Vázquez Lobeiras, Mª Xesús

Nace en Ferrol o 10 de novembro de 1964. Entre 1982 e 1987 cursa estudos de licenciatura na Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela. Ten publicado libros e capítulos de libros, traducións, artigos en revistas especializadas etc.

En setembro de 1987 marcha a Alemaña co obxectivo de estudar o idioma e ampliar a súa formación. Entre 1988 e xullo de 1990 realiza estudos de posgrado no Institut für Philosophie da Universidade Libre de Berlín. En outubro de 1990 trasládase ao Centro de investigación Kantiana (Kantforschungsstelle) da Universidade de Tréveris, onde ficará máis dun lustro dedicada a diversas tarefas de investigación e docencia.

En xullo de 1996 presenta a súa tese nesta universidade baixo a dirección do Prof. Dr. Norbert Hinske (Univ. Tréveris) e da Prof. Dr. Mercedes Torrevejano (Univ. de Valencia), pola que obtén a máxima cualificación e o premio extraordinario de doutoramento. De 1997 a 1998 goza dun contrato de reincorporación de doutores e tecnólogos no Departamento de Metafísica e Teoría do Coñecemento da Universidade de Valencia. En novembro de 1998 incorpórase como profesora asociada á Universidade de Santiago de Compostela. Desde xaneiro de 2004 é profesora titular de filosofía moderna do Departamento de Filosofía e Antropoloxía Social desta Universidade, exercendo a súa docencia primordialmente na Facultade de Humanidades (Campus de Lugo). Ten participado en diversos grupos de investigación da Universidade de Valencia e do Consello superior de Investigacións Científicas. Desde o inicio da súa tarefa docente colaborou cos proxectos europeos de intercambio universitario Erasmus e Sócrates.

Interesada desde o período da licenciatura polo pensamento de Kant, ampliará paulatinamente o seu espectro temático cara ao conxunto de problemas da filosofía moderna en xeral e, en particular, á denominada filosofía escolar da ilustración alemá (entre Leibniz e Kant).

Publicacións

  • Fundamentos de pensamento intercultural. Baía Edicións, 2007.
  • Immanuel Kant. Baía Pensamento, Baía Edicións, 2005.
  • Perspectivas sobre ciencia, conocimiento y metodología en la Dissertatio de 1770, en: Scienza e conoscenza secondo Kant, A. Moretto (ed.), II Polígrafo, Padua, 2004, pp. 27-55.
  • Kants Logik zwischen Tradition und Innovation, en: Vernunftkritik und Aufklärung, M. Oberhausen, R. Pozzo (eds. ), Fromann Holzboog, Stuttgart-Bad Cannstatt, 2001.
  • Aproximación al campo semántico del término “trascendental”, en: Trascendentalidad y Racionalidad, J. Ll. Blasco, M. Torrevejano (eds.), Pre-textos, Valencia, 2000.
  • Immanuel Kant. Lógica, acompañada de una selección de Reflexiones del legado póstumo, edición crítica, traducción y estudio introductorio de M. J. Vázquez Lobeiras, Akal, Madrid, 2000.
  • Kants Logik und ihr Spiegelbild. Das Verhältis von formaler und transzendentaler Logik in Kants philosophischer Entwicklung, Peter Lang, Frankfurt-Berlín-Nova York-París, 1998.