Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Castaño, Yolanda

(Santiago de Compostela, 1977) é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha activa e premiada xestora cultural coa súa propia Residencia para Escritores/as na Coruña. Dende 2009 dirixe obradoiros literarios, obradoiros internacionais de tradución poética, festivais e ciclos mensuais de poesía sempre con autores/as galegos/as e internacionais. Premio Nacional da Crítica 1999, Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009, Premio Fundación Novacaixagalicia, Premio Irmandade do Libro “Autora do Ano” 2014, Premio Estandarte ao mellor poemario publicado en España en 2020 e Finalista do Premio Nacional de Poesía, Yolanda conta con 6 poemarios individuais, edicións bilingües (galego-castelán) en Visor Libros –para España e Latinoamérica–, libros publicados en inglés, francés, italiano, serbio, macedonio e armenio, plaquettes editadas en alemán, francés, croata, macedonio e chinés, varias antoloxías –con música, bilingües, en cómic poético...– e mais sete libros de poesía para crianzas, ademais doutras obras publicadas como editora, biógrafa ou tradutora de poetas contemporáneos. Traballou durante anos en TV (Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual) e recibiu bolsas de Escritora en Residencia en Rodas (Grecia), Múnic, Beijing, Escocia e Andalucía. Con máis de 25 anos de traxectoria profesional na poesía, desenvolve experiencias que fusionan a escrita coa plástica, música, performance, arquitectura, danza, audiovisual, cine en 360º, cómic ou mesmo coa cociña, xa sexa soa ou en colaboración con outros/as artistas. A súa obra apareceu representada en multitude de revistas, libros colectivos e antoloxías, así coma en numerosos encontros e festivais de preto de corenta países de Europa, América, Norte de África e Asia, téndose traducido en parte a máis de 30 idiomas. O seu último poemario publicado é “A Segunda Lingua” (2014), entre os dirixidos á rapazada, “Paleta Planeta” (2021); a última tradución “Second Tongue” (2020) e a última antoloxía, a bilingüe (galego-castelán) “Un cobertizo lleno de significados sospechosos” (2020).

O produto engadiu a lista de desexos

Utilizamos cookies propias e de terceiros con finalidades analíticas. Podes aceptar todas as cookies pulsando o botón “Aceptar”. Para máis información podes visitar a nosa política de cookies.