Copyright: Judit Cendón

Nace en Santiago de Compostela no ano 1978. Escritora e crítica teatral, é doutora en Filoloxía pola Universidade de Santiago e diplomada polo Institut d’Études Théâtrales da Université Paris III – Sorbonne Nouvelle. Desde 2007 é columnista no xornal La Voz de Galicia. Actualmente, é tamén profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e membro da Sección de Xénero do Consello da Cultura Galega. Figura no consello de redacción da revista Grial, onde desenvolve un intenso labor crítico ao que se acrescentan as súas investigacións publicadas noutros espazos relacionados cos estudos teatrais no ámbito internacional. Centrada esencialmente na análise da política e institucións teatrais e na configuración de sistemas teatrais emerxentes, publicou os libros Un abrente teatral (2002), Teatro e canonización (2004) e Resistir no escenario. Unha historia institucional do teatro galego (2015). Tamén é tradutora ao galego da obra dramática de Albert Camus e de Jean Genet e directora para o Consello da Cultura Galega, do proxecto en liña Dicionario Enciclopédico de Termos Escénicos.

Como escritora de ficción, deuse a coñecer en 1996 coa novela Neve en abril (1996 e 2005). Despois publicou os libros de relatos Rosas, corvos e cancións (2000) e Tinta (2012), mais acadou o recoñecemento do público e a crítica coas súas novelas, traducidas a varios idiomas, entre as que destacan Concubinas (Premio Xerais de Novela 2002), Non quero ser Doris Day (2006), Memoria de cidades sen luz (Premio Blanco Amor 2008, Premio Arcebispo San Clemente e Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega) e Aqueles días en que eramos malas (2016, Premio Lousada Diéguez á mellor novela do ano). Ademais escribiu o libro de viaxes New York, New York (2007) e os ensaios feministas Maternosofía (2014) e Chámame señora, pero trátame come a un señor (2018). Vén de publicar a súa última novela, O libro da filla.