Artigos

Ana Romaní nomeada académica numeraria electa pola RAG

O Pleno da Real Academia Galega nomeou na sesión plenaria celebrada o sábado 17 a Ana Romaní académica numeraria electa. A candidatura fora oficializada no Pleno anterior para ocupar a vacante de Xohana Torres, falecida o pasado 12 de setembro. Na mesma xuntanza foi elixida académica correspondente a lingüista Carme Pazos.

Segundo indicou a RAG, a académica de número electa lerá o seu discurso de ingreso na RAG nunha sesión plenaria extraordinaria que se celebrará nos vindeiros meses. Ana Romaní (Noia, 1962) é unha voz de referencia do xornalismo cultural e da poesía galega contemporánea. Desde 1990 está á fronte do programa decano da información cultural diaria da radiodifusión galega, o Diario Cultural da Radio Galega, que é tamén un dos máis veteranos no seu eido da radiodifusión en España. O seu labor xornalístico foi recoñecido con distintos premios aos que hai que engadir os galardóns concedidos ao propio programa.

O interese de Ana Romaní pola permeabilidade da radio ás escritas literarias e ás dinámicas de creación contemporánea levouna a promover iniciativas como o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e que propiciou a renovación deste xénero; ou De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro, publicados logo da súa emisión.

Fonte: RAG

Falece a escritora Xohana Torres

Apenados nos atopamos hoxe en Baía pola triste noticia do falecemento en Vigo de Xohana Torres aos 85 anos. Segundo destaca a Real Academia Galega no comunicado do seu pasamento “a súa é unha das voces máis destacadas das letras galegas contemporáneas que medraron na posguerra, cuxa obra abrangue a poesía, a narrativa, o ensaio e a literatura infantil. A autora contribuíu co seu labor como escritora, mais tamén noutros espazos como o radiofónico, á reconstrución cultural de Galicia e á defensa da súa lingua”.

Xohana Torres naceu en Compostela o 22 de novembro de 1931 e criouse en Ferrol, onde estaba destinado como mariño o seu pai. A súa vocación literaria manifestouse cedo e publicou os seus primeiros versos sendo adolescente na revista do instituto. En 1955 recibiu o primeiro premio de poesía da Asociación da Prensa de Vigo, que compartiu con Celso Emilio Ferreiro, por A nosa primavera: toxos, e en 1957 publicou o seu primeiro libro, Do sulco (1957), na colección de poesía Illa Nova de Galaxia.

Como poeta, publicou tamén Estación ao mar (1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992) e Poesías reunidas (1957-2001), así como Elexía a Lola (2016). Como dramaturga, destacan as súas contribucións ao teatro da posguerra con A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (1968). Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e, xa no eido da literatura infantil, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984).

Fonte: RAG

A Real Academia Galega realiza unha declaración institucional a prol do uso do galego

A RAG anunciara a través dun comunicado que faría pública unha declaración institucional sobre a situación do idioma galego. Segundo sinalaron na convocatoria, a decisión da Academia de dar a coñecer a súa posición ao respecto do proceso de normalización está provocada polos “datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística”.

Debido a isto comentan no seu comunicado que os datos estatísticos recentemente publicados veñen apuntar un preocupante retroceso do seu uso nos últimos anos, especialmente entre as novas xeracións, agravando unha tendencia histórica que pode conducilo á decadencia. En cumprimento dos seus deberes estatutarios, a Real Academia Galega, ante a alarma que estes datos provocaron en amplos sectores da nosa sociedade, decidiu facer pública a declaración institucional que poden visualizar e descargar desde a web da Real Academia Galega.

A RAG xa recoñece no seu dicionario palabras como rechouchiar, blogueiro ou tableta

A presentación da renovación da páxina web da Real Academia Galega (RAG) hai un par de anos trouxo unha importante novidade de grande utilidade, a estrea dunha versión en liña do seu dicionario de galego, que non só achega o dicionario á cidadanía de xeito masivo, senón que tamén facilita que as revisións poidan difundirse con moita máis velocidade, sen ter que estar pendente de edicións dun volume impreso cada varios anos, e como exemplo temos que o dicionario está a recoller numerosas voces actualizadas que afectan especialmente o léxico tecnolóxico que tanto empregamos no noso día a día, e do que queremos dar conta.

