Entradas

Coñecemos un pouco máis a Miguel Vázquez Freire

Nace en Corcubión en 1951. Estuda Filosofía e Letras nas universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, licenciándose na especialidade de Filosofía.

Na actualidade é profesor de Filosofía no IES Eduardo Pondal de Santiago de Compostela. Foi director da revista Golfiño e codirector da colección Merlín de Edicións Xerais. Co-autor dos materiais educativos de Filosofía de Xerais (1990-2008) como membro do grupo de Didáctica da Filosofía Enxergo. Promotor do Congreso de Pedagoxía da Imaxe  «Pé de Imaxe» e membro fundador de Nova Escola Galega.

Ten colaborado como crítico e comentarista de literatura infantil en numerosas publicacións, entre outras, na xa desaparecida Fada Morgana, a Revista Galega de Educación (da que forma parte do Consello de redacción), Cuadernos de Pedagogía, CLIJ, El Urogallo e nas páxinas culturais e educativas de La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Na actualidade forma parte tamén do Consello de redacción da revista Tempos Novos.

  • Bos días Miguel, cóntanos… cando e por que empezaches a escribir?

Comecei a traballar no eido da literatura para a infancia dirixindo unha revista infantil en Madrid, que inicialmente se ía chamar El Tobogán e acabou publicada en forma de libro co título xeral de Escocuentos. Aínda que ese non era o meu principal labor, os meus primeiros textos foron guións para historietas que tiñan como protagonista a un hipopótamo. Estou a falar de mediados da década dos setenta. Unha vez que me incorporei a Galicia como profesor de filosofía, en 1980, escribín os meus primeiros contos en galego que foron publicados co título dun deles: As aventuras do gato Bógar, coas excelentes ilustracións de Asun Balzola, unha gran artista, por desgraza xa falecida, con quen tiña traballado na revista madrileña.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Eu non falaría de “referentes”. Gústame repetir unha idea, que comparto con moitos, segundo a cal a literatura para os pequenos lectores debe ser literatura sen máis, garantindo ao tempo unhas mínimas condicións de accesibilidade acordes coas características deses destinatarios. Por iso, un bo libro para nenos debe ser un libro co que tamén poidan gozar os lectores adultos. Así que, como me pasa coa literatura en xeral, a min me gusta e teño como referencia toda a boa literatura infantil. Outra cousa é xa o que poderiamos chamar o rexistro no que eu me atopo máis a gusto e, nese sentido, diría que me movo con maior comodidade en rexistros realistas ca noutros de carácter máis fantástico.

  • Cal foi a túa primeira obra?

Isto xa o contestei na primeira pregunta. Se falamos de novela, daquela a primeira foi Proxecto Pomba Dourada, unha das incursións inaugurais no xénero de ciencia ficción en lingua galega. A primeira edición data de 1987.

  • Tes algún hábito á hora de escribir?

Primeiro de todo, debo precisar que non son nin me considero un escritor “profesional”, no dobre sentido dun escritor que vive do que gaña coa venda dos seus libros e ten un horario de traballo regular coma se ten en calquera outra profesión. Aínda que soe a unha concepción un chisco “romántica” e demodée, eu teño que agardar que chegue a inspiración e só a partir de entón me poño a traballar. Cando iso ocorre, non importa o momento, collo a pluma ou sento diante do ordenador. Xa logo, dependendo do xénero de que se trate, os procesos varían. No caso dos contos, unha vez que a idea está clara, preciso redactalos dunha soa sentada, por así dicir, e iso pode significar, segundo a extensión, unha ou catro horas de traballo. Logo virá a revisión e  iso xa implica días, semanas ou mesmo meses, incluída, claro, a hipótese de que o conto final non soporte as sucesivas relecturas e acabe na papeleira. No caso das novelas os procesos son ben distintos e, naturalmente, moito máis longos, nalgúns casos de dous, tres ou máis anos.

  • Escribes novelas, libros didácticos sobre filosofía e literatura infantil-xuvenil? En que estilo te sentes máis cómodo?

