Artigos

Presentación do libro ‘Prenderei a lareira’ na tradicional festa de Ferramulín

Poesía, música galega, polvo e bolos cletas na primeira fin de semana de agosto en Ferramulín (2011). Despois da tradicional partida de bolos celtas, Vicente Reboleiro reuniu no campo da festa toda a veciñanza e fixo a presentación do seu libro Prenderei a lareira, na que se leron poemas que homenaxean o seu Courel sentido, vivido e amado, con esa rica linguaxe courelá, harmoniosa e musical, que nos transporta ao seu mundo, seguindo a tradición do seu mestre, Uxío Novoneyra. Houbo bágoas de emoción das veciñas e veciños, que vían os seus nomes e costumes inmortalizados neste seu libro que xa no poema preliminar é toda unha declaración de intencións:

Prenderei a lareira

e arderei de amor

aos devanceiros

Felicitar a veciñanza por ser quen de organizar por segundo ano consecutivo a tradicional festa que levaba máis de 30 anos sen celebrarse e na que, ademais da alborada, misa de campaña e sesión vermut, puidemos gozar do campeonato de bolos celtas, poesía, gaitas galegas, polbo e a popular verbena. Ao final da presentación, Uxío, un rapaciño de cidade que descubriu esta terra e xa non pode facer outra cousa que querela, leu un poema do libro que representa moi ben o que alí ocorreu:

A Patria

ARREDOR do lume da lareira

soaban as gaitas galegas,

danzaban as lapas,

brincaban as moxenas!