Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Pedreira, Emma

(A Coruña, 1978). Filóloga, escritora e artista plástica.

Como poeta a súa obra atinxe máis de dez títulos, que van desde o primeirizo Diario bautismal dunha anarquista morta (Espiral Maior, 1999) ata o máis recente Para saír deste lugar / Para salir de este lugar (Urutau, 2023). En 2017, un poema do libro Antídoto (Alvarellos Editora) foi considerado o Mellor Poema do Mundo e galardoado co Premio de Poesía Jovellanos.

No ano 2018 gañou o Premio da Crítica Española no apartado de narrativa en galego por Bibliópatas e fobólogos (Galaxia), o Premio Xerais de novela por Besta do seu sangue (Xerais) e o Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño por As voces ágrafas (Espiral Maior).

En 2019 gaña o Premio Jules Verne por Os corpos invisibles (Xerais). Esta novela tamén foi considerada, xunto coa autora, a mellor do ano pola revista electrónica Fervenzas Literarias e en 2020 gaña o Premio da Gala do Libro Galego ao mellor texto xuvenil.

En Baía Edicións publica a novela histórica As fauces feroces e o volume poético XelArias, palabra á intemperie en colaboración coa ilustradora Laura Romero e forma parte da antoloxía de voces femininas da narrativa actual Entre Donas.

En 2021 publica a autobiobliografía Os libros que hai en min (Cuarto de Inverno). Tamén é autora de Juana de Vega, a muller que desafiou o seu tempo (Galaxia), que escribiu a catro mans con Marilar Aleixandre.

Durante a investigación para o libro As horas mortas publicou A parte dos anxos (Aira, 2023) en colaboración co ilustrador Carlos Lago, onde se adentra no mundo dos cemiterios alternando a ficción coa realidade cunha colección de microrrelatos sobre mortes infantís.

O seu penúltimo libro publicado é a novela negra A boca da sombra (Aira, 2024).

O produto engadiu a lista de desexos

Utilizamos cookies propias e de terceiros con finalidades analíticas. Podes aceptar todas as cookies pulsando o botón “Aceptar”. Para máis información podes visitar a nosa política de cookies.