Ben, eu non falaría de diferenzas de “estilo” nese caso. Aínda que hoxe hai algunhas influentes correntes filosóficas que consideran que a filosofía non é outra cousa ca un xénero literario máis, sen entrar nesas polémicas, pola miña parte direi que son uns tipos de texto que responden a esixencias ben diferentes. Por exemplo, a cuestión da “inspiración” de que falaba antes, nos textos de carácter didáctico xoga un papel moito menor mentres que, nos textos de creación literaria, a dimensión didáctica adoita ser un atranco do que convén fuxir. No tocante á comodidade, non me sinto nin máis nin menos incómodo.

  • Como aparecen as ideas para as túas historias?

Obviamente, iso depende moito de cada unha. As veces pode ser unha imaxe ou unha situación concretas coas que me encontro e que poñen en marcha a imaxinación. Outras, determinadas experiencias máis complexas. En ocasións, a inspiración pode estar relacionada con lecturas previas aínda que en xeral, por aquela querenza polo realismo de que falei antes, as máis das  veces eu preciso atopar o meu motor creativo en elementos tomados do real.

Permítaseme aquí refuxiarme no tópico para dicir que non quixera ser obrigado a elixir entre ningún dos meus “fillos” literarios.

  • Tanto con María é maior como con Xurxiño quere ser… mostras a vida de dous nenos con personalidade, ambición e decisión. Pensas que os nenos se poden sentir identificados con estas historias?

Naturalmente. Esa foi a miña pretensión ao escribir eses relatos, que responden ao subxénero dos contos baseados na vida cotiá e que, xa que logo, describen condutas e personalidades de nenos e familias da sociedade contemporánea. Eu penso que os nenos e nenas seguen precisando alimentar o seu imaxinario con relatos fantásticos, incluídos os contos marabillosos tradicionais. Non entendo logo estes contos, que poderiamos cualificar de “realistas”, como unha opción alternativa o excluínte con aqueloutros contos senón perfectamente complementaria.

  • Fadita fosca! reflicte a maxia existente entre os avós e os netos, esa conexión interxeracional, o amor mutuo que senten. Cres que este valor pode chegar a perderse nesta sociedade que vivimos actualmente?

Non me parece que sexa algo opinable senón que por desgraza é evidente que a chamada sociedade posindustrial na que nos temos instalado tende a invisibilizar ás persoas anciáns e, como consecuencia, dificulta ou mesmo impide a comunicación entre avós e netos.

  • Todos estes libros son ilustrados por Xosé Tomás (ao que xa entrevistamos fai unhas semanas). Cres que é importante que o autor/ilustrador da obra estean de acordo á hora de crear as personaxes?

A historia ensínanos que as relacións entre o escritor e o ilustrador poden ser tormentosas e o resultado final da máxima excelencia, como no caso de Lewis Carroll e John Tenniell, autor dos debuxos xeniais das primeiras edicións de Alicia no País das Marabillas e A través do espello. En calquera caso, as miñas relacións con Tomás son as mellores e confío en que iso non obste para que os resultados non o sexan menos.

  • Poderías indicarnos cales son as túas autoras e/ou autores favoritas/os?

Para un lector compulsivo coma eu veño sendo desde que tiña menos de dez anos, responder a esta pregunta podería conducir a unha lista case interminable. Limitareime a dicir que medrei emocionándome, coma tantos rapaces, coas novelas de aventuras de Dumas, Verne, Stevenson, Twain e H. G. Wells; fascinoume, sendo adolescente, a complexidade psicolóxica dos personaxes de Dostoievski e, un chisco tardiamente, os relatos e novelas de Jack London ao tempo que os clásicos da primeira ciencia ficción (Bradbury, Asimov, Clarke). Falo só de autores que de algún modo se poden considerar afíns á literatura para a mocidade, autores que me seguen inspirando e aos que regreso coma lector reiteradamente. Pero tamén podería falar de clásicos dos que igualmente me sigo alimentando ou de autores contemporáneos que descubro incesantemente. Abonde con que engada un só nome: o do gran Álvaro Cunqueiro, sen o cal, na miña opinión, é imposible entender a actual vitalidade da literatura para a infancia e a mocidade en lingua galega.

