Artigos

Os nenos que pasan moitas horas diante de pantallas teñen un mal rendemento escolar

Desde o ano 2013 a información xerada a través dos estudos realizados polas institucións que alertan sobre as consecuencias do uso indiscriminado das  pantallas (tablets, ordenadores, televisións, móbiles, etc ) e os seus efectos no rendemento escolar, comeza a contar con máis espazo en algúns medios especializados, sendo a súa difusión moito máis potente. Un equipo de investigadores estadounidenses liderados polo psicólogo da Universidade de Iowa, Douglas Gentil, logo de analizar a 1.323 estudantes de Iowa e Minnesota, concluiron que os nenos que pasan moitas horas diante de pantallas, de calquera tipo, teñen unha peor calidade de sono, incremento de peso e un mal rendemento escolar. O estudo foi publicado pola revista JAMA Pediatrics. Están sendo os médicos e outros profesionais relacionados os que máis se están interesando polas consecuencias dos medios nos nenos e  nenas expostos a moitas máis horas das razoables aos efectos das pantallas.

Nun artigo publicado na prestixiosa revista Science o pasado mes de maio, os investigadores destacan a mellora das habilidades sociais e emocionais dos escolares separados das pantallas durante un campamento de verán.

O negocio tecnolóxico a debate

O negocio tecnolóxico trata de introducirse en todos os ámbitos da vida cotiá, nada é alleo a esa realidade na que se conxugan uns atractivos soportes electrónicos e a posibilidade de interacción virtual inmediata. Esa tecnoloxía, cara e creadora dunha  gran dependencia e que caduca en pouco tempo, debido aos avances constantes impostos polas grandes multinacionais do sector, está sendo ascendida, por obra e graza de moitas entidades e institucións, incluso do ámbito científico, a un status  supremacía  dogmática que inactiva calquera razoamento científico que cuestione as súas bondades e destaque os efectos negativos para os seus usuarios. Co gallo da introdución de ordenadores e tablets, tamén nas  nas escolas de primaria, habería que comezar a difundir entre os pais, nais e docentes, as conclusións dos estudos científicos que alertan dos riscos aos que se enfrontan os escolares e as súas familias.

Fonte: AGE.  Foto: ABC