Núñez, Toño (Xosé Antón Núñez Álvarez)

Nace en Vilameixide, Navia de Suarna (Lugo) en 1959. Traballou como mestre de Educación Infantil durante vinte anos. Na actualidade, imparte clases de Galego (Primeiro Ciclo de ESO) no IES de Palas de Rei (Lugo).

Crieime, ata os cinco anos, coa miña avoa-nai Carme nunha pequena aldea (Vilameixide) situada ao pé das montañas dos Ancares e medrei rodeado de natureza e de animais. Despois baixei para a vila (Navia de Suarna) para xunto dos meus pais porque había que ir á escola de dona Amalita e de don Mario. Navia é unha pequena, pero fermosa, vila de ribeira (bañada polo río do mesmo nome, o río Navia; se non a coñecedes, visitádea, paga a pena) da máis afastada e esquecida Galicia. De neno e de rapaz, entre outras moitas cousas, alindei vacas, apañei froita das árbores, botei e arrinquei patacas. Tamén soñei moito desperto, mentres andaba coas vacas había tempo. Soñei con xogar no Real Madrid como Amancio ou con cantar nunha orquestra como Pucho Boedo e, tamén, con casar cunha rubia. Pero, os soños, soños son; xoguei no Iris de Magoi, canto nun coro e casei cunha morena. Cousas da vida, que diría Castelao. Porén, o que nunca puiden imaxinar, nin en soños sequera, é que ía chegar a escribir.

Aos once anos marchei para Lugo a estudiar (onde resido na actualidade), xa era todo un home. Tiven, e teño, moitos oficios ocasionais (pastor, labrego, camiñeiro, repartidor de propaganda, camareiro, descargador de camións, pintor de brocha gorda, carteiro, albanel, vendimador, carpinteiro, canteiro e, por riba de todo, argalleiro) pero, desde hai xa ben anos, cobro nómina de mestre (non sei se a merezo). E diso vivo.

Despois da familia e dos amigos, a escrita, cantar, escoitar as orquestras nas verbenas nas noites de verán; camiñar polas praias, polas beiras dos ríos, polos montes, polas fragas e polas brañas; as árbores (sobre todo as do país), a arquitectura rural, imaxinar casas e debuxar os seus planos (á miña maneira) no papel; facer leña e chapuzas de madeira e de pedra (as pendellas e as paredes “á vaiche boa” é o que mellor se me dá); ver carreiras de ciclismo e atletismo na televisión, facerlles parvadas aos meus alumnos e alumnas e engaiolarme sentado diante do mar ou do lume dunha lareira son algunhas das miñas afeccións. Noutro tempo fórono as rapazas e practicar algúns deportes (fútbol, voleibol...) Os animais que máis me gustan son as vacas (especialmente as rubias galegas), as ovellas, as cabras, os burros, os cabalos, os cans de palleiro e as crías de todos eles; tamén me fascinan os corzos, os cervos, as raposas, os esquíos e as perdices; aborrezo as serpes, os sapos e as sapagueiras. Algunhas frustracións: son un condutor moi limitado, engato moi mal ás árbores, téñolles xenreira aos aparellos electrónicos e informáticos e fobia ás alturas e non sei tocar a guitarra nin o acordeón. Tamén me gustaría ter coñecementos teóricos de música, saber andar ben en bicicleta e ser capaz de lembrar algúns dos feitos máis significativos da miña vida, así como recordar algo das lecturas que teño feitas (poucas) e das películas que levo vistas, non hai maneira. Mellorar a miña capacidade para as relacións sociais tampouco me viría nada mal.

Aínda que sei moi ben que gardo incontables debilidades e defectos, en conxunto, téñome por boa persoa e procuro guiarme pola seguinte filosofía: “non lle fagas a ninguén o que non che gustaría que che fixesen a ti”. E isto implica un mínimo respecto polos demais e polo entorno que nos acolle. Pero tamén sei que son un home e, por iso, seguro que pecarei de incoherente e non procederei en consecuencia en moitas situacións e en moitas das miñas actuacións. Xa que logo, considérome un tipo afortunado, algo raro, moi tímido (a pesares de que mellorei moito) e moi despistado.

