G. Aneiros, Alberto

Nacín en Ferrol e resido en Santiago de Compostela, en cuxa Universidade traballo como bibliotecario. Son licenciado en Filosofía e CC. da Educación (Sección Psicoloxía).

Como seguramente son un escritor descoñecido para a maioría de vós, direivos que, á parte doutros galardóns literarios menores, varios dos meus relatos foron merecentes de premios ou recoñecementos nas edicións dos anos 2007, 2008 e 2009 do “Certame Nacional Galego de Narracións Breves Modesto R. Figueiredo”, promovido pola Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, así como do 1º Premio do XII Certame de Narración Curta Ánxel Fole (2010) do Concello de Lugo.

Amais doutros textos teatrais e narrativos (moitos inéditos polo momento), escribín sete libros de relatos, xénero de rica tradición galega polo que me decanto decididamente. Tres deles foron publicados: Propios extraños (2006), Relatos desvelados (2007) e Ironías dos fados (2008). O cuarto, A última viaxe, e outros relatos, é o que Baía Edicións publicou en 2012 en papel e agora, en 2013, en formato dixital.