Dada a súa dobre faceta de escritora e artista plástica orientou os seus estudos, desde os inicios, a procurar as conexións e puntos afíns entre ambas as disciplinas, e tamén, aínda que con menos intensidade, co mundo da música.

En 1970 licenciouse en Filosofía e Letras (Filoloxía Románica) pola USC, onde tamén cursa por libre estudos de Maxisterio. En 1986 alcanza a licenciatura de Belas Artes (Escultura) pola Universidade Complutense de Madrid. É Máster de Gravado en diversas especialidades e realizou estudos de música no Conservatorio de Música da Coruña (solfexo, harmonía e contrapunto).

É unha activa colaboradora de asociacións como AELG, AULIGA, medios de comunicación (El Ideal Gallego, La Voz de Galicia, TVG) e dinamizadora de xornadas culturais, congresos e actividades dirixidas á promoción da literatura galega e, moi en concreto, da poesía.

Entre a súa obra poética destacan:

  • Con los pies en la frontera (1976).
  • Ya soy para tu muerte (1980, 2000).
  • Galicia Fondo Val (1982).
  • O santuario intocable (1992.
  • “Fondo en malva”, incluído no libro colectivo Homenaxe a Miguel González Garcés (1991).

A súa obra tamén está recollida en antoloxías poéticas e publicacións colectivas.

No plano literario ten unha ampla e recoñecida actividade como tradutora e ensaísta.

Como artista plástica desde 1975 organizou exposicións da súa obra tanto en mostras individuais como colectivas e poden contemplarse obras súas en diversos concellos galegos e en Lisboa.