Artigos

A viúva de Vidal Bolaño desaira a Feijóo e á RAG e lamenta que uns manifestantes queden fóra do teatro

Falouse na proxección ao comezo da vida e obra de Roberto Vidal Bolaño. Da súa liberdade e o seu compromiso coa lingua. Falouse de teatro, de valentía e de letras galegas. Pero cando Belén Quintáns enxugou as bágoas da emoción, avisou aos oíntes: «Non sei se falar do que quero falar ou do que debo por tratarse dun acto da Xunta». E dito isto, deu fe de que si sabía. Entre as súas primeiras verbas, o desplante ao presidente: «Que diría Roberto se vise dando o discurso homenaxe a quen representa todo contra o que loitou!», dixo, antes de lamentar que un grupo de actores (en realidade fóra do teatro berraban vinte preferentistas e cinco manifestantes con nariz vermello) non estivese dentro do teatro. Pero os seus lamentos tamén chegaron a outro dos presentes na mesa, o presidente da Real Academia, Xesús Alonso Montero, en forma de protesta por non poder contar no acto co «presidente Ferrín», ao que atribuíu a capacidade de falar con propiedade da obra do seu marido, cousa que descartou dos que ían facelo. Alonso Montero recolleu a luva e desculpouse por non ser experto na obra do dramaturgo, aínda que logo fixo unha bela exposición do «extraordinario dun home que entroncaba co teatro culto de Bretch e coas raíces de Cunqueiro».

Intacto nos estragos da intervención da viúva do homenaxeado quedou Ángel Currás, que aproveitou para reivindicar a capitalidade de Santiago, cidade «na que se fala máis galego», ademais de destacar o «colo como espacio reservadísimo aos galegofalantes». O presidente non se deu por aludido. Nun discurso conciliador reclamou o papel da lingua galega como «ferramenta de liberdade» e culpou aos homes de convertela en «elemento de discordia».

«¡Viva Galiza Ceibe!». Berrou para pechar o acto a única das asistentes que entonou o himno galego co puño en alto e coa mirada aprobadora de Quintáns.

Fonte: ABC

A rede vólcase en descubrir a Roberto Vidal Bolaño a propósito do Día da Letras

Esta é a semana grande da cultura galega que ten o seu clímax este venres coa celebración do Día das Letras. A maior parte do material que figura na rede ten un alto carácter didáctico, motivado por centros de ensino e bibiotecas que queren achegar o seu gran de area para divulgar a figura do homenaxeado. Biografías, recursos didácticos, vídeos, entrevistas, imaxes… e o cronograma de culturagalega.org para dar a coñecer a figura de Roberto Vidal Bolaño (1950-2002).

Cronograma de Roberto Vidal Bolaño

Culturagalega.org, realizou un cronograma que detalla graficamente a vida e obra de Roberto Vidal Bolaño a través das súas estreas teatrais e da súa actividade cinematográfica.

Consulta o noso cronograma e o noso espazo para o Día das Letras.

A Asociación Roberto Vidal Bolaño

Dez anos despois da morte do autor teatral, creouse unha asociación para dar a coñecer a súa figura. O colectivo está formado por Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández castro e Camilo Franco. O web contén unha descrición sobre quen foi e o seu leigado.

Web da Asociación

A CRTVG e RVB

A cadea pública recupera entrevistas, programas e todo o material audiovisual que emitiu sobre o autor teatral. Afonso Becerra, Laura Tato, Evaristo Calvo, Xavier Estévez, Francisco Macías, Laura Ponte, Belén Quintás… e o propio Roberto Vidal Bolaño son algunhas das figuras que saen nos videos recollidos deste espazo.

Canle da CRTVG

Bibliotecas escolares

As bibliotecas escolares galegas iniciaron xa o seu labor de sensibilización, información e apoio ao profesorado dos seus respectivos centros, co fin de que o alumnado coñeza e goce da obra deste autor e procurando, tamén, que aprendan a amar a través das actividades, un xénero literario e unha expresión cultural esencial para unha sociedade democrática e unha poboación culta. Seleccóns de recursos, propostas de actividades, materiais para a busca documental, iniciativas para espertar o gusto polo teatro, comezan a difundirse.

As bibliotecas

RVB na USC

A Universidade de Santiago de Compostela peneira nos seus recursos propios para dar a coñecer os seus fondos relacionados co propio Roberto Vidal Bolaño. Publicacións, entrevistas, proxectos elaborados dentro da aula de teatro da USC fan parte deste proxecto.

