Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Romero, Bieito

Nado na cidade da Coruña, aínda que coas súas raíces na Ribeira Sacra ourensá (Xunqueira de Espadanedo e Esgos), comeza no mundo da música con 13 anos, levado polo seu interese nas músicas galega e celta. As súas inquedanzas culturais, nun tempo en que o acceso á información carecía das facilidades de hoxe en día, lévano a participar en diferentes revistas e colectivos da época. Mentres continúa a súa formación musical, participa e actúa con diferentes grupos e músicos da cidade: Adro, Neboeiro, Roi Xordo, Augamel... ata que finalmente, en 1986, fundaLuar Na Lubre.

Ao tempo que inicia esta nova e definitiva andaina musical, forma parte de recoñecidas agrupacións folclóricas e etnográficas, tales como o Ballet Gallego Rey de Viana, fundado en 1949 e considerado no seu momento un dos catro ballets folclóricos máis importantes do mundo, ou a Asociación Cultural Xacarandaina, unha das primeiras escolas de música tradicional de Galicia.

Como profesor de gaita, crea a Banda de Gaitas Os Rexumeiros, que foi canteira de músicos como Melo Suárez, Xan Xove, Iago e Brais Maceiras, Luísa Sarmiento ou Susana Seivane. Tamén foi o creador do colectivo coruñés O Son da Terra, dedicado á recollida de música tradicional por Galicia e territorios limítrofes que dá lugar a un arquivo sonoro de cuxo repertorio se nutren numerosos músicos do país.

Comprometido coa difusión das músicas tradicionais, colabora con diferentes emisoras de radio dende os anos noventa, encargándose na actualidade da dirección do programa Un mundo de músicas, en Radio Voz Galicia. Na mesma liña, é co-fundador de varios locais de hostalería, entre os que destaca A Cova Folk, establecemento pioneiro neste tipo de músicas na cidade da Coruña e visitado por artistas da talla de Paco Ibáñez, Jimmy Joung, John Whelan, Pat Kilbride, Eric Rigler, Matt Molloy, Phil Cunningham, Xuacu Amieva, Manu Chao, e un longo etcétera.

A súa paixón pola etnografía transcende o eido musical, todos os seus traballos discográficos están salpicados por referencias a lendas e outras historias de tradición oral, e cabe salientar a súa afección pola arquitectura popular, froito da cal percorre toda Galicia, atesourando fotografías de hórreos, camposantos, cruceiros e demais construcións, prestando especial atención ás diferentes simboloxías que vai atopando. Isto último tradúcese nun arquivo de máis de 3.000 imaxes procedentes de distintos lugares do país, o que no ano 2009 dá lugar ao seu primeiro traballo editorial: Xeometrías Máxicas de Galicia (Edicións Ir Indo), unha recompilación de case 500 fotografías que mostra a enorme riqueza da simboloxía galega e, nalgún caso, denuncia o deterioro ou incluso a desaparición deste importante legado patrimonial (símbolos recollidos neste traballo non existen na actualidade).

Como compositor, conta no seu haber con máis de 250 temas, gran parte deles repertorio xa habitual de moitas e moitos gaiteiros do país, e reinterpretados por diferentes grupos e solistas, nomeadamente “O Son do Ar”, peza habitual nas aulas de música e, probablemente, a canción instrumental de orixe galega con máis versións no mundo, en gran medida grazas á adaptación que deste tema fixo o músico británico Mike Oldfield, e que abre o seu disco Voyager.

Ao longo da súa traxectoria artística ten colaborado como músico e compositor con agrupacións de moi diferentes estilos, como Mägo de Oz, Cómplices, Brandania, Briganthya, Pablo Bicho, Lucía Pérez etc. En 2010 compón e grava a banda sonora da película Doentes, do director Gustavo Balza, baseada na novela homónima de Roberto Vidal Bolaño, e que foi elixida como mellor película nos Premios Mestre Mateo 2011, incluíndose, entre as súas 13 candidaturas, a de mellor música orixinal.

Con Luar Na Lubre, ao seu labor como compositor e músico multi-instrumentista (gaita, acordeón diatónico e zanfona), súmase o de produtor, gravando a día de hoxe un total de 18 traballos discográficos, ademais de unha longametraxe documental: Un Bosque de Músicas, que foi galardoada cun premio Mestre Mateo por mellor banda sonora orixinal. Logo de 33 anos a formación ten acadado multitude de premios e un recoñecemento que a consolida como banda de referencia da música celta internacional, con máis de 1.500 concertos en máis de 30 países, con 2 discos de ouro consecutivos, superando os 400.000 discos vendidos, que contan con colaboracións eclécticas como as de Ismael Serrano, Pablo Milanés, Lila Downs, Adriana Varela, Donal Lunny, Nollaig Casey, Diana Navarro, Pedro Guerra, Pat Kilbride, A Coral de Ruada, Miro Casabella, Nani García, Sés ou Victor Manuel.

 

 

O produto engadiu a lista de desexos

Utilizamos cookies propias e de terceiros con finalidades analíticas. Podes aceptar todas as cookies pulsando o botón “Aceptar”. Para máis información podes visitar a nosa política de cookies.