E, por que empecei a escribir?. Teño para min que o non ser capaz de expresar oralmente aquilo que levaba nos meus adentros empuxoume a buscar na escrita unha canle de liberación. Isto, unido a unhas pinguiñas de sensibilidade cara a moitas das cousas que me rodeaban, pode que sexa parte da explicación. Logo, os feitos de traballar e convivir con nenas e nenos pequenas e de ter dúas fillas, tamén deberon ter moita influenza. De feito, os primeiros contos escribinos para os meus alumnos e alumnas que, xunto coas miñas nenas, fixeron de coelliños de indias nos meus experimentos literarios. Debía ter catorce ou quince anos cando escribín o meu primeiro poema, un poema de amor, claro. E, máis tarde, acadei algunha que outra mención literaria. Hoxe en día, levo publicados seis contos para nenos pequenos (un deles traducido ao portugués e todo) e un libro moi heteroxéneo e moi especial, Navia, nai: un feixe de palabras cheas de sentimento no que falo do meu pobo, da miña xente, do galego naviego e, tamén, de min mesmo. En todo este tempo, viron a luz algúns poemas, relatos, artigos de opinión e, mesmo, algún traballo didáctico.

De todos os textos publicados estou, máis ou menos, satisfeito. Pero “O pirata Metepata”, que Baía Edicións vén de publicar, supuxo unha experiencia moi agradable para min pois foi un verdadeiro pracer compartir a concepción e a evolución do proxecto co meu amigo José Tomás, o ilustrador do mesmo; todo un luxo. Ata o de agora, en todos os contos que me publicaran, os ilustradores e as ilustradoras elexíranos as respectivas editoriasis e nunca tivera a ocasión de compartir con eles ideas nin información de ningún tipo. E isto resulta bastante “frío” e pode levar a pequenos erros ou a desaxustes na plasmación final da obra. Así pois, para que a cousa fose redonda, só faltaría que a vós tamén vos gustase este conto. Se o tedes a ben, contádeme que vos parece por correo electrónico. A verdade é que non sei como me deu por escribir sobre o mar e sobre piratas sendo eu de entre montañas pero... agora xa foi.

Queda dito.

Publicacións

  • Navia, nai. Col. Historia. Servicio de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, 2006.

Literatura Infantil

  • O pirata Metepata. Col. Xiz de Cor. Baía Edicións, 2006.
  • As cores da vida. Col. O Parrulo. Ir Indo Edicións, 2005.
  • Macedonia de froitas. Col. O Parrulo. Ir Indo Edicións, 2005.
  • Amores de gato e rato. Col. demademora. Kalandraka Editora, 2004.
  • O señor mago e a folla. Col. Montaña Encantada. Ed. Everest Galicia, 2000.
  • O soño de Ánxela. Col. Montaña Encantada. Editorial Everest Galicia, 1999.

(Traducido ao portugués).


Relatos breves

  • Desacougo. Relatos de verán de La Voz de Galicia, 2005.
  • A gata. Relatos de verán de La Voz de Galicia, 2004.
  • Cereixas bravas. Relatos de verán de La Voz de Galicia, 2002.
  • Da morte e da vida. Forma parte do libro colectivo titulado “1º Premio Buril das Letras Galegas” e editado polo C. C. Buril, 1986.

Poemas

  • Poema de amor en outono. Publicado no nº 30 de “Dorna” Revista de Expresión Poética Galega editada pola Universidade de Santiago de Compostela, 2005.
  • Chove. Publicado no nº 7 da Revista Lucense de Creación Poética “Xistral”, editada polo Excmo. Concello de Lugo, 2004.
  • Radiografía. Forma parte do libro colectivo “Cento sete marés” editado por Esmelgar, Arte e Comunicación. Lugo, 2003.
  • Lugo. Prazamaior (Publicación do Excmo. Concello de Lugo), 1987.
  • Navia I e II. Suplemento da Revista Lucus (nº 39) editada pola Excma. Deputación Provincial de Lugo, 1986.

Artigos de opinión

  • Navia tamén existe. Diario El Progreso (6-2-2005)
  • Mala educación? Diario El Progreso (4-12-2005)
  • A soidade do gris. Diario El Progreso (25-2-2003)
  • Con pólvora e magnolias. Diario El Progreso (10-4-2003)
  • Aí vén o maio de flores cuberto. Diario El Progreso (30-5-2003)
  • Radiografía do galego (I). Diario EL Progreso (3-6-1999)
  • Radiografía do galego (II). Diario El Progreso (4-6-1999)

Traballos didácticos

  • Xogar a pensar con arte, contos e xogos (Revista Crearmundos, Ediçao 01 /

www.telefónica.net / web/crearmundos)

Recibiu tamén varias mencións literarias.

Correo electrónico

Toño Núñez