Web da USC

O web da Real Academia Galega

É a RAG quen decide anualmente a quen se lle dedica o Día das Letras Galegas. Esta entidade publica no seu web unha biografía sobre o homenaxeado.

No web da Academia

A Xunta e o Centro Dramático Galego

Desde que a Real Academia Galega declarase o Día das letras Galegas a un dramaturgo, o Centro Dramático Galego asumiu o “liderazgo” das actividades institucionais. A produción propia Días sen Gloria(dosieres, cortes de audio, un caderno pedagóxico…), as coproducións de Criaturas e Bailadelas. Asi como un programa amplo coas tres universidades que se concretou nas obras Animaliños (USC, Paloma Lugilde), A burla do galo (UDC, Rubén Ruibal)e RVB 2013 (A universidade de Vigo).

A Secretaría Xeral de Política Lingüística

A Secretaría habilitou un espazo na rede para colocar guías e carteis en diferentes niveis de ensino non universitario. Canda eles, hai materiais para ESO, bacharelato, FP e ensinanzas especiais elaborados pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, así como guías didácticas, documentais e recursos feitos polos alumnos dos centros.

Web da Secretaría Xeral de Política Linguística

ESAD: material didáctico

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia abreu un apartado específico neste ano Roberto Vidal Bolaño no que agrupa as actividades, propostas didácticas ou material analítico e lúdico en torno á súa obra escénica. Ademais, ofrecen unha guía explicativa da exposición “Apuntamentos do artista: a obra escénica de Roberto Vidal Bolaño”, realizada por alumnado da ESAD de Galicia, en colaboración co seu profesorado.

Repositorio de recursos na ESAD

A vida e a obra

Presentación power point sobre a vida e a obra de Roberto Vidal Bolaño, Letras Galegas 2013 elaborada polo Departamento de Lingua Galega do IES “Concepción Arenal” de Ferrol.

Roberto Vidal Bolaño

A faceta cinematográfica

Roberto Vidal Bolaño ten asegurado en numerosas entrevista que el quería ser cineasta. De feito, ten desenvolvivo esa faceta como actor de series e películas, pero tamén como guionista. O Centro Galego de Artes da Imaxes, dedicará unha sesión a proxectar dous traballos, o filme Doentes e un documental de Gonzalo Enríquez sobre a súa figura, Recuperando Roberto Vidal Bolaño.

As proxeccións no CGAI

Outros materiais

Os cadernos pedagóxicos de Días sen gloria e As actas escuras; así como a Revista das Letras dedicada a Roberto Vidal Bolaño por Galicia Hoxe en 2005.

Fonte: Culturagalega

Comeza a Semana das Letras Galegas

O Día das Letras é unha data consagrada á exaltación e promoción da nosa literatura e da nosa lingua arredor da cal celébranse no noso país, e non estranxeiro, numerosas producións e eventos culturais de homenaxe á figura escollida. O 20 de marzo de 1963, coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, os académicos de número Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo propuxeron a celebración do Día das Letras Galegas.

Numerosas entidades e institucións de Galicia anunciaron actividades ao longo de toda a Semana das Letras Galegas.

Sesión extraordinaria da RAG 

A sesión plenaria extraordinaria pública da Academia celebrarase no Teatro Principal de Santiago de Compostela, cidade natal de Roberto Vidal Bolaño, e contará coa intervención dos seguintes membros de número da Academia: Margarita Ledo Andión, Euloxio Rodríguez Ruibal e Francisco Fernández Rei.

Acto da Xunta 

Anxo Lorenzo explicou que a Xunta trasladou os actos da Xunta para o 16. Será ás 18.00 horas non Salón Teatro de Santiago e asistirá o Presidente da Xunta, o alcalde da cidade ou o propio Secretario Xeral.

Fonte: AGE

A cultura de base implícase nas celebracións do Día das Letras Galegas 2013

O Día das Letras Galegas 2013 ameaza con chegar moi para alén das homenaxes institucionais habituais nesta celebración. A pegada de Roberto Vidal Bolaño, homenaxeado nesta xeira, está a motivar múltiples propostas feitas desde o asociacionismo e a base cultural. Entre estas, destaca o nacemento da Asociación Roberto Vidal Bolaño, que quere recuperar a memoria do dramaturgo e desenvolver toda unha serie de accións que chegan moi para alén deste ano.

