Artigos

Pere Tobaruela falará de CATRO PEDRAS VELLAS mañá no programa ‘Chamando á terra’

O próximo 4 de novembro ás 15.00 h. Pere Tobaruela conversará con María Solar sobre o seu último título CATRO PEDRAS VELLAS. da colección Meiga Moira.

Na bisbarra de Vilar de Abade hai un castro rodeado de toxeiras, coma moitos outros, e coma moitos outros é difícil dar con el. Aínda mantén vestixios da súa importancia pasada, con restos dunha muralla de defensa que, cando foi levantada séculos atrás, era alta e maciza.

Xela, gran coñecedora de todos os recunchos de Vilar de Abade e da súa contorna, convida a Fuco, Carlos e Ana a unha excursión ata aquelas ruínas. Quere que lle boten unha man para resolver un enigma. Nun par de ocasións que visitara aquel castro, antes de chegar, parecéralle ver xente movéndose entre as pedras. Xente que desaparecía de súpeto, como se intuíran cando se achegaba alguén.

 

Este sábado volve “Chamando á terra”, programa da Radio Galega dedicado aos libros

A escritora e xornalista María Solar presenta este novo programa semanal “CHAMANDO Á TERRA” que se emitirá os sábados entre as tres e as catro da tarde e que abordará segundo explica o web da emisora “o mundo literario en galego, desde a produción ata a tradución, con recensións das novidades editoriais, con entrevistas a escritores e escritoras, con faladoiros e con atención a todos os xéneros e todos os públicos”. O espazo contará coas colaboracións de Montse Pena Presas, Malores Villanueva e Alba Cid para analizar as novidades nas letras do país.

 

O primeiro programa xa foi todo un éxito! Parabéns e a seguir falando de libros!

 

O ‘Diario Cultural’ da Radio Galega, premio do Público Culturgal 2014

O programa da Radio Galega Diario Cultural, que dirixe a xornalista e poeta Ana Romaní, fíxose co Premio do Público Culturgal 2014. Desde o 30 de outubro até o 18 de novembro os e as internautas puideron votar a través da web www.culturgal.com entre tres candidaturas: Diario Cultural, Cineuropa e o Salón de Cómic Viñetas desde o Atlántico.

Finalmente o programa da Radio Galega obtivo 361 votos, o festival de cine compostelán 269 e o salón de banda deseñada da Coruña, 171.

Fonte: El Correo Gallego

Unha reportaxe do programa «Reporteiros» da TVG gaña o premio xornalístico Albarelo

O Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña fai público ao ganador e os accésits do XIII Premio Xornalístico Albarelo, que nesta edición recaeu nunha reportaxe de César Souto Vilanova, do programa Reporteiros de Televisión de Galicia. O traballo, premiado con 3.000 euros foi emitido o pasado 28 de abril de 2012 e titulábase Copago e reforma sanitaria.

Ademais recoñecéronse dous accésits premiados con 1.000 euros cada un. Un para o xornalista de Radio Voz, Isidoro Valerio, presentador do programa Voces de Galicia, polo conxunto de programas baixo o título A longa transición cara ao copago farmacéutico a través de 2012, emitidos entre marzo e xullo.

O outro é para a xornalista do Ideal Galego Sonia Dapena, por unha reportaxe titulada Os pensionistas afrontan o copago entre o desconcerto e a resignación.

Fonte: La Voz de Galicia

As radios libres galegas sálvanse polo de agora

A Xunta de Galicia  declarou o venres deserto o concurso públicos de outorgamento de licenzas para a prestación do servizo de comunicación radiofónica.  A autonomía basea a súa resolución nas incompatibilidades derivadas da nova lexislación audiovisual estatal.

O executivo galego toma esta decisión tras a entrada en vigor, o día 3 de abril, do Decreto 102/2012, de 29 de marzo, polo que se desenvolve o servizo de comunicación audiovisual radiofónica no ámbito da Comunidade galega.

Segundo o bufete especializado Díez e Romero esta normativa prevé a posibilidade de declarar deserto os procedementos para o outorgamento de licenzas que se atopen en tramitación, no caso de existir incompatibilidade entre o réxime previsto nas bases da convocatoria e o réxime previsto no mesmo decreto.

O Consello da Xunta argumenta que decidiu declarar deserto este concurso para evitar unha posible situación de inseguridade xurídica, fundamentándose nunha serie de incompatibilidades entre as bases de devandito concurso e o decreto de comunicación audiovisual radiofónica.

Neste sentido, en primeiro lugar tivo en conta o criterio do ditame emitido no seu día polo Consello Consultivo de Galicia sobre o mencionado decreto, que consideraba que a denominación “emisoras de carácter comercial” non é correcta, dado que impedía concorrer a aquelas entidades que non tivesen ese carácter. Un aspecto que foi criticado por emisoras cidadás, como CUAC FM na Coruña.

Con esta normativa entidades sen ánimo de lucro ou universidades públicas tiñan vedada a súa participación. CUAC FM denunciou ademais que o concurso adxudicaría unha frecuencia moi similar a súa.

Entre outras incompatibilidades, a Xunta tivo en conta que, mentres que as bases do concurso limitaban a prestación de servizos a tecnoloxía analóxica, o decreto abre a posibilidade de usar calquera tipo de tecnoloxía, ben de tipo dixital ou doutra natureza.

Ademais, a fusión de televisión e radio a través da Rede, así como coas novas aplicacións na radiodifusión esixe unha regulación que non contiñan as bases do concurso.

O presidente da Xunta comprometeu que nos próximos meses haberá unha nova convocatoria. Está por ver se desta vez hai un oco para as emisoras non comerciais.

Fonte: Galicia Confidencial