Vázquez Álvarez, David Daniel

Nace o 6 agosto de 1953 en Arcos de Valdeorras, concello de Vilamartín (Ourense) e reside actualmente no Barco de Valdeorras. Estudia Bacharelato na Bañeza e Astorga (León) e fai Maxisterio en Ourense.

En 1985 gaña o Primeiro Premio no II Certame de Poesía A Ouriceira, Val do Incio (Lugo), cun conxunto de poemas titulados Ribeirán do Sil.

En 2008 gaña o Primeiro Premio do VII Certame de relato curto "José Saramago", convocado pola Asociación de Bibliotecas de Santiago de Compostela, coa súa obra Laio na serra.

Profesor de Educación Primaria, xubilado desde o 2014.

Gústame moito a miña profesión e o mundo dos rapaces aínda que desexaría que non quixésemos convertelos en maiores antes de tempo, sen darlle a oportunidade de gozar da súa infancia, dos seus maiores e do agarimo que a nós nos deron.

Unha das miñas afeccións favoritas é camiñar pola aldea na que nacín á beira do regueiro Farelos, sentarme ao fresco das súas augas saltonas coa xente que coma min coñeceu na súa beira unhas paraxes virxes, fermosas...

Sinto un engado especial polo mar xunto ao que me achego en canto teño ocasión... talvez sexa porque nel coñecín hai preto de trinta anos á rapaza que desde entón comparte a miña vida.

Comecei a escribir no mesmo intre que descubrín que un papel era como un amigo ao que lle podes contar todo e que sempre está disposto a prestarche atención... cando comprobei que existían dúas clases de persoas: as que sempre podían falar aínda que non tivesen nada que dicir e as que tiñan que escoitar e gardar os seus pensamentos por importantes que fosen.

Publicacións 

  • A Illa do Silencio. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2016.
  • Siempre en Agosto (Ed. Letras de Autor, 2016).
  • O mapa das mil cores. Premio narrativa curta Manuel Orestes. Lugo 2015.
  • O Aprendiz de Druída (Finisterrae Ed.).
  • Cafetería Alameda (Finisterrae Ed.).
  • Cartas desde Prisión (Finisterrae Ed.).
  • Destello ámbar (Ed. Albores).
  • Laio da Serra (A.P. Vagalume). Premio José Saramago 2008.
  • A Fuxida das Letras (A.P. Vagalume).
  • Améndoas e flores silvestres. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2008. Premio Frei Martín Sarmiento 2015.
  • Na Solaina. Colección Baía Narrativa. Baía Edicións, 2008. Finalista do Premio Frei Martín Sarmiento 2014.
  • Ninguén nace antetempo. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2010.
  • O orballo da mañá. Colección Meiga Moira. Baía Edicións, 2006.
  • O ruliño branco, un libro de relatos e contos sacado á luz pola Asociación Pedagóxica “Vagalume” do Barco de Valdedorras en 2005.
  • Adaptacións teatrais para a escola pero a nivel local e algunha que outra obra para representar coas miñas alumnas e alumnos, baseadas en contos populares.