  • Que proxectos tes en mente?

De novo acudo ao tópico: dos proxectos, mellor non falar, non sexa que fiquen sendo só iso, proxectos.

  • Como ves hoxe en día a situación no mercado editorial?

Esta é unha pregunta que require de todo un ensaio sociolóxico para ser contestada cun mínimo rigor. Espero que se me permita dicir tan só que estamos nunha situación de transición, motivada por circunstancias conxunturais (a crise económica) e estratéxicas (os cambios tecnolóxicos coa transición á edición dixital), na que é extremadamente difícil facer predicións.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túa obra deixamos este oco….

Graciñas a vós por preguntar.

Xosé Tomás fala da escola da ilustración O Neno Amarelo

Hai uns días botaba a andar en Compostela a escola de ilustración O Neno Amarelo, da man de Xosé Tomás, Miguel Vázquez Freire e Diego Rosales. É a segunda experiencia deste tipo en Galicia, despois de que o pasado ano Kiko da Silva puxese en marcha O Garaxe Hermético, máis centrado no mundo da banda deseñada.

As clases, ás que asisten un ducia de alumnos e alumnas, algúns profesionais e outros afeccionados con interese en afondar nesta práctica, comezaron o pasado venres e desenvolveranse semanalmente. No programa chama a atención a importancia dos contidos teóricos, que suman a metade das horas das clases. Como nos di o ilustrador Xosé Tomás: “é preciso reflexionar teoricamente antes de lanzarse a debuxar. Consideramos que cada libro, cada proxecto, debe ter un adn particular, un conxunto de elementos identitarios que o fagan totalmente diferente a outros”.

O curso contará con algunha master class, por exemplo unha a cargo de Xabier Docampo e Xosé Covas, que falarán da súa “parella consolidada de escritor e ilustrador”. Ou outra na que participarán Belén López Vázquez (directora de Baía Edicións) e Mercedes Cerdeiras (responsable da Biblioteca Municipal Infantil da Coruña). Precisamente Baía Edicións colabora coa escola ofrecéndolle a un dos seus alumnos e alumnas a posibilidade de ilustrar de xeito profesional un libro que a editorial publicará o vindeiro ano.

Como nace o proxecto de O Neno Amarelo

O proxecto nace do traballo constante e diversificado en varios campos entre Miguel Vázquez Freire, profesor e escritor, e eu mesmo, como ilustrador e tamén profesor. Levamos moitos anos facendo libros xuntos, reflexionando sobre o propio formato de álbum ilustrado, e temos organizado infinidade de charlas, obradoiros e actos formativos arredor da ilustración, a banda deseñada e a pedagoxía da imaxe en xeral. E a esta inquedanza compartida uniuse a cobertura empresarial que aporta Diego Rosales, guionista de banda deseñada no seu momento (en Golfiño, onde coincidimos os tres), e neste momento xerente do Colexio San Narciso, de Marín.

Por que o nome de O Neno Amarelo?

Trátase dunha homenaxe ao Yellow Kid de Richard F. Outcault, primeiro personaxe oficial de banda deseñada a nivel mundial, que apareceu nos xornais americanos a finais do século XIX.

Galicia leva anos sendo unha potencia en ilustración; faltaban espazos de formación?

En Galicia hai un amplísimo colectivo de ilustradores. E hai escolas que imparten ciclos formativos relacionados coa ilustración. Sen embargo, a ilustración que acompaña a un texto literario (cando o texto existe, pois ás veces o libro non ten palabras) ten uns paradigmas especiais, porque non só complementan a un texto, senón que o poden (quizais o deben) magnificar, ampliar, estender, mesmo rebentar e espallar os seus potenciais. A ilustración nos libros ten unha semiótica particular, narra con imaxes, e todo isto supón un campo de traballo moi complexo, que precisa de cursos específicos. Como todo o que requira especialización, non abonda saber debuxar, nin saber contar historias coa imaxe. É preciso mesmo ter nocións do que é un lector-neno, a estimulación da súa imaxinación, as súas potencialidades e os seus límites, as súas emocións,…

Dades tamén moita importancia ao ámbito teórico. Por que?

