Artigos

Feijóo prevé outro recorte de casi 700 millóns para o próximo ano

A Xunta disporá en 2013 dun Orzamento un 7,53% inferior ao que aprobou o Parlamento de Galicia para o presente exercicio. Cos límites de débeda e de déficit impostos polo Consello de Política Fiscal e Financeira, que reducen a capacidade de endebedamento de Galicia a menos da metade, o Goberno galego aprobou onte un límite de gasto para o próximo exercicio de 8.481 millóns de euros, 691 millóns menos que os que figuran nos Orzamentos de 2012. O informe que acompaña a proposta, que hoxe mesmo se someterá a votación no Parlamento, acompáñase dun cadro macroeconómico que prevé unha caída do PIB do 0,4% e, a pesar diso, unha redución da taxa do paro de dúas décimas.

Tras o Consello da Xunta que aprobou o límite orzamentario da comunidade autónoma para 2013, Alberto Núñez Feijóo ofreceu ante os xornalistas unha versión suavizada do axuste. O presidente galego comparou o Orzamento do ano próximo non co aprobado pola Cámara en decembro de 2011, senón co resultante dos axustes realizados ao longo do ano, de 8.771 millóns de euros. Con este cálculo, a caída orzamentaria redúcese a 290 millóns de euros (-3,3%), aínda que Feijóo foi máis aló e asegurou que, na práctica, e tras “asustes xa implantados” polas Administracións autonómica e central, limitarase a un 1,1%.
A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, xustificou a comparación do teito de gasto co orzamento “asustado”, no canto de co aprobado polo Parlamento, para poder realizar unha comparación en termos “homoxéneos”. A Xunta presentou as súas contas de 2012 condicionadas ás que aprobase o Goberno de Rajoy, que se atrasaron ata maio. Pero en contra do anunciado, e a pesar dos 250 millóns de euros de redución de ingresos que supuxeron, o Executivo autonómico adaptou as súas contas oficialmente “sen recortes”. O Goberno galego xustificouno apelando a medidas como a rebaixa no gasto da función pública, o aforro farmacéutico e o incremento do déficit previsto. Onte, recorreu a esas mesmas medidas para asegurar que os 690 millóns de caída do gasto non pasarán na práctica duns 100 millóns de euros.

Non menos optimistas son algunhas das cifras que figuran no informe de estratexia fiscal e financeira, que prevén que o PIB caia en Galicia unha décima menos que no conxunto de España, co que sitúa o crecemento galego nun -0,4%. Tanto o FMI como servizos de estudos privados calculan que a economía española caerá máis do dobre que o 0,5% que prevé o Goberno de Mariano Rajoy. Xa en 2012, a Xunta errará en 2,4 puntos as súas previsións de crecemento, ao pasar de 1,1% que figuran nos Orzamentos aínda en vigor ao -1,3% que prevé agora o Goberno galego no informe do teito de gasto.

Pese ao consenso xeneralizado de que se require un crecemento próximo ao 2% anual para xerar emprego, o informe da Consellería de Facenda, que presentou Elena Muñoz, confía en rebaixar a taxa de paro a un 20,1% dúas décimas menos que en 2012 e 4,2 puntos por baixo da calculada polo Goberno central para todo o Estado. “O leve descenso da ocupación e unha caída do número de parados na contorna dun punto farán que a poboación activa diminúa lixeiramente (0,4% de descenso) e se alcance a referida taxa”, relata o documento.

Con todas estas cifras, Feijóo insistiu na súa tese de que Galicia está menos mal que o resto de comunidades autónomas, grazas a que “se anticipou” nas medidas de austeridade, o que lle levou a prometer que o gasto social do ano próximo “manterase” ou sufrirá axustes mínimos. Unha vez aprobado hoxe polo Parlamento o teito de gasto, as consellerías terán ata outubro para pechar o Orzamento da Xunta para 2013, co obxectivo, afirmou Feijóo, de “blindar o gasto social” e “manter á baixa” o gasto corrente e improductivo. O presidente destacou que desde a súa chegada á Xunta, os Orzamentos autonómicos reducíronse ao redor dun 20%, ata situarse a niveis do ano 2005.

Fonte: El País

Foto: A conselleira de Facenda, Elena Muñoz, e Feijóo, tras o Consello da Xunta