Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Ínsua, Emilio Xosé
Doutor en Filoloxía Galega pola USC e profesor no IES A Basella de Vilanova de Arousa. Membro do Grupo Etnográfico Mascato e, entre 2004-2013, do consello de redacción da revista Ardentía, editada pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
Poñente en diversos simposios, xurado en distintos premios literarios e co-autor de varios manuais e libros de texto da materia de lingua galega e literatura. Fixo tamén edicións críticas de varias pezas do teatro de Antón Villar Ponte e da obra inédita de escritores do seu Viveiro natal, como Antonio Prados Ledesma e Alfredo García Dóriga.
Colaborador de semanarios e revistas especializadas como Heraldo de Vivero, Casahamlet, Xistral, Escrita Contemporánea, Anuario Galego de Estudos Teatrais, Tempos Novos, A Trabe de Ouro, Cerna, Praza Pública ou Sermos Galiza.
Obtivo premios ensaísticos como o “Irmandiños” (Moeche, 1996), por un estudo sobre a Irmandade da Fala ferrolá; o “Ramón Piñeiro de Ensaio Breve” (2004), cun traballo sobre os irmáns Villar Ponte e o “Ánxel Fole” en dúas ocasións (2002; 2009), en colaboración con C. Nuevo, por traballos biográficos sobre a etapa inicial de Antón Villar Ponte e sobre a pintora Maruja Mallo.
É autor dos estudos Sobre 'O Mariscal' de Cabanillas e Villar Ponte (UdC, 2005), Antón Villar Ponte e a Academia Galega (Do Cumio, 2006); Antón Villar Ponte. Traxectoria como xornalista (Ed. Galaxia, 2007, dentro do volume Xornalistas con opinión. 20 biografías); Orixe, peripecia e pertinencia do topónimo San Cibrao (Cervo) (Seminario de Estudos Terra de Viveiro, 2010) e Encadramento e singularidade de Nicomedes Pastor Díaz na literatura galega do seu tempo (Real Academia Galega, 2013, dentro do volume O resplandor primeiro).
Como poeta, participou en “Letras de Cal” e escribiuDevalar das esperas(Espiral Maior, 1995) e Acontece ás veces a ternura(Espiral Maior, 2005, Premio “Prados Ledesma” do Concello de Viveiro).
Na actualidade coordina con Sonia Fernández Casal a revista Aulas Libres, que edita o Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino (STEG) e mantén na Rede o seu blog persoal “A ínsua do ínsua” (ainsuadoinsua.blogspot.com).