Entradas

A AELG organiza itinerarios polas rúas da Coruña guiados por Xuxo Souto, Inma López e Xavier Seoane

O escritor e músico Xurxo Souto lembra a famosa cita de Agustín Fernández Paz para recoller o espírito dos Paseos pola Coruña Literaria: “A cidade é un libro que se le camiñando”. A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organiza para os tres primeiros sábados de novembro itinerarios polas rúas da Coruña guiados por Souto (día 1), Inma López Silva (8 de novembro) e Xavier Seoane (día 15). O presidente da asociación, Cesáreo Sánchez, confía en que os veciños poidan “coñecer a súa cidade de man dun guía sabedor dunha das súas moitas almas”.

Literatura e historia percorrerán as rúas do centro para revelar “a cidade culta” agochada baixo o cemento e a rutina. “A Coruña sempre foi moi querida polos escritores e escritoras. É culta, por elaborar cultura e aproximarse a ela como un corpo vivo”, engade Sánchez. Xurxo Souto acompañará aos primeiros trinta participantes -que poderán inscribirse gratuitamente no Ágora ou no teléfono do centro, 981 189 888- o sábado 1 para lles lembrar as pegadas do antigo gremio de mareantes. O artista sinálaos como os responsables de moldear a cidade. “Foron o gremio máis importante, pero está esquecido”, lamenta. Partindo da Igrexa de San Andrés, patrón dos mareantes, Souto levará ao grupo pola rúa Real ata a igrexa de Santa María, cunha torre que serviu de referencia para os mariñeiros que entraban no porto coruñés.

O camiño recuperará os tempos dos corsarios e escravos, a invasión de Drake que destruíu o barrio da Pescadería, a vida dos mareantes ou a duna sobre a que se levanta o antigo Cine París, onde fora descuberto un xacemento romano. Un “percorrido pola Coruña invisible” con anécdotas e datos históricos que Souto fiara con referencias literarias aos autores Manuel María, Devesa Monterroso ou Luisa Villalta, cultivadores da Coruña entendida como “cidade barco”. “A medida que imos camiñando e descubrindo os espazos cotiás, agromará esa memoria do mar”, salienta o escritor.

A autora de Memoria de cidades sen luz, Inma López Silva, viaxará o sábado 8 de novembro pola rúa de San Andrés, a praia do Orzán e a Casa Museo Casares Quiroga para mergullarse na súa novela, rememorando “o mundo intelectual da Coruña dos anos vinte e trinta”, apunta a santiaguesa. As lecturas de fragmentos da obra evocaran aos exiliados, á Guerra Civil e a personaxes da cultura galega como Anxel Casal ou María Casares.

Seoane pechará as visitas guiadas o día 15 coa figura de Rosalía de Castro e a súa pegada na cidade a partir da novela A dama da noite. “Trataremos de ver algo máis nunha personalidade da que ignoramos tantas cousas esenciais”, recoñece Seoane, ao tempo que eloxia a faciana da Rosalía como poeta “civil, social, festiva e precursora do feminismo”. O roteiro pasará polo Parrote, dende o que a poeta escribía o drama da emigración a través das ringleiras de viaxantes que contemplaba dende a súa ventá, ou a praia de San Amaro, na que morreu afogado o escritor Aurelio Aguirre, amigo de Murguía e Rosalía.

Fonte: La Opinión

Presentación na Feira do libro da Coruña d’O ALENTO NAS COSTAS, Natalia Carou

Baía Edicións presentou o día 8 de agosto, na Feira do libro da Coruña O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, que tivo lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) ás 21:00 horas, no que interviron, ademais da autora, Julián Hernández (guitarra e vocalista de ‘Siniestro Total’), Xurxo Souto (músico, escritor e divulgador cultural) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

O acto de presentación estivo cheo de amigos, curiosos e amantes da literatura. Xurxo Souto fixo unha achega crítica sobre a obra na que só tivo boas palabras tanto para a autora, Natalia Carou (sendo esta a súa primeira obra publicada!) como para a historia, aventura, fantasía… que narra nas 334 páxinas que contén o libro. Julián Hernández tamén participou nesta aproximación crítica sobre a obra comentando que a doble visión que se fai na obra sobre a época Medieval e a actualidade é espectacular. Natalia Carou rematou este acto explicando ao público asistente os motivos que a levaron a facer esta obra chea emoción, aventura, viaxe…

Podes ver e escoitar parte deste acto no canal de Youtube de Baía Edicións.

Baía Edicións presenta hoxe na Feira da Coruña ‘O alento nas costas’

Baía Edicións presenta hoxe día 8 de agosto, na Feira do libro da Coruña O alento nas costas, de Natalia Carou Figueira, que terá lugar na Carpa da Feira do Libro (Xardíns de Méndez Núñez) ás 21:00 horas, no que intervirán, ademais da autora, Julián Hernández (guitarra e vocalista de ‘Siniestro Total’), Xurxo Souto (músico, escritor e divulgador cultural) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

Estades todas e todos convidados!

 

Nace ‘Sermos Galiza’, un novo medio multiplataforma, colectivo e en galego

Sermos Galiza bota hoxe a andar, un novo medio dixital de información xeral en galego que a partir do 17 de maio será tamén un semanario en papel. O proxecto nace por iniciativa dun grupo de 14 persoas que inclúe á escritora Teresa Moure ou ao músico Xurxo Souto. O obxectivo do novo medio é converterse nun referente da información en galego, coa lingua como principal trazo definitorio. Para iso, conta co apoio de 900 accionistas que a través da súa achega conseguiron dar forma ao proxecto.

A redacción do dixital está composta por cinco xornalistas que fomentarán a participación activa dos lectores. A implicación cidadá e o traballo de colaboradores de distintos ámbitos serán a base do novo medio, que pretende ofrecer unha visión crítica da realidade galega. Pola súa vocación de proxecto colectivo, Sermos Galiza buscará o apoio das diferentes asociacións existentes no país, que terán no novo portal un altofalante para as súas iniciativas e proxectos.

A información de Galicia centrará os contidos do novo portal, pero tamén haberá espazo para o que ocorra noutros lugares, fundamentalmente os máis próximos. Neste sentido, terán especial importancia os acontecementos que teñan lugar en Portugal e no resto de países lusófonos. Conscientes da difícil situación á que fan fronte os medios de comunicación, os responsables de Sermos Galiza confían en poder asentarse e converterse nun medio sólido. Para iso, ofrecen a posibilidade a todo o que queira de subscribirse ao semanario a través da súa páxina web. O obxectivo que se marcan para poder garantir a súa viabilidade é conseguir o apoio de 3000 cidadáns.

A posta en marcha do diario dixital é o primeiro paso. Á publicación do semanario a partir do próximo mes, esperan poder sumar novos servizos a través de diferentes soportes. A creación dunha radio dixital é o próximo obxectivo no horizonte, un obxectivo que esperan cumprir canto antes.

Fonte: El País

Presentación na Coruña de ‘Ao pé do xigante’ e ‘Breve historia da Coruña’

Presentación dos libros A Coruña. Ao pé do xigante e Breve historia da Coruña na Feira do libro da Coruña o domingo 3 de agosto ás 19:30 de 2008. Neste acto interviñeron Gwendolyn Luo (autora de A Coruña. Ao pé do xigante), Félix Longueira (autor de Breve historia da Coruña), o fotógrafo Manuel Graña, Xurxo Souto e Belén López Vázquez (directora editorial de Baía Edicións). Read more