Unha comisión europea vén a Galicia para estudar sobre o terreo varias denuncias de contaminación das rías

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo viaxará ás rías de Vigo, Ferrol e o Burgo entre o 12 e 13 de febreiro para analizar  once denuncias presentadas por diferentes asociacións cidadás sobre os altos niveis de contaminación que sofre a zona, que poderían vulnerar as leis europeas de protección ambiental.

A delegación parlamentaria estará composta polo eurodeputado conservador francés Philippe Boulland, a austriaca do Grupo ALDE Angelika Werthmann e a letona do Grupo Verdes/EFA Tatjana Zdanoka. Acompáñanos ademais os eurodeputados españois Francisco Millán Mon (PPE), Carlos Iturgaiz (PPE), Antolín Sánchez Presedo (S&D), Ana Miranda (Verdes/EFA) e Willy Meyer (GUE/NGL).

Os membros da delegación reuniranse cos denunciantes, coas comunidades locais máis afectadas por esta situación e coas autoridades locais e rexionais, como o alcalde de Vigo Abel Caballero, o Conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández e a Conselleira de Mar e o Medio Rural, Rosa Quintana.

Entre as asociacións e grupos de cidadáns que presentaron estas denuncias en Bruxelas atópanse a Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, as confrarías de pescadores e mariscadores de Ferrol, Barallobre e A Coruña, O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e o partido Esquerda Unida, entre outros.

Queixas de asociacións galegas

A Comisión de Peticións da Eurocámara recibiu un total de 11 peticións de cidadáns e asociacións galegas, que denuncian os altos niveis de contaminación da auga en diversas zonas costeiras, sobre todo en varios estuarios incluídos na lista de enclaves da biodiversidade protexidos pola directiva europea Natura 2000. A maioría das denuncias foron previamente discutidas en Bruxelas cos denunciantes, denominados “peticionarios”.

As causas da contaminación da auga parecen estar relacionadas na súa maioría co tratamento deficiente das augas residuais urbanas en varios puntos, así como a existencia de diversas instalacións industriais na zona. Os eurodeputados realizarán visitas sobre o terreo para coñecer as áreas xeográficas principalmente afectadas: a baía de Vigo e os dous estuarios de Ferrol e O Burgo (A Coruña).

Tres de once peticións ou denuncias estudadas polo Parlamento desembocaron xa en procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea en Vigo e o estuario do Burgo. Tras este encontro coas partes interesadas e as visitas sobre o terreo, os membros da delegación elaborarán un informe con recomendacións que serán debatidas pola comisión parlamentaria máis adiante.

Fonte: GaliciaHoxe