Mato Fondo, Miguel A.

Nace en Ponteceso, en 1953, nunha casa ao pé dun piñeiral, fronte ao Campo da Feira, un 29 de abril. Vive no seo dunha familia tradicional. Actualmente reside na Coruña, onde imparte aulas de lingua e literatura galega e literatura universal no IES Rafael Dieste.

Os avós teñen un grande protagonismo na infancia, especialmente as avoas, debido ás súas personalidades tan diferentes, tan distintas na forma de influir nel.

A avoa Teresa, nai da súa nai, foi quen lle iniciou na lectura e no amor pola arte. Era mestra, tiña unha grande cultura e ensinoulle francés. Viña dunha notábel familia de Corme e un irmán seu foi o mariño e naturalista Xosé María Mosqueira Manso, do que sempre falaba con grande amor, respecto e admiración, ao tempo que del calou o que non conviña a unha familia de moral un tanto puritana, mais que, cando delas souben, fixeron do ilustre mariño unha personaxe máis atractiva aínda aos meus ollos.

O mundo da infancia poderíase explicar a través de imaxes, como fotos fixas: o inverno, os xungais anegados, os bandos de aves invernantes, os cazadores, os días interminábeis do verán, tan luminosos, as agras amarelas co trigo, as anduriñas, a praia de Valarés e o seu mar, a pesca da robaliza na marea, o río, a recitación dun poema de Pondal aos catro anos. Tamén a xente que viña pola casa, os labregos, os días de feira, os cans. A horta de froita. Os avós que foron indo pouco a pouco cara algún lugar perdido entre a néboa.

Logo marcha para A Coruña, por razóns de traballo do seu pai. Veterinario como o seu pai e seu irmán Manolo, comezou a traballar para unha multinacional belga, aló no comezo dos tempos da moderna explotación avícola e gandeira.

Na Coruña pasou o bacharelato e os primeiros anos universitarios. O coñecemento doutros rapaces e do mundo urbano. A continuación da maxia do cine e do ambiente de discotecas e, máis adiante, do mundo da noite dos pubs.

A participación política demorou un pouco, e cando chegou foi unha aproximación ao Partido Socialista Galego. Primeiro, o compromiso de utilizar o galego como única lingua de expresión, e o orgullo da tribu. A entrada no nacionalismo de esquerdas significou un novo rumbo na vida en moitos aspectos, claro.

Aqueles anos concedéronlle tamén o coñecemento dos amigos que mantén até hoxe: César Morán, Lino Braxe, Miguel Fernán Vello, os poetas de Amor e Desamor. O contacto co mundo da literatura permítelle coñecer a persoas que xa formarán parte da súa vida. Algúns, como Lois Pereiro, Luisa Villalta, Antón Avilés, Uxío Novoneyra ou Manuel María xa non están. Participou nos colectivos poéticos Alén e De amor e desamor. Autor de numerosos traballos de carácter didáctico, así como de diversos estudos literarios centrados en autores como Manuel María, E. Pondal, A. Fole, Manuel Antonio ou R. Cabanillas. Obtivo os premios Espiral Maior de ensaio (1997) e o Fiz Vergara Vilariño de poesía (2004). Actualmente reside na Coruña, onde imparte aulas de lingua e literatura galega e literatura universal no IES Rafael Dieste.

Publicacións

  • Xope de Lilaina. Baía Edicións, 2005.
  • A melancolía na poesía de Eduardo Pondal. eDixital, 2005.
  • O Whiskey na barrica. Espiral Maior, 2004.
  • Manuel María. Ophiusa, 2001.
  • A escrita da terra. Espiral Maior, 1998.
  • Edición e estudo de Edipo de Manuel María (Universidade da Coruña, 2004) e da antoloxía do mesmo autor publicada en Espiral Maior (1993).
  • A Mazá e a Cinza. Edicións do Cumio, 1991.
  • A poesía galegas após 1975. A Nosa Terra, 1988.
  • Literatura do século XX. Vía Láctea, 1988.
  • De amor e desamor II. Edicións do Castro, 1985.
  • De amor e desamor. Edicións do Castro, 1984.