Listaxe de publicacións da autoría ou ilustración Mariño Davila, Esperanza L.
Filóloga por formación e vocación, estudou numerosos idiomas, entre eles o portugués, francés, italiano, inglés, alemán e árabe, ademais de ser catedrática de lingua e literatura galegas no ensino secundario. Comezou a publicar na vintena e, como investigadora de temas lingüísticos e literarios, o primeiro estudo crítico amplo consistiu na edición crítica da novela histórica Da emigración. Notas d´un galego (1993) de A. Paz Míguez, ao que sucederon outros volumes de crítica literaria: A vida sempre e sobretodo (2001) de Crisanto Veiguela, ´Diccionario´ María Mariño (2007) e ´Diccionario´ Uxío Novoneyra (2010). Especializada na figura e na obra de Isaac Díaz Pardo, sobre el escribiu numerosos artigos que culminaron con A mensaxe entre as sombras. Obra poética de Isaac Díaz Pardo (2021).
En canto á faceta de tradutora, verteu ao galego Historia universal de Paniceiros (2008) e Os nomes da terra (2010) de Xuan Bello, así como Avó Ismail (2011) de Esther Prieto. Como creadora, escribiu o poemario A pousa da libélula (2024).
Nos anos noventa foi a representante de Galiza na Fédération Européenne des Maisons de Pays. Tamén colaborou en múltiples revistas: Dorna, Festa da Palabra Silenciada, Grial, Revista de Lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca (UNED), Barbantia, Lletres Asturianes etc. Impartiu numerosas palestras en Xornadas e Congresos dentro e fóra de Galiza, complementadas no ano 2010 cunha xira realizada por diversos centros galegos de Suíza. Ten gañado algúns premios de poesía, relato e crítica literaria.
Pertence a diversas asociacións culturais, entre elas a Academia Real Isaac Díaz Pardo - neste caso desde a directiva-; outras son o Museo do Pobo Galego, a Casa Museo Rosalía de Castro, ProLingua, Barbantia etc.