Santamaría Hervella, Teresa

Nace en Ourense no 1961 e reside actualmente en Verín (Ourense). Mestra especialista en Educación Infantil, profesión que exerce desde 1984. Destinada na Escola de Educación Infantil de Vilaza (Monterrei) desde o ano 1986.

Na actualidade esta escola forma parte do C.R.A. (Colexio Rural Agrupado) de Monterrei no que é a Directora.

A súa dedicación céntrase no traballo na escola onde lle gusta experimentar e crear cos seus alumnos de infantil e primeiro ciclo de primaria. Foi asesora de educación infantil no CEFORE de Ourense no ano 1992. En 1997 recibiu o Premio á innovación Educativa polo traballo titulado "Creámo-lo recanto do restaurante" no que se recolle a experiencia feita na aula para traballar a alimentación. O ano 1998 no VI concurso galego de video escolar recibiu o 3º premio polo video "Restaurante A Casiña".

No 2004, na convocatoria dos premios á innovación educativa sobre os temas transversais, recibiu o premio á Innovación educativa sobre o tema transversal da educación ambiental co traballo "A bolboreta Doreta". Trátase dun proxecto de investigación que se inicia por azar, co achado no horto escolar dunha folla de verza con ovos de bolboreta. A partir dese momento os nenos e nenas, animados pola mestra, inician o estudo e investigación da bolboreta da col. Partindo dos seus coñecementos previos e seguindo unha “metodoloxía científica” aprenden xuntos a criar bolboretas, descubrindo as diferentes fases polas que pasan ata emerxer da crisálida. Este proxecto ten o obxectivo fundamental de achegar aos nenos o seu entorno inmediato para así valoralo e protexelo, dándolle importancia ata o máis pequeno dos seus elementos, como pode ser unha bolboretiña. Toda a experiencia se recolle no conto e nun DVD, no que se describe dita investigación, dun xeito fantástico, para ser comprendido polos nenos e nenas de Educación Infantil. Leva impartido diversas ponencias para mestres sobre a súa práctica docente en Santiago, Ourense, Verín e Zamora .

Publicacións

  • A bolboreta Doreta. Xiz de Cor. Baía Edicións, 2008.
  • Algún artigo en revistas educativas como "Saudiña" pero a nivel creativo desde o ano 2000 forma parte, xunto cun grupo de mestres, dos seminarios organizadores da Convivencia de educación Infantil, que reúne nunha xuntanza con fins pedagóxicos, en dous lugares e dúas datas diferentes a 1200 nenos e nenas de educación infantil da provincia de Ourense. No seminario, cada ano, inventan catro contos ao redor dun centro de interese, e deseñan e preparan os decorados e os materiais necesarios para a súa representación na xornada da Convivencia.

Correo electrónico:Teresa Santamaría Hervella