Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Mejuto, Eva
Doutora en Xornalismo pola USC, traballou no sector editorial infantil desde 1998 ata 2016 e desde entón ata a actualidade traballa no ámbito da xestión cultural. Foi docente durante dez anos no máster «Libro ilustrado e animación audiovisual» da Universidade de Vigo e fixo a súa tese de doutoramento sobre o realismo social no álbum ilustrado. Así mesmo, é autora de diversas adaptacións de contos tradicionais para formato álbum ilustrado, traducidas a máis de dez idiomas, entre as que destacan A casa da mosca chosca (Kalandraka 2002) e Corre corre, cabaciña e Maruxa (OQO). En narrativa xuvenil ten publicadas as novelas 22 segundos (Xerais, 2017 e Lóguez 2020), Memoria do silencio (Xerais, 2019) e A ladroa da biblioteca de Meirás (Xerais 2022). Os seus álbums máis recentes son Dez gatiñas viaxeiras, ilustrado por Víctor Rivas, Animalfabeto, ilustrado por Nuria Díaz e editado en Triqueta Verde. Xunto á ilustradora Bea Gregores publicou os álbums: A lavandeira de San Simón (premio Mellor iniciativa editorial nos Premios Follas Novas 2021) e Cando leo (Xerais 2020 e 2022). A súa obra Matilde recibiu o galardón “Matilde Bares” Relatos pola Igualdade, organizado polo CIM do Concello de Bueu. No ano 2021 foi, así mesmo, galardoada co premio das Bibliotecas Escolares como a autora máis lida do ano e a súa obra Neko (Oqueleo, 2021) recibiu o galardón á mellor obra infantil nos Premios Follas Novas. É a autora do libro de entrevistas Memoria diversa, sobre a memoria do colectivo LGBTIQA+ en Galicia, con fotografías de Carme Cerviño e editado pola Deputación da Coruña, que recibiu no 2023 o premio Follas Novas á mellor obra de divulgación. No mesmo certame A ladroa da biblioteca de Meirás foi premiada na categoría de mellor obra xuvenil. Os contos do Lobicán foi a primeira incursión da autora no xénero dramático, coa que recibiu o premio Barriga Verde de textos teatrais infantís para monicreques. Logo desta obra, escribiu a obra de teatro As cousas de don Paco, biografía de Francisco Fernández del Riego para a revista dixital A Primavera das Letras da Real Academia Galega.
Actualmente colabora co “Diario Cultural” da Radio Galega cun espazo de literatura infantil e xuvenil e coordina o podcast sobre libros e bibliotecas Entreliñas.