Iria Pedreira Sanjurjo (Ordes, 1991) é filóloga, tradutora e crítica literaria.

Graduouse en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o Máster en Textos de la Antigüedad Clásica y su Pervivencia na Universidade de Salamanca e regresou á USC para a obtención do título de doutora.

Especializouse na lingua e literatura gregas, no teatro grecolatino e na tradición clásica. Sobre estes grandes piares alicerzou o seu proxecto de investigación arredor da influencia da tradición clásica no teatro galego contemporáneo, tema central da súa tese de doutoramento, que leva por título Recepción, interpretación e adaptación dos clásicos grecolatinos na literatura dramática galega.

En 2017 publica a primeira tradución ao galego dos Caracteres de Teofrasto, unha das obras fundamentais da literatura grega do Período Helenístico, na Colección Vétera de Rinoceronte Editora.

Dende 2018 colabora na sección literaria da revista dixital Balea Cultural. Neste ano tamén comeza a traballar nun proxecto titulado Ferreñas e Rock’n’Roll. Anecdotario sobre músicas galegas no que traballa conxuntamente con Laura Romero, sendo premiado no II Concurso de Ideas “Luísa Villalta” de Proxectos Culturais pola Igualdade, da Deputación da Coruña, e editado por Baía Edicións.