Artigos

Ánxela Gracián e Pere Tobaruela gañan o 8.º Premio Meiga Moira 2018

O Xurado, formado por Héctor Cajaraville (gañador do 7.º Premio (2016) coa obra Denébola a Roxa), Andrea Maceiras (gañadora dos 4.º Premio (2010) e 6.º Premio (2014) con Violeta tamurana e Miña querida Sherezade, respectivamente), María Dores Fernández López,  profesora de Ensino Medio de Lingua e Literatura Galega na Coruña, e María do Pilar Campo Domínguez (Marica Campo), que actuou de Presidenta, e a directora editorial de Baía Edicións, María Belén López Vázquez, como secretaria, resolveu conceder por unanimidade o 8.º Premio Meiga Moira de Literatura Infantil-Xuvenil ex aequo ás obras presentadas baixo os lemas “Mathuo Basho” e “CM”.

Abertas as plicas, as mesmas resultaron corresponder, respectivamente, ás presentadas por Ánxela Gracián, que leva como título As voces da auga (proposta para lectoras e lectores a partir de 12 anos), e por Pere Tobaruela, que leva o título Auga e Lume (proposta tamén para lectoras e lectores a partir de 12 anos).

O Xurado manifestou, entre outros aspectos, o seguinte:

«As voces da auga destaca pola calidade de lingua empregada, a orixinalidade da proposta e o intenso labor de recreación dunha sociedade xeográfica e culturalmente tan distante como a chinesa. As voces da auga relata unha historia de supervivencia e de aposta pola vida nun contexto histórico especialmente complexo, máis alá dos convencionalismos».

«En Auga e Lume destaca a axilidade da trama e a súa vinculación coa historia de Galiza e a habelencia na mestura entre novela de aventuras, de misterio e de amor.

O protagonista debe viaxar no tempo para resolver un enigma que se mantivo agochado durante séculos e que chegou intacto aos nosos días».

As obras serán publicadas por Baía Edicións na súa colección Meiga Moira antes de finalizar o ano e as autorías repartiranse 2.500 euros cos que está dotado o premio..

Noutra orde de cousas, o Xurado valorou a alta calidade das obras presentadas, das que vinte e unha alcanzaron a selección final, o que evidencia unha vez máis o extraordinario momento que vive a literatura en galego dirixida ao público infanto-xuvenil e o importante xermolo de escritoras e escritores que está dando o país para seguir facendo avanzar o galego como idioma literario e de uso vehicular entre as nosas nenas e nenos.