Artigos

A fábrica de Sargadelos será Ben de Interese Cultural

A Fábrica de Cerámica de Sargadelos ligada ao Laboratorio de Formas, é dicir, o centro de fabricación de cerámica posto en marcha do Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, será declarado Ben de Interese Cultural. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a incoación de expediente polo que a Xunta pretente outorgarlle a este conxunto fabril, que continúa en activo, a máxima protección prevista no ordenamento xurídico sobre patrimonio coa categoría de monumento.

O expediente contempla o conxunto arquitectónico da fábrica deseñada por Andrés Fernández-Albalat Lois e anexos como a vivenda de Díaz Pardo, a Escola de Tecnoloxía e laboratorios ou o Auditorio e biblioteca. Asimesmo, ten tamén en conta elementos mobles de deseño vencellados ao mesmo.

O conxunto foi construído entre 1968 e os anos 70 do pasado século, e para a súa protección, a Xunta argumenta que se trata “dun exemplo singular e único de industria, na cal o proceso industrial era parte dun proxecto cultural moito mais ambicioso de rexeneración cultural e social de Galicia e no cal o Laboratorio de Formas e as actividades culturais e de investigación derivadas del e da fábrica conformaron unha realidade sobranceira de vangarda diferencialista galega”.

Quedan fóra da declaración os edificios máis modernos que hoxe albergan a maior parte do proceso de fabricación da cerámica.

Fonte: Culturagalega

Foto: Galería Sargadelos