Foi unha das primeiras cousas que tiñamos claras: é preciso reflexionar teoricamente antes de lanzarse a debuxar. Consideramos que cada libro, cada proxecto, debe ter un adn particular, un conxunto de elementos identitarios que o fagan totalmente diferente a outros, incluso cando se trate dos mesmos autores. É crucial coñecer o que xa outros fixeron, de onde veñen as tendencias, e saber en que momento histórico nos atopamos. Ademais, dada a propia linguaxe da imaxe, a intuición é unha bendición, pero non sempre se atina. Cómpre facer figuras retóricas visuais conscientemente, controlar a cadencia narrativa da imaxe (como na música), administrar os silencios visuais, falar coas cores, etc.

Podemos falar dun estilo galego de ilustración?

Persoalmente, nunca pensei que algo así existise. É certo que traballamos moito na ilustración infantil, e a través dela falamos de nós, da nosa idiosincrasia como pobo, e a nosa cultura está fondamente plasmada nas imaxes dos libros que se editan aquí. Un estranxeiro podería coñecer Galicia perfectamente lendo unha escolma de obras ilustradas: o patrimonio material e inmaterial, a gastronomía, as paisaxes, as cores que nos rodean. Pero despois cada ilustrador é un universo particular.

A ilustración é sempre nun diálogo co texto? É iso o que a fai tan rica?

Dende O Neno Amarelo cremos fondamente na ilustración como unha obra non supeditada ao texto. Pola contra, son dúas obras que camiñan da man. Non se contradín, nunca, e enriquécense, desbórdanse mutuamente. Hai uns días contábame Yolanda Castaño que, ao traducir ao castelán un libro que fixemos xuntos, a propia ilustración deulle pé a modificar elementos do orixinal, porque na imaxe había cousas non mencionadas no texto, que aproveitou para a nova lingua de destino.

Como está sendo a recepción por parte dos alumnos?

Beo, acabamos de empezar, e esperamos que o noso traballo estea á altura das súas expectativas. Isto irá in crescendo, camiñando cara un proxecto final, que se culminará na publicación dun libro con Baía Edicións por parte dun dos alumnos.

A experiencia terá continuidade?

Esperamos que si. Desexamos facer unha nova quenda deste primeiro curso, e continuar con outras modalidades, entre as que se atoparán os monográficos.

Fonte: Praza

Baía debullará o funcionamento do traballo editorial na escola privada de ilustración ‘O neno amarelo’

O neno amarelo, o personaxe creado a finais do século XIX polo norteamericano Richard F. Outcault, pioneiro do cómic, dá nome á escola privada de ilustración que vén de iniciar a súa andaina en Santiago de Compostela. A iniciativa arranca con dez alumnos que se achegarán á ilustración no contexto do mundo editorial, tanto de xeito teórico como práctico.O neno amarelo, que celebra as súas sesións cada venres en San Martiño Pinario, nace da colaboración de Xosé Tomás, Miguel Vázquez Freire e Diego Rosales. Os tres coincidiron na revista Golfiño e dende anos desenvolven diversos proxectos conxuntos arredor da ilustración e o seu significado pedagóxico. Xosé Tomás, profesor e ilustrador, ocúpase da parte práctica, pero avanza que a teoría tamén ten unha cota do 50?% no programa deseñado pola escola. «O debuxo é unha técnica, que practicando se perfecciona, pero igualmente importante é que o traballo naza da reflexión e dos coñecementos da comunicación mediante a imaxe», explica Xosé Tomás. En consonancia, as sesións inciden moito nos conceptos de semiótica visual, de historia da arte e do valor da imaxe en proxectos de carácter formativo.

