Artigos

O exceso de novas tecnoloxías impide a transmisión de xogos populares, segundo un estudo

O exceso de novas tecnoloxías, tantos aparellos e aplicacións dispoñíbeis, van moi en detrimento da supervivencia da tradición lúdica. Ou sexa, que non axudan nada, máis o contrario, á hora de garantir a herdanza interxeracional -dos maiores aos novos cativos- de todo o que ten que ver cos xogos tradicionais galegos. Así nolo recorda a investigadora galega Marta Álvarez Fernández, no seu proxecto final do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza (DAEN), o estudo Os xogos e actividades tradicionais de ocio na natureza como reflexo da sociedade. Porén, cómpre lembrar que na súa investigación sinálanse máis culpábeis: a caída de natalidade ou o progresivo despoboamento das nosas áreas rurais. Resultado: córtanse os fíos de aprendizaxe que até hai ben pouco unían comunicativamente a avós e pais cos seus netos e fillos.

Segundo sinala esta investigadora de Xove no seu traballo (centrado na supervivencia dos xogos populares na Mariña luguesa e que lle mereceu ser distinguida co Premio Extraordinario da segunda promoción do devandito máster impartido na Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo), moitos dos xogos populares cos que se divertían os devanceiros da súa contorna de orixe xa están esquecidos ou, cando menos, non son coñecidos polos máis cativos/as nin incluso polos seus proxenitores. Asemade, o esvaecemento desta tradición tamén propiciou a perda do léxico empregado para referirse a este tipo de xogos na comarca de referencia.

Ao seu xuízo, o emprego a esgalla, sen supervisión e sen límite, de novos aparellos tecnolóxicos e aplicacións diversas está a estender unha salientábel pegada de homoxeneización entre os escolares de máis idade, cuxas formas de lecer están xa estandarizadas en todas partes.

Fonte: Codigocero