Ao ver como David Lombao daba conta de que a RAG xa aceptaba a palabra chío como “mensaxe que se publica na rede social Twitter”, comprobamos como o dicionario tamén integraba os verbos chiar e rechouchiar, así como o substantivo rechouchío, adoptando así oficialmente o vocabulario implantado na tradución ao galego de Twitter, o que claramente é de agradecer. Na mesma liña tamén se incorporaron dúas novas acepcións á palabra cancelo, que non só serve para identificar ao símbolo #, senón que tamén podemos empregalo como “palabra ou cadea de palabras precedida do símbolo # que funciona como ligazón e chave de busca, así como etiqueta para indexación nalgunhas redes sociais”, ou sexa, que sería equivalente á expresión hashtag.

Outras palabras que detalla o dicionario da RAG relativas ao seu uso na Internet serían avatar como “identidade dixital que adopta un usuario dun servizo de Internet, como unha charla, xogo en rede ou foro”, blog, bitácora, blogueiro, báner, videochamada, contrasinal, web, agregador, mandatario, proxy… e incluso chegan a detallar a expresións código fonte, banda larga, correo lixo ou correo instantáneo, entre outras.

Máis curiosa pode ser a incorporación da palabra tableta como “computador persoal de man co que se interactúa por medio dunha pantalla táctil”, que pode resultar rechamante por semellar a incorporación dunha palabra en español que carece se significado previo en galego, e por non recoller correctamente a definición dos tablet actuais, senón dos vellos tablet PC, aínda que a confluencia entre ambas gamas de produto pareza inevitable.

Fonte: Códigocero

Foto: noelia cerqueiro

A RAG e Portugal únense para potenciar os seus idiomas

A Real Academia Galega e o Instituto Internacional da Lingua Portuguesa estudan posibles colaboracións en diferentes áreas para o fortalecemento de ambas as linguas. Polo momento, están “en fase de coñecemento” dos proxectos que desenvolven ambos, segundo explicou onte o secretario da RAG, Henrique Monteagudo, durante a visita á sede na Coruña do director do Instituto, Gilvan Muller de Oliveira.

Fonte: La Opinión

Cincuenta carteis para cincuenta anos

A comisión que promoveu a inciativa diante da porta da Real Academia Galega. No proxecto participaron once entidades e asociacións reunidas arredor da causa comunal da defensa e dignificación da nosa lingua e cultura propias que nomeamos a continuación: Real Academia Galega, Asociación Galega de Deseñadores, Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega, Asociación de Empresarios de Artes Gráficas de Galicia, Torras Papel/Norte Papel, Asociación Galega de Editores, Federación de Libreiros de Galicia, Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galicia, ANABAD – Galicia, Faro de Vigo e a Xunta de Galicia.

Baía Edicións pretende rememorar as cincuenta edicións do Día das Letras incorporando cada día unha nova con catro carteis dos homenaxeados. Desta volta tedes á vosa disposición os arquivos PDF de: Castelao, Eduardo Pondal, Francisco Añón e Curros Enríquez.

Cartaz en homenaxe a Castelao (1964). Texto: Marta Dacosta. Deseño: Javier P. López.

Cartaz en homenaxe a Eduardo Pondal (1965). Texto: Manuel Forcadela. Deseño: M. Agra Bermejo.

Cartaz en homenaxe a Francisco Anón (1966). Texto: Gonzalo Navaza. Deseño: Segundo Fdez.

Cartaz en homenaxe a Curros Enríquez (1967). Texto: Luis G. Tosar. Deseño: Raquel Boo.

Xosé Luis Regueira defende a achega do galego á identidade social ao ingresar na RAG

O novo membro da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Regueira, defendeu “a influencia” do galego no proceso de creación da “identidade social” de Galicia afirmou que a lingua “é o repositorio de coñecemento” e “a cifra da historia dun pobo”.

Manifestouno na sesión plenaria da Real Academia Galega celebrada con motivo do seu ingreso e na que participaron autoridades como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Carlos Varela; ou os reitores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC), Juan Casares Long e Xosé Luis Armesto, respectivamente.

