Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Pazó González, Cándido
Nace en Vigo en 1960. Autor, director de escena, narrador oral, actor. Comeza a súa actividade como actor, en 1975, vencellándose ao nacente movemento teatral de Vigo e de Galiza, sendo un dos “benxamíns” das xeracións xurdidas arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Ribadavia.
Na súa formación non regrada cómpre salientar o seu paso pola École Philippe Gaulier, en París, que acabará deixando grande pegada nos seus traballos de escritura e posta en escena.
Logo dunha primeira etapa de actor en diversas compañías e no C.D.G., debuta como autor e director de escena con O melro branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil 1989), peza representada pola súa compañía Tranvía Teatro.
Dirixindo a compañía Ollomoltranvía pon en escena o seu traballo máis célebre, COMMEDIA, un xoguete para Goldoni, espectáculo de commedia dell´arte que recibe os premios Compostela 93 ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección e Mellor Actor Protagonista; o Premio de la Crítica del País Valenciá ao Mellor Espectáculo do 94 e o premio da A.I.T.A. (Asociación Independiente de Teatro de Alicante) como Mellor Espectáculo de 1995.
Realizou postas en escena, adaptacións ou traducións para diversas compañías galegas e o C.D.G., traballando con textos propios ou de Roma Mahieu, Gil Vicente, Quico Cadaval, Marco Antonio de la Parra, Suso de Toro, Sanchis Sinisterra, Therry Jones, Umberto Eco ou Itziar Pascual.
Fixo parte dos dramaturgos europeos seleccionados para participaren na Maratón Europea da Creación Teatral, dentro do programa de actividades da Capitalidade Cultural Europea de Bruxelas, 2000.
No campo da narración oral, para alén das súas constantes actuacións en locais especializados, ten participado como contador de historias en numerosos festivais de España, Portugal e América Latina e imparte un seminario anual sobre a oralidade no actor na Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto.
Entre outros espectáculos escritos ou dirixidos por el destacan
- García, (Premio María Casares 2006 ao Mellor Texto Orixinal). Baía Edicións, 2006.
- Binomio de Newton (nominado para os premios Max 2003 como Mellor Texto Orixinal en Galego). Baía Edicións, 2006.
- Bicos con lingua, escrito en colaboración con outros autores (Premio María Casares 2004 ao Mellor Texto Orixinal).
- ÑikiÑaque (Premio Max 2002 ao Mellor Texto Orixinal en Galego).
- O bululú do linier (Premio María Casares 2000 ao Mellor Texto Orixinal). Baía Edicións, 2000.
- Nano, monólogo a partir de textos da novela Tic Tac de Suso de Toro, (Premio María Casares 98 á Mellor Adaptación, Mellor Dirección e Mellor Actor Protagonista).
- Nau de Amores, montaxe a partir de textos de 16 obras de Gil Vicente.