Máis vistas

Cartas no exilio

REF.:978-84-96893-85-6
5,00€

Dispoñibilidade: Dispoñible

Details:

A edición dunha correspondencia contén moi diversos e variados traballos de investigación, que se adaptan mellor ao traballo en equipo que ao individual. Desde os inicios deste proxecto, na primavera de 2003, varias persoas implicáronse nel, desde a paixón investigadora e a xenerosidade do saber.

Información adicional

Ano 2008
Nº de páxinas 168
ISBN 978-84-96893-85-6
Autoría Lopo, María

Detalles

Moitas son as persoas que fixeron posible esta edición. A primeira, por suposto, María Casares, por conservar estas cartas, e con elas, parte da nosa memoria; Véronique Charrier, directora da Maison du Comédien Maria Casarès e legataria desta correspondencia, por preservala e transmitila, decidindo a súa conservación e facilitando a súa consulta; María Esther Varela Casares, que nos deu unha autorización eticamente importante para Véronique Charrier e para min mesma; María Teresa Dolley, xefa do servizo de biblioteca do IMEC, a súa profesionalidade e a súa calidade humana favoreceron e facilitaron a realización desta investigación. E por suposto a Concellería de Cultura e Museos Científicos do Concello da Coruña na persoa da súa responsable, María Xosé Bravo San José, e Baía Edicións, por aceptar e levar a bo porto este proxecto.

A edición dunha correspondencia contén moi diversos e variados traballos de investigación, que se adaptan mellor ao traballo en equipo que ao individual. Desde os inicios deste proxecto, na primavera de 2003, varias persoas implicáronse nel, desde a paixón investigadora e a xenerosidade do saber; considéroos coautores do mellor que este libro poida conter, asumindo por suposto, como exclusivamente meus, todos os erros, carencias e imperfección do resultado final. Claudio Rodríguez Fer, Olga Novo e Santiago Lopo achegaron a ilusión imprescindible e colaboraron comigo en diferentes momentos do proceso, tanto a nivel do seu deseño teórico como da súa realización práctica: na localización dos documentos, na consulta dos inventarios, na elaboración de listados, na transcrición dos orixinais, nas traducións desta obra chea das linguas todas do exilio. Tamén quero citar aquí a Ana María García Collazo, a Tania Lamas e a Dionisio Pereira, que coa mesma ilusión achegaron datos do saber das súas áreas.

Mais o maior dos agradecementos vai, por suposto, para esas voces do exilio que o vento da vida e da historia espallou polo mundo. Por todo o que delas se aprende ao escoitar, ao ler con emoción e admiración os seus vívidos testemuños de loita e de derrota, de dignidade, de confianza no futuro e na humanidade; unhas voces das que apenas conservamos ás veces máis ca unhas iniciais ilexibles, ou un anónimo enderezo nunha provincia francesa que xa non existe na administración territorial. As nosas voces. Abrir unha tras outra as caixas da nosa memoria na nave central dunha renovada abadía normanda, e comprobar que nela segue zoando o vento, mostra que o máis improbable azar é sempre necesario e que todos os lugares fan o noso lugar, o lugar do noso exilio.