se uniu para conseguir un distintivo de máximo nivel na Internet. Dende este venres, puntoGAL xa non é un candidatura, é o operador dun rexistro da Internet.

A Asociación puntoGAL comeza agora unha serie de probas técnicas obrigatorias antes da apertura do rexistro de direccións. Grazas a este contrato, os dominios .gal poderán comezar a rexistrarse  a comezos de 2014. Proximamente puntoGAL detallará cada unha das fases nas que estará dividido este proceso. Poucos meses despois poderase navegar por direcións .gal .

O documento publicado na web da ICANN fixa que o .gal nace para servir a comunidade lingüística e cultural galega. O contrato establece  que este grupo está formado por aqueles que “usen -ou comprométanse a usar- o galego nas súas comunicacións en liña, ou promovan os diferentes aspectos da cultura galega na rede ou dirixan especificamente as súas comunicacións e servizos a esta comunidade”.

Trátase do primeiro dominio de Internet aprobado para un grupo lingüístico e cultural dende a aprobación do .cat en 2005. Un fito histórico que aportará beneficios económicos, culturais e simbólicos ao país.

O feito de que as webs podan identificarse cun .gal contribuirá a aumentar o prestixio da sociedade galega, da súa cultura e do seu idioma, aumentando a autoestima entre os propios falantes e o interese polo noso idioma entre a comunidade internacional. Os portais web mellorarán a súa posición nos buscadores e o seu tráfico aumentará.

No económico, .gal servirá para que o diñeiro que hoxe se marcha do país ao rexistrar outros dominios (.com, .net), etc quede en Galicia xerando coñecemento e riqueza. O contrato asinado por ICANN establece que puntoGAL é unha organización sen ánimo de lucro, que reinvestirá todos os beneficios en fomentar o galego nas novas tecnoloxías.

Superado o desafío proposto en 2006, puntoGAL quere agradecer o alento sostido das principais entidades e instucións galegas en todo este tempo así como o apoio constante da administración autonómica e os premios recibidos nas últimas semanas (Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua, premio San Martiño do Concello da Estrada e nominación ao Premio do Público no culturGAL).

Agora ben, nin estes premios nin o apoio dos poderes públicos tería sido suficiente de non contar co respaldado de toda a sociedade, que se uniu para lograr situar a súa lingua na primeira liña da Internet. O dominio é voso.

Fonte: Puntogal

PuntoGAL, Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e Festival de Cans optan ao Premio do Público Culturgal

Culturgal bota a andar nesta nova edición un premio que se outorgará a unha iniciativa novidosa que se escollerá por votación popular entre tres candidaturas que a organización escolle. A Asociación PuntoGAl, o Festival de Cine de Cans e o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra son, nesta primeira edición as tres candidaturas propostas pola organización para optar á primeira edición do Premio do Público Culturgal.

A votación comezou o venres día 25 de outubro e prolongarase até o 15 de novembro, periodo no que se poderá optar entre estas tres iniciativas seleccionadas pola Asociación Culturgal de entre as propostas polos diferentes gremios de industrias culturais que toman parte na súa directiva. A votación está aberta na páxina de Culturgal e a única limitación é que só admitirá un voto por IP. O premio entregarase nun acto público na propia feira o domingo día 1 de decembro.

Para a escolla das distintas iniciativas, a directiva optou por valorar o carácter novidoso e a súa proxección de futuro, a condición transversal e que fomenten a implicación social. Os votos recibidos na páxina de Culturgal serán os que decidan a iniciativa gañadora desta primeira edición do premio.

Desde a organización de Culturgal destacan da Asociación PuntoGal o seu traballo de cara a “consecución dun dominio propio” que recibiu a aceptación do ICANN no pasado mes de xuño. En canto ao Festival de Cans, que chegará no 2014 a súa décima edición, valoran o se tratar dun festival transversal “que apoia o asociacionismo a través da implicación de todos e que logra cada ano reunir milleiros de persoas combinando cine, concertos, desfiles de chimpíns, pasarrúas, coloquios e moita festa”. Con respecto ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil promovido polo Concello de Pontevedra, que se celebra no Pazo da Cultura, o mesmo recinto que o Culturgal desde o 1999, destacan que “mantén unha identidade vinculada ao libro. En todos os formatos, sen límite á imaxinación, pero sempre o libro.”

Fonte: Sermos Galiza

puntoGAL presenta mañá a candidatura dun dominio para a lingua e cultura galegas

Cunha pequena xornada de presentación, a asociación puntoGAL presentará hoxe martes ás 12 horas o “puntoGAL”, a candidatura dun dominio de Internet para a lingua e cultura galegas. No acto, tras a inauguración a cargo de Mar Pereira e Valentín García, explicarase a campaña a cargo de Manuel González, presidente da Asociación Puntogal e membro da RAG. Logo coñeceranse os resultados dun precedente como é o dominio .cat, a cargo de Jordi Iparraguire, director da Fundació puntCAT e haberá un coloquio no que participarán Manuel Bragado, presidente da Asociación de Editores, Manuel Gago, director de culturagalega.org, Víctor López, presidente da Asociación Galega de empresas de Internet e Marcus Fernández, webmaster de Código Cero. A entrada é libre.

· 12:00 Inauguración a cargo da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira.
· 12:10 Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
· 12:20 Presentación a cargo de Manuel González González, presidente da Asociación Puntogal e membro da Real Academia Galega.

Fonte: Culturagalega