Aínda que se deu a coñecer o pasado mes de novembro e tivo a súa posta de longo a pasada semana, o proxecto da asociación vén de moito tempo atrás. “Xa desde que Roberto nos faltou un grupo de xente próximo a el tivemos a preocupación de que non se perdera a súa obra e todo o seu legado, que vai para alén da escrita. Entón levamos anos a traballar xuntos, indo de editora en editora buscando quen editase as obras completas, presentando proxectos de documentais e de ficción audiovisual, movendo espectáculos ou tentando que se representase”, lembra Belén Quintáns, presidenta da asociación de viúva do dramaturgo. “Cando chegou a declaración das Letras vimos que precisabamos unha estrutura legal para nos relacionar coas institucións e a fórmula de asociación pareceunos forma máis rápida e axeitada”. Naquel momento, a propia Belén Quintáns, Roi Vidal, Rubén Ruibal, Antón Dobao, Francisco Macías, Xosé Manuel Fernández Castro e Camilo Franco botaban a andar o proxecto.

Incorporación

Coa presentación da segunda semana abríase unha segunda fase para o colectivo. Agora, a participación está aberta a todos os interesados, que se poden facer socios vía web, aproveitando así que o formato permite artellar unha ampla participación social. “Buscamos que todos os colectivos que dun xeito ou doutro tiveron que ver con el se impliquen. Por unha banda buscamos xente que podería colaborar con nós, pero pola outra sabiamos que hai moita máis xente que estarían interesados e que non sabían como acceder a nós ou como facerlles chegar propostas”, lembra Quintáns. A amosar o interese e a implicación de diferentes sectores, incorporáronse e participaron na presentación Antonio Durán “Morris”, en representación do colectivo actoral; Jorge Rei, en representación dos titiriteiros; Antón Dobao, en representación do audiovisual; Luis Rei e Luciano Fernández, en representación do colectivo Land Rober de programadores culturais; Roberto Pascual, da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia e director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia; Manuel Guede, director do Centro Dramático Galego; Laura Ponte, de Teatro Antroido; e un representante da Federación Galega de Teatro Amador (Fegatea).

Propostas sociais

Así pois, a implicación social na celebración do Día das Letras 2013 semella clara, e Quintáns recoñece que están ter coñecemento de múltiplas iniciativas que, en ocasións, acaban dando acubillo no seo da Asociación. “Hai moitísimas cousas. Dalgunhas mándannos información á asociación de doutras enterámonos cando están en marcha, desde pequenas representacións ata o roteiro de viños da Santa Bolaña” que percorreu a zona vella compostelá o pasado 15 de decembro. “Enterámonos que desde o Conservatorio de Santiago están a preparar un acto reunindo os músicos que traballaron con Roberto e queren interpretar algunhas da pezas que se fixeron para as obras. Entón estarán Roberto e Uxía Bolaño, que son sobriños del e que estudan no centro, canda a Rodrigo Romaní, Emilio Cao ou Bernardo Martínez”. A esta proposta sumouse “o conservatorio de Culleredo, que tamén quería facer algo semellante, entón imos ver de preparar algún tipo de circuíto”. Desde as universidades, pola súa banda, estaba previsto desenvolver unha serie de lecturas dramatizadas de obras do homenaxeado. “Semella que agora iso evoluíu e que se van montar espectáculos, entón a ver se tamén os facemos circular polas universidades. E logo nos centros de ensino os rapaces están a traballar como tolos. Hai documentais, montaxes, obradoiros de teatro, de todo. É incrible a acollida que tivo nos centros, están implicados desde os máis pequenos aos últimos”. En xeral, Quintáns recoñece que “hai relativamente pouco que Roberto desapareceu. Era un personaxe en si mesmo e resulta moi coñecido e reivindicado por xente que ao mellor nin ía ao teatro. E logo está o seu público, que en todo este tempo xa viña reclamando que se programase”.

Actividades

Desde a Asociación, pola súa banda, pretenden que “este ano sexa algo festivo e de exhibición, tentando chegar a todo tipo de xente e de públicos”. Nese sentido “parécenos fundamental pór os seus textos nos escenarios”. Deste xeito, a escena ocupará unha parte fundamental da programación prevista para este ano. Destacan nestas propostas as montaxes de obras do homenaxeado que xa anunciou o Centro Dramático Galego, Días sen gloria, para a primavera e Touporroutou da lúa e do sol, para o segundo semestre do ano. Ademais, está xa en marcha o ciclo Vidal Bolaño recuperado. Citas audiovisuais que recupera gravacións das representacións de obras do autor. Ademais está previsto para o vindeiro outono levar ás táboas Bailadelas, un texto de Roi Casal, fillo de Roberto, que recolle varios dos personaxes femininos do dramaturgo. Sen esquecer que está en xira a montaxe Criaturas, de Teatro do Aquí. O colectivo ten claro que quere que haxa propostas ao longo de 2013. “Estanos custando moito conseguir que haxa actividades ata decembro. Polo xeral semella que logo do 17 de maio acabou todo o relacionado co Día das Letras”, lembra Quintáns. Con este obxectivo “para o vindeiro outono queremos organizar, en colaboración coa SGAE unha mostra de teatro afeccionado no que se recoñeza a mellor montaxe da obra de Roberto que se fixese ao longo do ano, para animar tamén a que os grupos de teatro amador monten os seus textos”. Canda a isto “un dos obxectivos que pretendemos é que se comece a recoñecer a literatura dramática ao mesmo nivel que a narrativa e a poesía. Pensamos que é o que máis lle interesaría a Roberto desta celebración e era unha das súas grandes preocupacións. O Día das Letras é un impulso importantísimo neste camiño”. Unha exposición é outra das actividades que pretenden divulgar este ano a figura do dramaturgo.

