82.800 hogares gallegos tienen todos sus miembros en paro
O paro subiu en 25.200 persoas no primeiro trimestre do ano en Galicia, en relación cos tres meses anteriores, un 10,48% máis, co que o total de desempregados sitúase en 265.600 e a taxa alcanza o 20,18%, de acordo cos datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundidos este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con estas cifras 82.800 fogares galegos ten todos os seus membros en paro.
En toda España, o paro subiu en 365.900 persoas no primeiro trimestre do ano respecto ao trimestre anterior, un 6,9% máis, situándose o número total de desempregados en 5.639.500 persoas, cifra inédita ata agora para a economía española. En Galicia, que mantén a súa taxa de desemprego máis de catro puntos por baixo da estatal (esta última é do 24,44%), a comparación co mesmo trimestre do ano anterior mostra que o paro subiu en 39.000 persoas, o que representa un 17,23% máis.
Galicia sitúase como a sétima comunidade na que máis creceu o desemprego en termos relativos no primeiro trimestre, en relación ao anterior, aínda que é a quinta en termos absolutos. En canto á taxa de paro, hai nove comunidades cunha porcentaxe máis avultada que o galego e están por baixo Asturias, Cantabria, Castela e León, Madrid, Navarra, País Vasco e A Rioxa. Entre xaneiro e marzo destruíronse na Comunidade galega 22.400 empregos, de modo que os traballadores ocupados descenderon un 2,09% respecto ao último trimestre de 2011 e situáronse nun total de 1.050.500. Se se compara co primeiro trimestre do ano pasado, o número de postos destruídos é de 30.200 e a caída na ocupación do 2,79%. A taxa de actividade galega sitúase, deste xeito, no 55,51%.
Por sexos, hai máis homes desempregados (138.700) que mulleres (126.900), pero elas teñen unha taxa de paro superior, do 20,55%, fronte ao 19,85% no caso deles. Os datos da EPA mostran que no primeiro trimestre estaban ocupadas 490.300 mulleres, cunha taxa de actividade do 49,83%, por 560.100 homes, cunha taxa de actividade do 61,73%.
Ademais, a publicación do instituto estatístico recolle que entre xaneiro e marzo había en Galicia 2.370.700 persoas maiores de 16 anos, o que representa un 2.600 menos que no trimestre anterior, unha caída do 0,11%. Estaban activos 1.316.000, o que representa un incremento de 2.800 persoas no mesmo período, un 0,21% máis.
Fonte: El País