Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Aleixandre, Marilar
Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) ten a lingua partida entre a literatura e a investigación sobre argumentación e pensamento crítico na USC; as dúas son feministas. Autora de novelas: As malas mulleres (Galaxia, 2021) premio Blanco Amor; antes acadou o Álvaro Cunqueiro 1997 por A Compañía clandestina de contrapublicidade, ou o Xerais 2001 por Teoría do caos. Coidado coas narradoras, non se sabe quen é autora, quen personaxe (O coitelo en novembro 2010). En narrativa xuvenil acadou os premios Merlín e da Crítica, por A expedición do Pacífico (1995), o Caixa Galicia e White Ravens por A cabeza de Medusa (2008), sobre a violación social que segue á física, ou o Raíña Lupa por A filla do minotauro (2018). A súa poesía está inzada de plantas ventureiras (Desmentindo a primavera, e Desescribindo), e animais rebeldes (Ovella descarreirada). Acadou o premio Esquío 1998 por Catálogo de velenos, o Caixanova-PEN 2007 por Mudanzas, reescrita feminista das Metamorfoses, estes xunto con Abecedario de árbores (2006), foron reeditados como Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017). Autora de ensaios como Movendo os marcos do patriarcado: O pensamento feminista de Emilia Pardo Bazán (2021) con María López Sández e Juana de Vega: A muller que desafiou o seu tempo (2022), con Emma Pedreira. En 2017 ingresou na Real Academia Galega co discurso Voces termando da paisaxe galega.