Reivindicacións

Dado o carácter social que están a adquirir as homenaxes a Vidal Bolaño, resulta inevitable que estas celebracións reflictan dalgún xeito a difícil situación que está a pasar a escena na actualidade, precisamente cando a profesionalización era unha das grandes teimas do autor. Así se puido ver na posta de longo do colectivo, no que non faltou o elemento de denuncia sobre o perigo que corre o sector teatral do país. Segundo recoñece Quintáns, “poida que estas homenaxes chamen a atención sobre a situación, pero non vexo a administración sensible con este tema. A profesionalización que comezou con Roberto alá no comezo dos tempos está a se desmantelar. Hai pouco orzamento e a crise afecta a todos os sectores, pero no caso galego está a se desviar todo á cidade da cultura. Ao tempo a programación dos concellos está a ser cada vez menos, desprezando o traballo dos técnicos de cultura. Voltaremos ao que contaba Roberto dos seus primeiros tempos de ir actuar por un bocadillo”. Malia á crítica coa actuación, polo momento “a colaboración coa administración é boa, semella que hai interese en facer cousas, o que pasa é que a estas alturas seguimos sen contratar orzamentos, e moitos concellos non saben aínda se van poder contratar obras”.

Melloras

Fronte a esta problemática, a presidenta da asociación salienta a evolución na última década, desde a morte de Vidal Bolaño, do traballo que se fai en Galicia . “A nivel de actores houbo un subidón de calidade importantísimo, tanto de xente nova que se incorpora á profesión como dos actores de antes, que se lle vai notando a práctica. Nomes como Evaristo Calvo, Belén Constenla ou Víctor Mosquera xa eran bos, pero están a chegar a niveis que non teñen nada que lle envexar a ninguén”. Fronte a isto, sinala que “a nivel de propostas artísticas, penso que a xente continúa a funcionar un pouco por ocorrencias, ou ben opta por autores e fóra con algo de renome. Síntoo moito pero é o que penso. Poño en dúbida mesmo que moito do teatro que se fai se lle poida chamar galego para alén do emprego da lingua. Aínda que hai excepcións, falta algo que nos parece tristísimo que é que Vidal Bolaño non crease escola”.

Alén do Día das Letras

Para alén dos fastos deste ano, a Asociación ten claro que quere seguir traballando pola memoria do dramaturgo. “Aínda que semella que hai un efecto Día das Letras que mata o autor por segunda vez. A xente queda saturada dos homenaxeados e non se volta falar deles en anos salvo que haxa alguén que teña interese en que se coñeza a súa figura”. Deste xeito, de cara ao futuro está na mesa a creación dunha fundación que manteña o legado de Vidal Bolaño. “Xa é a idea inicial desde que comezamos a asociación”. Con esta perspectiva sinala que “sabemos que hai traballo que non collen en 2013. Un que resulta inmenso é a compilación e a catalogación de todo o material audiovisual, literario e fotográfico ou de cartelería que ai arredor del. Falamos de grupos afeccionados que montaron obras súas e de todo tipo de documentación. Entón aí hai un reto importante. Logo parécenos moi importante que se estude en serio a súa obra e o seu traballo, que salvo no caso da tese que fixo Fernández Castro, é algo que non analizou en profundidade. Por exemplo, poderían darse bolsas para investigar esta obra, e parécenos que é algo que cómpre facer. Logo seméllanos incrible que, por exemplo, o director da Escola Superior de Arte Dramática puidese dicir, hai cousa dun ano, que non estaba seguro de que todos os alumnos soubesen quen era Vidal Bolaño, cando debía ser unha materia obrigatoria nun centro que se supón que tenta formar profesionais do teatro galego”, lembra Quintáns.

Fonte: Culturagalega

Foto