Un documental e unha páxina web renden homenaxe aos voluntarios do Prestige

A Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) emprendeu a campaña Galicia en color para favorecer os reencontros do voluntariado que colaborou cos traballos de limpeza da costa galega tras o desastre do Prestige como agradecemento ao que fixeron hai unha década, e que agora vai completarse con Marea Blanca, un documental de Isabel Coixet que o vindeiro día 16 estrearase no Cine Callao de Madrid, podendo verse na Rede a partires do día seguinte.
Este documental de 30 minutos conta as historias e motivacións persoais de quen deixou o seu fogar, traballo ou tempo de vacacións para realizar o duro labor de recoller coas súas propias mans vertidos tóxicos que tinguiron de negro o litoral galego. Para contar esta historia Marea Blanca céntrase na voluntaria Soledad Méndez, que chegou dende Estremadura e decidiu quedar en Galicia para sempre tras iniciar unha relación con outro voluntario (que rematou cunha filla como froito, que leva por nome Alegría Fisterra). Coixet tamén fai un achegamento aos pescadores da Costa da Morte e a outra parella formada limpando a costa de Muxía (o galego Nacho Castro e a catalá Nuria Blanco).
Este proxecto enmarcado en Coronita Save the Beach non se limita a unha peza audiovisual, senón que tamén conta cunha plataforma en liña que está a construírse como un monumento virtual na honra dos colaboradores, e na que tamén pode verse a fotografía panorámica máis grande do mundo que amosa o estado actual dos 274 quilómetros de costa afectados, sobre os que se proxectan os nomes de moitos voluntarios xeoposicionando imaxes que tomaron durante a limpeza do vertido, de xeito que podemos ver o antes e o despois do enorme esforzo que serviu para salvar a costa.

Fonte: Codigocero