O encargado de abrir a sesión foi o presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín, quen deu a palabra ao secretario, Xosé Luis Axeitos, para que dese lectura á certificación do acordo no que se determinou a celebración da sesión.

No seu discurso de ingreso, titulado ‘Oralidades: reflexións sobre a lingua falada non século XXI’, o novo académico recoñeceu a lingua galega como “algo máis que un código de comunicación ou que un instrumento” e defendeu que o galego “configura de xeito decisivo a identidade social” dos galegos e “mesmo a súa identidade como individuos”.

REPOSITORIO DE COÑECEMENTO

“A lingua é o repositorio de coñecemento e a cifra da historia dun pobo, e nela quedaron gravadas a lume as vicisitudes maiores da nosa historia, dende a romanización ás pegadas dos habitantes dos castros”, asegurou Regueira.

Así mesmo, desexou que a Real Academia Galega “non perda os fíos” coa “oralidad primeira”. “Esa é a lingua que nos fai existir, que nos constrúe como poboo e como nación con voz propia no mundo”, argumentou.

Xosé Luis Regueira é profesor da Facultade de Filoloxía da USC e destaca como investigador no ámbito dos estudios fonéticos, gramaticais e onomásticos. Ademais, forma parte do Instituto dá Lingua Galega e é membro da International Phonetics Association e da Asociación Internacional de Estudos Galegos, entre outras.

Fonte: GaliciaHoxe

O galego encóntrase entre as 30 linguas máis usadas na internet no mundo

Por número de falantes o galego ocupa o lugar 160 entre as 5.500 linguas do mundo, o lugar 23 entre as 150 linguas europeas e é a segunda lingua europea máis falada entre as non oficiais en ningún estado. O galego ten máis falantes que algunhas linguas oficiais europeas como eslovaco, esloveno, maltés, islandés e gaélico e, xunto con vasco e catalán, son as tres únicas linguas europeas non oficiais de estados que poden ser utilizadas nas institucións da Unión Europea.

O galego está ben asentado no mundo cultural en Galicia: 1980 editáronse en galego 187 títulos e en 2010, 2.500. Na actualidade é unha literatura recoñecida en todo o mundo e o volume de obras literarias galegas traducidas a outras linguas vai en aumento. Tamén, en galego, existe unha importante produción teatral e audiovisual.

Por outra parte, o galego é lingua de uso nas aplicacións máis utilizadas na rede: navegadores como Firefox, Chrome ou Explorer; os buscadores Google ou Bing; as redes sociais Facebook e Tuenti; os xestores de contidos WordPress ou Xoops. Tamén funcionan en galego distintos tradutores e aplicacións comerciais e de software libre.

O galego encóntrase entre as 30 linguas máis usadas na internet no mundo, por diante de linguas que o triplican ou quintuplican en número de falantes. No que atinxe á Wikipedia, atendendo á calidade, a Galipedia ocupa o posto número 36; segundo o número de artigos, o número 43 -tendo en conta que non se empregan robots para a edición, mentres outras linguas si o fan- e, por último, ocupa o posto 33, segundo o número de artigos por número de falantes.

Tamén é lingua regularizada no mundo político e no mundo educativo, xa que, segundo establece a lexislación, a metade das materias escolares son impartidas en lingua galega. A súa introdución no ensino promoveu unha edición cada vez maior de recursos e materiais didácticos e pedagóxicos en galego. Cómpre indicar que, na actualidade, o galego estúdase en máis de corenta universidades. A maior parte delas teñen lectores –licenciados en Filoloxía Galega ou en Tradución e Interpretación- asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua e cultura galegas adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática, cursos de conversa, lingua e civilización, literatura etc.). Existen Centros de Estudos Galegos en universidades de Alemaña, Arxentina, Brasil, Chile, Croacia, España, EEUU, Finlandia, Francia, Hungría, Italia, Irlanda, Polonia, Portugal, Reino Unido ou Rusia. Moitos estudantes destes e doutros países asisten durante o verán aos Cursos de Lingua Galega para Estranxeiros que se imparten nas tres universidades galegas.

