Artigos

Os Premios da Edición entregaranse en Pontevedra o 13 de marzo

A Asociación Galega de Editores entregará os Premios da Edición o próximo 13 de marzo no transcurso dun acto que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra. O xurado dos premios, que decide entre os libros finalistas que resultaron da votación dos editores integrados na entidade, está composto polo libreiro, Cano Paz, de Librería Paz de Pontevedra; o expresidente da AGE, Alfonso G. Sanmartín; a bibliotecaria Pilar Fernández, directora da Biblioteca de Pontevedra; o ilustrador e debuxante Kiko da Silva; e o xornalista Ramón Rozas.  Colaboran coa organización do acto o Concello de Pontevedra, Gadisa e a Xunta de Galicia.

Visita ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil 

Os actos do día 13 comezarán ás 19 horas coa visita ao Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. Ás 20 horas está previsto o comezo da entrega dos recoñecementos ao traballo editorial do ano 2014 e a homenaxe á editorial Galinova, que celebra o seu 25 aniversario. Está prevista a asistencia de diversas autoridades galegas e da cidade, así como de representantes da vida cultural galega.

Trinta e seis títulos 

Trinta e seis títulos editados no ano 2014 compiten en 7 categorías: libro de ficción, non ficción, poesía e teatro, ilustración, infantil e xuvenil, educativo e tradución. Cinco proxectos optan ao Premio Rosalía de Castro á mellor iniciativa editorial do ano. Tres autores resultaron finalistas para o Premio Xosé Mª Álvarez Blazquez ao mellor autor-a do ano.

MARÍA BARBEITO. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970), de  Ana Romero finalista no PREMIO ÁNXEL CASAL AO LIBRO DE NON FICCIÓN DO ANO 2014.

Miña querida Sherezade, de Andrea Maceiras e ilustracións de Antonio Seijas finalista do PREMIO NEIRA VILAS AO MELLOR LIBRO INFANTIL E XUVENIL DO ANO 2014.

A Colección Emocións (9 títulos), de Mireia Canals e ilustracións de Sandra Aguilar e Historia das mulleres galegas. Das marchas nómades á Marcha Mundial das Mulleres, de Pepe Carreiro finalistas do PREMIO XOSEFA IGLESIAS VILLAVERDE AO MELLOR LIBRO EDUCATIVO DO ANO 2014.

Fonte: AGE

‘A toda máquina!’, 14ª edición do Salón do Libro de Pontevedra

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Anxos Riveiro, presentou a nova edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A 14ª, que levará por título “A toda máquina!” e se celebra entre os días 2 e 23 de Marzo no Pazo da Cultura.

Coa finalidade de fomentar a lectura en galego, a creatividade e a imaxinación dos nenos/as dende ben pequenos/as e motivalos cada ano cunha temática distinta, o Salón prolóngase nesta ocasión durante 3 semanas. Serán preto de 100 actividades as que se celebrarán, destinadas a todas as idades e públicos, tanto concertados como en aberto, mantendo así o número de actividades do ano pasado, coa diferencia de que a edición 12+1, durou un mes enteiro.

Esta 14ª edición, que homenaxea a traxectoria da escritora Marilar Aleixandre, xirará em torno ao lema “A toda máquina!”, invitando aos participantes a inventar, crear, experimentar, construir e proxectar ideas e facelas realidade para este Salón, tal e como fixo a ilustradora da AGPI Almudena Aparicio, deseñadora do cartel.

Contacontos, obradoiros para todas a idades, teatro infantil e xuvenil/adulto, roteiros, pasarrúas, actividades para bebés, presentacións de libros, os Bolechas, Espazo Wii, espectáculos musicais e diferentes exposicións serán as pezas que fagan que o Salón do Libro vaia  “A toda máquina!”.

Horario de apertura

Debido a afluencia de público doutras edicións a organización acordou abrir as súas portas tamén os domingos pola tarde, podendo visitalo e participar das numerosas actividades da fin de semana en horario de 11:00h a 14:00. e de 17:00h a 20:30h os sábados e domingos.

Por outra banda, as Tardes na Sala, ademais dos contacontos e títeres habituais, apostan nesta ocasión por obradoiros en aberto que fomenten a participación dos nenos/as e os seus acompañantes, se cadra.  Ademais, as  presentacións que realizarán as editoriais serán máis dinámicas, e contarán en moitos casos con obradoiros, música, actividades didácticas.

E, como de máquinas vai o conto, teremos habilitado un Espazo Wii, con consolas e videoxogos cedidas por Nintendo Ibérica, permantemente monitorizado onde se celebrarán concursos e torneos con videoxogos educativos e didácticos polas tardes e o fin de semana.

Dossier Salón 2013

Fonte: AGE