Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Gómez Torres, Camilo

Doutor en Filoloxía Románica Hispánica (Galego-Portugués) pola Universidade da Coruña, Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Barcelona e mestre pola Escola de Maxisterio de Ourense, desde 1977 é profesor do IES Lucus Augusti de Lugo.

Nace en Quiroga, en 1948. Residiu en Monforte de 1950 a 1977, ano no que se asentou en Lugo por razóns laborais.

Ten publicados varios estudos sobre a obra de Manuel María, recollidos uns en volumes colectivos como Manuel María da Terra Cha (Citania, 1995), Historia da Literatura Galega (A Nosa Terra/AS-PG, 1997) ou Manuel María (A.C. Xermolos, 2001); e outros en revistas como Vértice (Coimbra, 1974), Follas secas (Ourense, 1985), Mundaiz (Guipúscoa, 1987), Grial (2002) etc.

É, tamén, responsábel das escolmas Manuel María. Versos de 30 outonos (1950-1979) (Edicións Xistral, 1981) e Antoloxía poética. Manuel María (A Nosa Terra, 1997).

En colaboración con Antón Gonçalves Quintela, é autor de Xesbib 1.1. Xestión informática integral dunha biblioteca de centro (Lugo, 1996).

Actualmente, coordina a publicación de Xistral (Revista Lucense de Creación Poética), que edita o Concello de Lugo desde o ano 2000.

No plano teatral, é autor de cinco pezas, aínda inéditas, pero xa estreadas por diversos grupos de teatro afeccionado: Historia dun espantallo (escrita en 1972 e estrenada en 1973), Unha luz na noite (escrita e estrenada en 1975), Auto do “si, señoría” (escrita en 1975 e estrenada en 1977), Historia dunha experiencia teatral (escrita en 1976 e estrenada en 1977) e A sala de xuntas (escrita en 1980 e estrenada en 1981).

Ten dirixido o G.T. da Asociación Cultural Castelao, de Monforte (1972-1973), o G.T. “O Espantallo”, do Colexio La Merced de Sarria (1975-1977), e a Aula de Teatro do IES Lucus Augusti, de Lugo (1980-1999). De cando en vez, colabora nalgunha das montaxes do G.T. “Achádego”, de Lugo.

Publicacións

  • O tempo vital de Manuel María. Crónica sociolingüística. A Nosa Terra, Vigo (2005). É unha análise da poesía de Manuel María desde a óptica da sociolingüística galega no marco do franquismo e da restauración democrática.
  • Bibliografía de Manuel María. Fundación Manuel María, Vilalba (2003). Ten a finalidade de facilitar o traballo de investigadores e estudosos da literatura e a cultura galegas que desexen achegarse e analizar a obra de Manuel María en todos os seus campos de expresión creativa: poesía, narrativa, teatro, ensaios e estudos, e colaboracións xornalísticas; ademais, engádense tamén outros capítulos dedicados aos poemas e contos musicados e recitados, traducións, entrevistas, páxinas “web” e bibliografía sobre Manuel María. Acompáñanse tres índices: de materias, de revistas e xornais, e onomástico.
  • A Terra Chá na poesía de Manuel María. Rotas culturais para unhas viaxes poéticas. Fundación Manuel María, Vilalba (2003). É unha escolma, clasificación temática e estudo do corpus poético chairego de Manuel María elaborada e publicada ao cumprírense os cincuenta anos da publicación da primeira edición do Terra Chá (Lugo, 1954).
  • Orientacións para o uso dos signos de puntuación. Baía Edicións, A Coruña (2002). É un manual de puntuación no que se citan preto de 300 exemplos de textos de máis de 200 escritores galegos para exemplificar cada un dos usos dos signos de puntuación recollidos. Complementariamente, nos apéndices, ofrécense tamén unhas indicacións básicas sobre o uso das abreviacións e a presentación e tipoloxía das citas textuais, índices bibliográficos e signos epigráficos.
  • Manuel María: os traballos e os días. Edicións Laiovento, Santiago (2001). É un capítulo da tese de doutoramento Manuel María: poesía, traballo lingüístico e traballo cultural, dirixida pola profesora doutora Dna. Mª Pilar García Negro e lida na Universidade da Coruña en maio de 2000. Como o título indica, trátase dunha biografía sociocultural de Manuel María, contextualizada no marco político-cultural da Galiza da segunda metade do século XX.

Correo electrónico

Camilo Gómez

O produto engadiu a lista de desexos

Utilizamos cookies propias e de terceiros con finalidades analíticas. Podes aceptar todas as cookies pulsando o botón “Aceptar”. Para máis información podes visitar a nosa política de cookies.