Aínda que non plenamente normalizado, o galego está moi presente nas administracións locais e autonómica e é a lingua máis empregada nestes eidos.
Onde o galego non ten unha presenza maioritaria é no mundo empresarial, nos medios de comunicación privados, no mundo relixioso e no campo xurídico, ámbitos nos que os prexuízos ideolóxicos en contra do uso do galego aínda están moi presentes.

Se ben as últimas estatísticas indican que o uso do galego descendeu moito entre a xente nova e urbana –debido á perda de transmisión familiar e á insuficiencia das medidas normalizadoras-, o galego aínda segue a ser a lingua habitual do 40% dos habitantes de Galicia, mentres que outro 35% usa indistintamente galego e castelán en función das circunstancias. As estatísticas tamén indican que o 98% dos galegos entende o galego sen dificultade, isto é; ten un coñecemento pasivo que se podería activar se se introducisen medidas claras que favorecesen o seu uso. Nos territorios exteriores de lingua galega, o uso do noso idioma abala entre o 35 % de uso no occidente de León e un 75-90 % no resto das zonas (Asturias, Zamora e Cáceres).

Á parte de todo isto, o galego é intercomprensible oralmente e por escrito co portugués, por iso os galegofalantes teñen un acceso moi doado a 250 millóns de persoas que se expresan en portugués, a sexta lingua máis falada no mundo. Co galego podemos percorrer territorios lusófonos como Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Guinea-Bissau, Cabo Verde, Timor Leste, Macau-China… entendendo e facéndonos entender sen problemas.

Malia todo este dinamismo e vitalidade, e as vantaxes internacionais da intercomprensión co portugués, o galego ten un serio problema porque aínda non deu contido a perda de falantes ocasionada por históricas políticas de desprestixio e prexuízos sociais. As iniciativas normalizadoras non lograron a erradicación deses prexuízos e dos medos aos usos públicos da lingua.

Fonte: RAG

A RAG pon na rede a publicación dos 50 anos do Día das Letras

Todas as letras do Día das Letras Galegas, o libro co que a Real Academia conmemora os 50 anos desta celebración da literatura galega, está xa dispoñible na rede. A RAG colgaba no seu web esta mañá a publicación íntegra, na que medio cento de académicos repasan cadansúa figura das que teñen sido homenaxeadas neste día.

Descargar Todas as letras do Día das Letras Galegas

Fonte: Culturagalega

Ferrín pide aos deputados unha emenda para que o galego non sexa unha lingua de ”cuarta fila”

O presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luis Méndez Ferrín, pediu hoxe a todos os deputados galegos que apoien unha “emenda poderosa” contra os Orzamentos Xerais do Estado que deixe sen efecto o trato “discriminatorio” dos recortes do Ministerio de Cultura á lingua galega.

En declaracións aos medios de comunicación á saída dun acto institucional na Deputación de Lugo, Ferrín mostrouse moi crítico coa rebaixa do 62 % do Goberno central na súa asignación anual á institución, que só recibirá 380.000 euros, cando as entidades homólogas en Cataluña e o País Vasco disporán de máis de 700.000 euros porque o recorte non pasará do 23 %.

Nese sentido, o presidente da RAG lamentou que o galego sexa tratado como unha lingua de ”cuarta fila”.

“A primeira nestes orzamentos é o castelán, e ata se pode entender que así sexa. A segunda é o catalán, a terceira é o vasco e o galego é de cuarta fila. Así nos consideran e así se consideran moitos galegos a si mesmos, de cuarta fila”, queixouse o presidente da RAG.

Méndez Ferrín expresou o seu desexo de que no Congreso dos Deputados “haxa unha emenda poderosa, apoiada por unanimidade e co consenso de todos os deputados galegos, tanto do PP, como do PSOE e do BNG”, para que “consiga facer desaparecer estes números discriminatorios”.

“Non estamos en contra dos recortes. Estamos nunha época difícil e, se hai rebaixas, que as haxa para todos. Pero non para uns máis e outros menos”, apostilou Méndez Ferrín, para quen esta situación “non é aceptable” nin para os membros da academia nin “para ningún galego de ben”.

Fonte: Galiciaé