Entradas

Xaquín Marín e Manuel María foron homenaxeados nas Festiletras do Couto

Máis de tres decenios levan xa os veciños da pequena aldea do Couto celebrando esta xornada ao seu xeito, cunhas Festiletras capaces de atraer a atención dos principais creadores do país e que transcenden o 17 de maio para homenaxear durante máis dunha semana ao idioma e a cultura de Galicia.

Onte, a lembranza de Vidal Bolaño estivo presente en Ponteceso, pero non foi o único homenaxeado na Fundación Eduardo Pondal -promotora xunto coa asociación Monte Branco e o resto dos colectivos da parroquia desta edición das Festiletras-, posto que por alí pasou Xaquín Marín para impartir un obradoiro de ilustración e sumarse á relación de creadores convidados nestes tres decenios, da que forman parte Xosé Neira Vilas, Fina Casalderrey e Manuel María, entre outros. Marín explicou como xermolan e cobran forma as súas ilustracións e aproveitou a xornada para facer un chamamento en favor de que o galego sexa celebrado todos os días do ano.

A súa presenza foi un agasallo máis para os rapaces premiados na primeira edición do certame Letras Creativas Eduardo Pondal, que compartiron co autor e cos alcaldes de Ponteceso, Malpica e Laxe a xornada matinal.

Pola tarde, e na Casa dos Veciños -o local onde se celebraron tradicionalmente as Festiletras ata a posta en marcha da Fundación Pondal-, os máis cativos da parroquia tomaron a palabra para lembrar cunha escenificación poética a Manuel María e celebrar así o 20 aniversario do paso do autor lucense por esta festa. A artista Uxía Senlle tiña previsto pechar a xornada, xa pola noite, cantándolle ao poeta da Chaira.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto