Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Reimóndez, María
Fotografía: Iván Reymóndez
María Reimóndez (Lugo, 1975) é unha tradutora e intérprete, activista e autora galega de novelas, poesía e ensaio tanto para persoas adultas como para crianzas e adolescentes. A súa ollada feminista e crítica ten sido recoñecida con importantes galardóns como o Premio Xerais de novela, o Premio Johán Carbalheira de poesía, o Xohana Torres de ensaio ou o Frei Martín Sarmiento de literatura infantil en dúas ocasións.
Como escritora o seu primeiro libro publicado é o poemario Moda Galega (Ed. Positivas, 2002). No 2013 regresou á poesía coa publicación de tres poemarios: Presente continuo (Xerais, 2013), Moda Galega Reloaded (Ed. Positivas, 2013) e kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio, 2013). No ano 2017 recibiu o Premio Johán Carballeira de poesía por Galicia en bus (Xerais 2018). En 2017 unha selección de Presente continuo foi traducida ao támil co título Kallin Kadungkopam pola poeta Thamizachi Tangapadian.
Como narradora, no ano 2003 recibiu o premio de novela Mulleres Progresistas de Vigo con O Caderno de Bitácora (Ed. Positivas, 2004). No ano 2005 quedou finalista do Premio Xerais con O club da calceta (Xerais, 2006), que foi galardoada co Premio San Clemente e que foi traducida ao italiano por Attilio Casteluci e o castelán por María José Vázquez Paz, adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cine por Ficción Producciones. A partir de aí publicou as novelas Pirata (Xerais, 2009) e En vías de extinción (Xerais, 2012), traducidas ao italiano por Attilio Casteluci e ao castelán pola autora respectivamente. Esta última dá inicio ao Ciclo dos elementos , unha serie de novelas independentes pero interconectadas, á que tamén pertencen A música dos seres vivos (Xerais 2015) e o Premio Xerais 2014 Dende o conflito (Xerais 2014), ademais de As cousas que non queremos oír (Xerais 2017). No 2014 gañou XIV Premio de Novela por Entregas de La Voz con A dúbida (Xerais 2016) que será publicado en castelán por Flores Raras en 2017, en tradución da autora.
Tamén ten publicados numerosos títulos de literatura infantil e xuvenil. No ano 2005 quedou finalista do Premio Merlín de Literatura Infantil con Usha (Xerais, 2006), personaxe ao que retornou con Volvo! O regreso de Usha (Xerais, 2014). Ademais, publicou seis libros infantís sobre as comarcas galegas en Editorial Everest, Lía e as zapatillas de deporte (Xerais, 2008) -Premio Frei Martín Sarmiento 2010- e O Monstro das palabras (Xerais, 2009). En 2017 publica Corredora (Xerais 2017), dirixida ao público xuvenil.
Reimóndez tamén escribe ensaio: no 2013 veu a luz o seu primeiro volume como ensaísta en colaboración con Olga Castro no libro Feminismos, que fai un percorrido ameno e divulgativo sobre os feminismos no mundo. En solitario publicou novamente en 2014 A alternativa está aquí (Xerais, 2014). En 2017 recibiu o I Premio Xohana Torres de Investigación pola obra Corpos exorbitantes. Rosalía de Castro, tradutora feminista, en diálogo con Erín Moure, que foi publicada polo Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela en 2017.
Reimóndez ten tamén unha longa carreira como tradutora literaria, sobre todo de literatura infantil con máis de doce títulos traducidos, ademais do poemario Teatriños (Galaxia, 2007) de Erín Moure e a obra teatral Kvetch levada a escena por Teatro do Morcego. En 2011 publica Despois da medianoite da autora támil Salma. En 2009 recibiu o premio Plácido Castro de tradución pola súa versión de A historia de Mary Prince, unha escrava das Illas Occidentais.