Nacín no Carballiño (Ourense) en 1987. Medrei entre as páxinas dos contos que se acubillaban no meu dormitorio e os debuxos animados que bulían diante da tele naquel selecto club chamado Xabarín. Dende ben pequeno, choutei cos discos de rock que os meus irmáns maiores escoitaban na casa e, se cadra por iso, quedei enfeitizado pola música e súbome enriba dun escenario sempre que teño a ocasión.

Estudiei maxisterio na Universidade de Santiago de Compostela e actualmente exerzo de Mestre de Audición e Linguaxe no ensino público. Licencieime en Psicopedagoxía pola USC e realicei un “Mestrado en Investigación en educación, Diversidade cultural e Desenvolvemento comunitario” na mesma Universidade.

Nube Branca quere ser astronauta é o meu primeiro conto. Está deseñado para tecer actividades de estimulación da linguaxe oral en galego a través dunha historia apaixonante e entrañable, pensada para divertir a esgalla ás nenas e aos nenos. No 2019, publica A banda de Raimunda co mesmo propósito. Colección conto×conto.