No programa do curso figuran cuestións de índole narrativa, como a elipse, a formación dun criterio propio para discriminar as ilustracións malas das boas, ou o traballo do debuxante ante a chegada da edición electrónica, entre outras materias. Ademais das sesións con Xosé Tomás e Vázquez Freire, están previstas varias clases maxistrais. O escritor Xabier P. DoCampo e o ilustrador Xosé Cobas visitarán O neno amarelo para detallar como é a relación creativa que se establece entre o autor das palabras e o das ilustracións dunha obra.

Edición e dinamización

Outras achegas abordarán aspectos máis centrados na xestión, pero igualmente importantes. Mercedes Cerdeiras, directora da Biblioteca Infantil e Xuvenil da Coruña, falará do percorrido dunha obra xa publicada, mentres que a directora de Baía, Belén López, debullará o funcionamento do traballo editorial. Precisamente Baía colabora tamén con O neno amarelo elixindo a un dos alumnos -que realizarán un proxecto final baixo a titoría dos profesores- para ilustrar un álbum de xeito profesional.

O neno amarelo supón a aparición da segunda escola privada galega orientada á ilustración, xunto con O garaxe hermético, posta en marcha en Pontevedra por Kiko Da Silva, máis orientada ao mundo do cómic.

Fonte: La Voz de Galicia

Os protagonistas da triloxía de Miguel Vázquez Freire déronse a coñecer na Feira do Libro de Cee

Sorpresa na presentación de Fadita Fosca en Cee!

María (de María é maior), Xurxiño (inspirador de Xurxiño quere ser) e Saleta (coprotagonsita de Fadita Fosca!) presentáronse na feira do libro de Cee co gallo da presentación da última obra da triloxía de Miguel Vázquez Freire e Xosé Tomás, Fadita Fosca! Só faltaba o avó, que está un pouco maior para certas viaxes.

Con estes tres títulos, Miguel Vázquez Freire, coa axuda de Xosé Tomás, recréase en historias do cotiá, do mundo real, fuxindo adrede dos contos fantásticos. Aproveita en todos eles para reinvindicar a importancia dos avós no mundo de nenos e nenas.

Os inspiradores da triloxía aproveitaron para facer comentarios críticos da obra, especialmente co ilustradror, Xosé Tomás, que foi amorosamente reprendido por María, quen non gusta da versión loira que dela fixera Tomás no seu momento. Xurxiño informounos que ten claro xa o que quere ser e María nadab por alí cazando moscas.

Ao final, fixemos a foto do trío con cadanseu libro.

 

 

 

Presentacións de Fadita Fosca! e A neve e o lume na Feira do Libro da Coruña, martes 6 agosto

O martes 6 de agosto Baía Edicións presentará Fadita Fosca! e A neve e o lume na Feira do Libro da Coruña

Ás 18:00 horas: Fadita fosca!

Miguel Vázquez Freire e o recoñecido ilustrador betanceiro Xosé Tomás, quen  realizará tamén un taller de ilustración dirixido ao público infantil, acompañados da directora editorial de Baía Edicións, Belén López Vázquez, farán un achegamento crítico a esta obra incluída na colección infantil Mar de Letras.

Ás 19:00: A neve e o lume

A escritora coruñesa Chelo Suárez e a tamén escritora e prologuista da obra, Marica Campo, farán unha introdución a esta singular novela dirixida ao público xuvenil e ilustrada moi certeiramente por Calros Silvar.

Contamos con vós!

Fadita fosca, de Miguel Vázquez Freire, na Feira do libro da Coruña

O martes 6 de agosto, ás 18:00, Miguel Vázquez Freire presentará Fadita fosca, acompañado de Belén López e o ilustrador Xosé Tomás, que nos ten preparado un taller de ilustración.

Agardamos que Saleta e o seu avoíño non apareza por alí co seu “salacot de cazador de animais salvaxes” como no libro, pois armaríase unha boa. 🙂